Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
18 de Marzo de 2021 Álvarez Ares

As relacións bilaterais na diplomacia deportiva

Un partindo de ping-pong marcou o desexeo das relacións China-USA

Nos últimos días, a axitación causada por uns vindeiros partidos de fútbol puxo na orde do día a relevancia da diplomacia deportiva, concretamente en torno a súa influenza nas relacións bilaterais. Kosovo, que declarou unilateralmente a súa independencia de Serbia no 2008, é membro de pleno dereito do COI e da FIFA, non así da ONU nin da Unión Europea, mais si é recoñecido pola maioría dos estados que as compoñen, con excepcións como Grecia, Xeorxia ou España. Casualmente tres dos catro rivais que terán que enfrontar no grupo de clasificación para o mundial de fútbol de Qatar 2022.

É precisamente con España coa que está a ter problemas, e non son novos. Nos Xogos Olímpicos do Mediterráneo, no Mundial de Karate e no Europeo sub-17 de fútbol, a negativa do estado español a recoñecer os símbolos oficias do Kosovo acarreou consecuencias dende o COI e a UEFA, ameazando incluso con non outorgar eventos a España. Tras estes desencontros pareceuse avanzar nas negociacións, comprometéndose a conceder visados e permitir a utilización da bandeira e himno nacional. Cando se anunciou a fase de grupos, desde o goberno afirmouse que os mesmos xogaríanse en territorio español, sen que isto supoña o recoñecemento diplomático do Kosovo como estado. O problema rexurdiu cun recente chío de tuiter, no que a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) anunciaba que daría a coñecer a lista de convocados contra “o territorio de Kosovo”, o cal xerou un gran enfado nos kosovares, que ameazaron con non xogar o partido se non se cumpren os requisitos e esixiron unha resposta da RFEF para que “non tome accións que danen as relacións entre as federacións e ambos países”. Será interesante seguir os acontecementos que sucedan ata, durante e despois do encontro, para ver se volve a dinamitar as complexas relacións existentes, ou se é capaz de supoñer un achegamento e distensión das súas polémicas.

O deporte, polas súas propias particularidades, ofrece un marco amigable, pacífico e distendido para o intercambio cultural e o encontro pacífico de líderes, que pode servir de base para a construción de pontes e a normalización de relacións diplomáticas. Do aproveitamento destas particularidades xurde a idea da “diplomacia do pimpón” ou “o emprego do deporte co obxectivo de facilitar o achegamento de posturas ou restablecer relacións diplomáticas entre dous países remisos ao diálogo”.

A orixe deste curioso termo débese ao seu caso paradigmático: cando unha serie de partidos de tenis de mesa serviron para restablecer as relacións diplomáticas entre a China comunista de Mao Zedong e os EUA presididos por Richard Nixon. Durante o Campionato do Mundo de pimpón de 1971, a selección estadounidense recibiu unha invitación para visitar a China, sendo a primeira delegación que o facía dende 1949. Eses encontros serviron como achegamento, que culminou ca visita histórica do presidente Nixón á China continental, marcando o camiño cara o desxeo.

Non sería a última vez que os norteamericanos utilizaran o deporte para o restablecemento de relacións bilaterais, sendo a primeira visita a moitos países nun contexto deportivo. Destacan nos últimos anos a utilización do baloncesto, e do xogador da NBA Dennis Rodman, como instrumento diplomático de achegamento a Corea do Norte, debido á gran afección do dirixente Kim Jong-un; ou a visita de Obama a Cuba en 2016 con motivo dun partido de béisbol, compartindo asento e conversacións desenfadadas con Raúl Castro.

Esta estratexia foi utilizada directa ou indirectamente, por outros países, tendo encontros deportivos de gran simbolismo como Israel vs. Palestina, Kosovo vs. Serbia, ou a competición nalgúns eventos das dúas Coreas baixo unha bandeira. Outra das utilizacións destacadas é a da “diplomacia do cricket” utilizada dende fai máis de medio século pola India e Paquistán. Ambos, envoltos en tensións, guerras, diferencias relixiosas e disputas na rexión de Cachemira comparten unha paixón común: o cricket, que foi utilizado de xeito intermitente para enfriar os conflitos.

Outras veces a mellora das relacións bilaterais deriva da organización conxunta de eventos, como sucedeu na Copa do Mundo de Fútbol de Corea e Xapón 2002 que serviu para aumentar o diálogo político e a cooperación entre ambos países, o desenvolvemento de acordos bilaterais ou a realización de foros económicos. A unha escala máis pequena, próxima e amateur temos os Xogos do Eixo Atlántico, que xuntan a cativos galegos e portugueses para competir representando as súas cidades en encontros acompañados de actos culturais, sendo unha oportunidade para aproximar aos pobos e reforzar a dinámica asociativa dos municipios.

Mais nunca é todo bo. En ocasións os enfrontamentos deportivos serviron para aumentar as tensións e empeorar as relacións bilaterais, chegando incluso ás armas. Este foi o caso da coñecida como “a guerra do fútbol”, protagonizada por Honduras e O Salvador en 1970. Se ben a orixe do problema entre ambos países debíase a unha crisis migratoria, a disputa de tres partidos clasificatorios para o mundial de fútbol foi a mecha final, e no mesmo día do último partido O Salvador rompeu toda relación diplomática e comezou o bombardeo sobre Honduras.

Este foi un caso extremo, mais noutras ocasións fíxose un uso do deporte para entorpecer as relacións. Foi moi notable na Guerra Fría, cando os EUA e a URSS utilizaron o deporte para enfrontarse entre eles. Iniciouse unha loita por dominar o medalleiro, convertindo cada encontro directo nunha especie de enfrontamento patriótico pola superioridade, facéndose uso do boicot deportivo, destacando os boicots olímpicos de Moscú 1980 e Os Ánxeles 1984, con fins totalmente políticos de desacreditación da potencia rival.

Aínda hoxe podemos encontrar casos deste tipo de utilización do deporte, como a prohibición de Irán a todos os seus deportistas de enfrontarse a rivais Israelís, que xa tivo consecuencias mediáticas e exilio de deportistas como o Judoka Saeid Mollaei tras ser coaccionado no Mundial de 2019 a perder para non enfrontarse a un israelí na final.

En ocasións os campos de xogo serviron para reflectir as tensións entre os países, mediante pelexas, xogo sucio ou manifestacións políticas. Por sorte, estas ocasións son puntuais e supoñen unha minoría, como foron máis as veces que serviron para restablecer relacións diplomáticas que para empeoralas. Sabendo isto, convido a seguir de perto o que suceda co España-Kosovo e entre outros estados en tensión, enfocándoo dende unha nova análise: será unha “diplomacia do pimpón” ou unha nova “guerra do fútbol”? Só o devir dos acontecementos saberá.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais