As relacións Galicia-Europa de cara ás eleccións europeas

As vindeiras eleccións europeas de maio de 2014 medirán o malestar da poboación galega con respecto á Unión Europea polas directrices económicas impostas desde Bruxelas ao Goberno español e por extensión ao Goberno galego. Os partidos políticos galegos terán unha nova oportunidade ante os cidadáns de mostrar as súas ferramentas para saírmos da recesión económica actual. Así mesmo, a súa capacidade de mobilizar aos electores diante dunhas eleccións que acostuman a baixos niveis de participación e que se espera que desta volta a abstención chegue a niveis históricos.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

As vindeiras eleccións europeas de maio de 2014 medirán o malestar da poboación galega con respecto á Unión Europea polas directrices económicas impostas desde Bruxelas ao Goberno español e por extensión ao Goberno galego. Os partidos políticos galegos terán unha nova oportunidade ante os cidadáns de mostrar as súas ferramentas para saírmos da recesión económica actual. Así mesmo, a súa capacidade de mobilizar aos electores diante dunhas eleccións que acostuman a baixos niveis de participación e que se espera que desta volta a abstención chegue a niveis históricos.

En termos xerais, as relacións Galicia-Europa veñen marcadas historicamente por duros axustes económicos e estratéxicos nos eidos da agricultura, a pesca ou no sector gandeiro.  Así todo, Galicia tense beneficiado historicamente de fondos europeos desde a entrada de España á Unión Europea no 1986. Tanto o Fondo ao Desenvolvemento Rexional (FEDER) coma o Fondo Social Europeo (FSE) nutren desde fai anos ao Goberno galego de recursos económicos para incentivar novas políticas para a promoción do emprego e para un mellor artellamento do territorio e alcanzar así a converxencia con outras rexións europeas. No 2013 Galicia alcanzou finalmente dita converxencia.

O pasado mes de setembro o Presidente da Xunta de Galicia, o señor Alberto Núñez Feijóo, anunciou publicamente que Galicia reterá un 83% (El País, 2013) das axudas europeas para o período 2014-2020 do total que lle correspondera no período anterior de 2007-2013 (European Commission, 2013). Unhas axudas ambiciosas pero con resultados non tan positivos polo inicio da crise económica. De certo, o mantemento das axudas ten unha relación directa coa fonda crise estrutural que sofre o país, os altos niveis de desemprego e a paralización dos sectores claves da sociedade. Asemade, haberá que ollar con lupa a utilización dos mesmos fondos. As prórrogas europeas non acostuman e porén, o Goberno galego terá que aproveitar esta ‘bola de partido’ e investir nos sectores sociais estratéxicos rescatando se cómpre tamén  á sociedade en risco de exclusión, para non nos converter nun país pantasma. A achega de novos investimentos é motivo de esperanza pero non o é máis o saber a onde irán a parar os mesmos. A sempre nomeada transparencia ha de xogar un papel decisivo no período 2014-2020. Estas novas axudas non poden rematar en obras faraónicas ou proxectos personalistas dos que tanto abondan no país a día de hoxe.

Este éxito da escasa diplomacia galega ven de demostrar como o traballo entre diferentes rexións europeas na mesma situación que o noso país é positiva. A Fundación Galicia Europa dependente da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea lanzou a plataforma Convergence Regions on the Way to Cohesion (CROWC) (Fundación Galicia-Europa, 2013)  a nivel comunitario no 2009 para que o país mantivera os fondos europeos para o período 2014-2020.

É unha mágoa que este éxito da diplomacia galega sexa efémero e que a sociedade civil non dea conta del. Máis, cal é o peso real galego en Europa? Engadímoslle a nosa propia esencia ao proxecto común europeo?

A única institución da Unión Europea con representatividade galega é o Parlamento Europeo. Galicia conta con tres cadeiras e media. Dúas cadeiras van á conta do Partido Popular de Galicia, unha é propiedade do Partido dos Socialistas Galegos-Partido Socialista Obrero Español e a media cadeira correspóndelle ao acordo entre o Bloque Nacionalista Galego e outras forzas estatais para rotar a cadeira parlamentar.

Certo é que tres cadeiras e media de 754 supón un peso mínimo no total do parlamento. Aínda así, os intereses do país atopan representación parlamentar. A comisión de pesca do Parlamento concentra a meirande parte das intervencións dos políticos galegos por ser Galicia potencia europea no sector pesqueiro, aliás das representacións de exteriores e relacións có continente Americano. Con todo e se ollamos a distribución da poboación galega con respecto a outros países de igual ou menor tamaño de poboación, observamos como Galicia atópase cun número reducido de representantes que outros  Estados Membros con menor balance de poboación coma Eslovenia, Chipre, Estonia,  Luxemburgo e Malta que contan cada un con seis deputados a excepción de Eslovenia que conta con oito eurodeputados. A porcentaxe parlamentar que estes pequenos Estados Membros posúen e maior que a porcentaxe real seguindo o modelo dos estados de maior poboación. Este fenómeno chámase proporcionalidade decrecente e aféctalles aos citados Estados Membros de maneira positiva xa que lles permite ter unha representatividade realista lonxe da real en termos totais.

Segundo o estudo realizado polo Centre Maurits Coppieters (CMC, 2012) a Galicia corresponderíanlle nove representantes fronte aos tres e medio actuais segundo a proporcionalidade decrecente empregada para os Estados Membros con menor poboación da Unión. En termos xerais, un aumento da representatividade do país na segunda cámara lexislativa máis grande do mundo ten que ser vista coma unha ambición política a alcanzar polo reducido corpo diplomático galego. De calquera xeito, a Unión Europea confórmana actualmente Estados Membros e non Nacións. Porén, este obxectivo político semella a día de hoxe inalcanzábel pese a que podería representar unha oportunidade real de gañar peso na toma de decisión e influencia nos temas de importancia capital para o país coma os acordos pesqueiros, a distribución dos fondos da PAC (Política Agraria Común), etc.

Máis aló do número de representantes que podería ter Galicia cunha maior participación directa no Parlamento Europeo, as vindeiras eleccións europeas representan desde Galicia un novo desafío para as forzas políticas galegas. Os motivos son ben coñecidos. A fonda crise económica está a asolagar os medios de produción do país e o que é máis importante aínda, está a arruinar os soños e ilusións de futuro de xeracións enteiras.

O histórico de intención de voto nas eleccións europeas retrocedeu desde o 1999, onde o teito máximo de participación foi o 60,82% sobre o total. Pola contra, nas pasadas eleccións europeas de 2009 a participación chegou o mínimo histórico do 43,34% (Ministerio del Interior, 2013). Estes resultados amosan dous problemas. O primeiro e máis importante é o déficit democrático da Unión Europea, que non ten sabido transmitir correctamente a súa función a prol dos cidadáns e o beneficio que supón formar parta dunha Unión plural de Estados Membros. Por outra banda, os partidos políticos teñen errado ao transmitirnos unha visión descafeinada das eleccións europeas.  Certo é que a propia configuración dos grupos parlamentais e políticos do Parlamento Europeo é ambigua có que presenta unha dificultade engadida a hora de explicarlle a sociedade a propia utilidade do mesmo. Certo é que entender o funcionamento da propia Unión require dunha fonda análise polas múltiples contradicións e diferenzas fronte a un sistema estatal. De calquera modo, os propios partidos políticos galegos tampouco teñen avogado por a maior das transparencias de cara ás eleccións europeas.

O 22 e 25 Maio de 2014 semellan lonxe pero non o están. As primeiras coalicións comezan a se formar ante unhas eleccións na que os galegos e europeos xogámonos moito. A futura configuración do Parlamento Europeo marcará o futuro das relacións Galicia-Europa ata o 2019. Uno novo tratado para á Unión xurdirá na próxima lexislatura europea para substituír o actual Tratado de Lisboa. Un novo tratado que avogará pola unidade política, bancaria, fiscal, novos poderes ás institucións e que pode que acolla certas novidades con respecto a actual configuración da Unión Europea. Seguirá sendo en 2019 o Reino Unido Estado Membro? Qué acontecerá con Escocia e máis Cataluña? Os países balcánicos entraran na Unión? E Turquía?

Alén diso, Galicia e seus futuros representantes terán que defender os intereses de todos os galegos nun Parlamento que terá de seguro mais poder que hoxe. Un Parlamento que lucirá mais escéptico ante a propia Unión Europea que nunca e que afrontara innumerábeis desafíos. Un Parlamento no que Galicia terá sen dúbida voz, a cuestión é se esa voz é suficiente ou cómpre aumentala. Os cidadáns terán a última palabra.

 

Listaxe de referencias