Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
A Galicia Exterior 11 de Xullo de 2011 Ríos

As varias vidas de Galicia

Tradicionalmente tense considerado que a emigración, en clara relación coas súas motivacións de orixe, constitúe un drama para o país, unha “sangría” a medio camiño entre a “traizón” e a renuncia a involucrarse nunha dinámica de transformación do país que só pode vir, xenuinamente, desde dentro. Por fortuna, esa percepción apenada e culpabilizadora foise complementando nos últimos tempos con outras visións menos parateolóxicas, mais ricas en complexidade e orientadas a reivindicar o valor da nosa diáspora tal cal hoxe é non soamente como “patrimonio” histórico e humano senón mesmamente como capital social que pode contribuír de xeito activo, como factor dinamizador e non unicamente receptor, ao desenvolvemento do país. 

A realidade desa Galicia Exterior que agora reúne tanto a descendentes daqueles emigrantes de épocas pasadas como a outros galegos máis tardíos que asumen como feito natural a súa vida nun escenario xeográfico que son quen de diferenciar e estimar como se fora o seu domicilio patrio, revela unha profunda transformación sociolóxica, acorde cos tempos que vivimos, e que agarda contar cun reflexo político-institucional que lle permita participar na superación do extravío do país. A tal efecto, cabe reivindicar o establecemento dun diálogo integral coa diáspora que transcenda os formatos clásicos que fan xirar todo o seu universo a través do prisma dos Centros Galegos e da sempiterna idea do retorno, do mesmo xeito que no tratamento político-administrativo veu primando a súa vertente electoral-asistencial. 

Precisamos pasar páxina dese modelo de relacións arbitrando estruturas e fórmulas que faciliten outro entendemento coas novas xeracións e que teña en conta tanto as facilidades que nos procuran as novas tecnoloxías como as profundas transformacións e tendencias do seu e do noso entorno. Iso require igualmente que a diáspora sexa obxecto dun consenso político e social que poña en valor a súa relevancia e significación para o país. Algo que parece obvio e ata simple en razón da dimensión e natureza do feito diaspórico, tense demostrado non obstante complexo de máis para unha clase política que debera asumir como inevitable a refundación deste modelo pero que no seu conxunto, nin dende o goberno nin dende a oposición, foi quen de alentar seriamente aínda visións estratéxicas en cousa ningunha e crer nelas. 

Non se trata de levar Galicia ao diván senón de comprender e interiorizar a idea da continuidade da Galicia interior e a exterior, da necesidade de identificar, reivindicar e integrar o importante talento que temos fóra e convertelo, cun modelo de xestión acaído, nun activo máis ao noso dispor pero, sobre todo, nun recurso de gran transcendencia no mundo en que vivimos, moi por riba no social daqueles dos nosos bens mellor aceptados no mercado internacional se nos referimos ao eido produtivo. Tristemente, Galicia non é consciente deste potencial, ou cando menos iso cabe deducir á vista do enfoque predominante nas relacións coa diáspora nas últimas décadas caracterizado e condicionado pola omnipresencia do asistencialismo. 

A realidade diaspórica de Galicia é un feito da maior relevancia que acada niveis de significación en países da importancia de Arxentina, Brasil, Uruguai, Venezuela, México, etcétera, e tamén en países europeos como Suíza, Alemaña, ou Reino Unido, entre outros, nun nivel sensiblemente inferior. Os datos son ben coñecidos. Velaí dous escenarios xeopolíticos que conforman unha existencia que máis aló da súa importancia numérica, achega a substancia dun capital relacional que nun entorno mundializado depara posibilidades largamente inexploradas polo noso país, especialmente no marco das economías emerxentes de América Latina, onde Galicia podería ter acomodo para superar algúns dos seus déficits estruturais de maior calado apoiándose no alto grao de penetración da nosa diáspora. Así entendida, esta constitúe un aliado clave para a internacionalización de Galicia, pensando non soamente na súa dimensión de lobby respecto aos países onde está implantada senón como cómplice de ambiciosas estratexias en terceiros escenarios. 

A Galicia do exterior é patrimonio, é historia, cultura e, sobre todo, persoas, esas mesmas que deberían estar no epicentro da preocupación e da xestión política. Non  co afán da súa instrumentalización perversa en función de aritméticas electorais senón co cometido de transformar ese recurso nunha ponla máis que estimule o noso desenvolvemento. Toda esa enerxía pode activarse de forma fecunda a condición de que apreciemos adecuadamente as súas vantaxes e sexamos creativos á hora de imaxinar espazos para o diálogo, respectuosos cos nosos interlocutores e teimudos na súa implementación. Nada abate e desacouga máis ca ese ir e vir constante que deixa os compromisos a medias, inhabilitando irresponsablemente as posibilidades de desenvolvemento futuro por mor da falla de seriedade dunhas institucións que só funciona coa mirada posta no curto prazo ou que resolven á lixeira a caducidade de proxectos que involucran á diáspora sen contar con ela nas súas decisións.

Non se trata, pois, de vivir de nostalxias, de recuperar ideas trasnoitadas, senón de aceptar a realidade e construír sobre ela, cun sincero afán de bilateralidade que exprese unha relación en pe de igualdade capaz de arelar e proporcionar beneficios recíprocos. Quere isto dicir que tanto obriga é encarar a conservación dese inmenso patrimonio que temos fóra (sen afanarse a toda costa por “recuperalo” fisicamente para o país: pode estar ben onde está), utilizándoo como expresión dunha presenza que pode servir de estimulo para fomentar a cooperación, como establecer mecanismos que favorezan o traballo en rede con esa realidade humana perfectamente integrada no país de destino sen que por iso teña a menos a súa Galicia orixinaria e sen que teñamos que teimar no fomento do retorno como máxima felicidade e clímax da auténtica identificación co país ata o punto de xerar incomodos entre os galegos e galegas do exterior, moitos dos cales non pensan así e están no seu pleno dereito.

Esquezamos as débedas mutuas. Debemos facer borrón e conta nova, tomando boa nota dos trazos esenciais do mundo no que vivimos e no que Galicia conta, para desenvolverse, cun capital humano que transcende a súa cativa realidade xeográfica e demográfica. Pola contra, cando a internacionalización en todos os eidos, dende a economía á cultura e todos os demais ámbitos, semella marcar a pauta de futuro, a diáspora fainos ver todo ese amplo abano de indicadores que significan o noso nivel de internacionalización en áreas de non pouca importancia e con posibilidades reais de servir de ponte con sociedades e gobernos de países nos que algúns galegos e galegas mesmo puideron chegar a desempeñar postos de especial responsabilidade. Temos moito camiño andado. 

Neste contexto, non sobra a idea da “galeguidade”, un concepto político-romántico que serviu nun tempo para configurar esa nube relacional de vínculos, dependencias e intereses afortaladores da identidade, pero cabe establecer hoxe un marco renovado dela, capaz de integrar nunha mesma estratexia tantos medios á nosa disposición que hoxe están infrautilizados e que requiren de compromisos e políticas perseverantes e consensuadas para plasmar ese recoñecemento efectivo do seu valor esencial no noso tempo. 

Porque esa é a idea: a emigración que no seu día significou a consecuencia mais dolorosa do noso subdesenvolvemento, constitúe hoxe, entre outras lecturas, unha ferramenta e factor de progreso que podería chegar a ser tan importante como a innovación tecnolóxica se non a estragamos. O principal lastre que impide ese salto cualitativo na maneira de ollar a diáspora radica na pervivencia en nós desa outra cultura, afín ao propio galeguismo en sentido amplo, que asocia a Galicia exterior coa renuncia ao noso desenvolvemento e ata o abandono da nosa identidade. Nada máis lonxe, sen embargo. 

Nesa perspectiva, de moi desacertada cabe cualificar unha reforma electoral que limita e impide a participación política dos residentes no exterior no acontecer dun país que non só é que lles importa aos galegos da diáspora senón que á propia Galicia territorial debería interesarlle reforzar os mecanismos de implicación. A reforma electoral que conviría a Galicia pasa neste sentido pola creación de circunscricións da diáspora americana e europea que permitan a elección directa dos seus propios representantes. Non se trata de que voten ou non nas nosas eleccións con máis ou menos garantías, senón de que participen co seu debate, co seu programa, cos seus candidatos, e que acheguen ao Parlamento de todos as súas inquedanzas e suxestións. O debate exterior debe formar parte do noso debate e consideralo interno a todos os efectos.

A emigración é un feito consubstancial a Galicia, que nos identifica como tal. O problema de España hoxe é outro, a inmigración. Que poidan votar nunhas eleccións xerais todos os emigrantes españois pouco significado debe ter para nós. O realmente importante, alén das garantías e modos de sufraxio, é idear aquela fórmula que posibilite a súa implicación activa e equiparable nos problemas do país. Sen dúbida, a privación do sufraxio vai en detrimento desa participación e terá como consecuencia inmediata a perda de peso específico e unha maior marxinalidade na atención á diáspora e no compromiso coa habilitación de enfoques anovadores. Deixando de votar, deixarán de preocupar. 

Darlle a volta

O recoñecemento político-institucional da Galicia do exterior debería conlevar unha política consensuada de renovación da súa estrutura asociativa, na que segue a primar un localismo de orixe que dificulta a maximización das oportunidades e minimiza a ambición. Cumpriría encarar ese futuro cun pleno aproveitamento desa realidade de orixe, peneirada en función das demandas dun presente que require unha fonda racionalización, rigorización e profesionalización. Non significa iso abandonar a bagaxe histórica e sentimental asociada aos nosos Centros, pero úrxenos contar con  valor suficiente para alentar este debate coa mirada posta nunha dinamización que debe ter como horizonte o futuro e non o pasado. Unha implicación pública e social axeitada permitiría abordar este asunto sen grandes fendas nin traumatismos, coa xenerosidade e altura de miras que require. Este aspecto é esencial se queremos que a Galicia exterior deixe de ser esa realidade atomizada que hoxe coñecemos, administradora dun gran patrimonio en sentido amplo, pero inadaptada para encarar os desafíos dos novos tempos. 

A transformación interna é a segunda preocupación, onde deberiamos apostar por unha profunda renovación dos liderados, unha maior democratización das estruturas, e, sobre todo, a viabilización dun enfoque aberto ás sociedades de destino, deixando de ser centros dos galegos emigrados para converterse en centros de Galicia abertos ao conxunto da sociedade con independencia da súa nacionalidade. Así concibidos, concentrados, teriamos ao noso dispor non soamente posibilidades de actuar mais eficazmente en sociedades de países que estratexicamente nos importan visibilizando a transformación que Galicia experimentou nas últimas décadas senón que abririamos posibilidades de atracción de moitos galegos influentes ou non que fóronse arredando destas estruturas polo seu alto nivel de fosilización e pola reprodución de relacións de dependencia co interior escasamente atractivas.

A terceira clave sería o pulo a novas iniciativas de referencia e estables que serviran de plataforma de conexión entre as dúas realidades galegas. Non se trata de facer máis asociacións, de convocar máis grandes encontros para grandes celebracións gastronómicas e folclóricas, senón de darlle a volta á pirámide e ser capaces de pensar a diáspora nunha perspectiva estratéxica. Porque sobre todo é iso o que nos falta: estratexia. Se a tivésemos clara, sería outro o elenco de accións que estariamos a desenvolver e serían outras as estruturas e palancas que teriamos deseñado para que socialmente non se cronifique esa idea de que a diáspora é unha especie de rémora á que debemos auxiliar senón ese tesouro afastado que debemos atraer e coidar.

Infundir un novo carácter e dinamismo á Galicia exterior require tamén un novo enfoque das políticas públicas a este nivel, en demasía lastradas por anos de parasitismo enfermizo en subvencións de cuestionable finalidade. A “viaxe triste” da emigración condiciona as políticas de “compensación” que tratan de “reparar” aquela amargura con accións emotivas nas que predomina o sentimental. Indubidablemente é este un aspecto que merece atención mellorando no que sexa preciso os mecanismos de transparencia. Pero debemos mirar máis aló. 

As dúas referencias principais son a económica e a cultural. En ambos os dous planos, Galicia pode contar con poderosos aliados sempre e cando integremos a diáspora nas nosas estratexias exteriores e primemos esta consideración sobre outras que progresivamente irán caendo en desuso por imperativo natural. Certo é que dispor do activo diaspórico non equivale a un aproveitamento automático pois non son desprezables os obstáculos culturais que connotan a nosa traxectoria e visión empresarial e que dificultan a cooperación. Pero se estamos convencidos, como é o caso en todo o mundo, de que a cooperación é camiño e fonte de progreso, esta acabará por impoñerse se perseveramos e aprendemos daqueles que en condicións semellantes, tanto no positivo coma no negativo, foron quen de consolidar procesos de cambio que derivaron en enriquecemento tamén social.

Precisamos un gran cambio cultural dentro e fóra. Temos que observar a diáspora con outros ollos. E a propia diáspora debe acomodarse aos novos tempos. Sen unha cousa nin a outra corremos o serio risco de tirar pola borda en poucos anos un capital social de incalculable valor. A construción dese proceso esixirá un acompañamento e ata liderado político pero a súa xestión debe radicar na propia sociedade civil, confiando nas súas capacidades para tirar proveito das fórmulas elixidas e evitando as asfixias institucionais e partidarias con tanta tendencia a reconducilo todo a derivas electorais. Debemos ir máis aló deses límites.  

E precisamos igualmente ese salto cualitativo no tratamento do fenómeno migratorio. Para el haberá que contar co apoio dos Centros Galegos na maneira apropiada, pero o esforzo principal debe orientarse nunha dobre dirección. Primeiro, procurando a implicación dos descendentes dos galegos emigrados nas estratexias de acción exterior de Galicia; segundo, orientando o contacto e as relacións establecidas no senso de favorecer o impulso dos intercambios humanos, culturais, informativos, comerciais, económicos e de todo tipo. 

¿Hai país para a diáspora?

Galicia goza dunha presenza humana universal. A diáspora é un factor diferenciador esencial que require de iniciativas innovadoras e capaces para construír unha nova relación de fidelidade co país. Se a Galicia do século XXI é inimaxinable sen infraestruturas adecuadas, terrestres ou telemáticas e de comunicación, tampouco é posible imaxinar a Galicia como país no mundo sen canles específicos que lle permitan desenvolver as estratexias mais axeitadas para a satisfacción dos seus intereses, optimizando un recurso tan valioso como o capital intelectual e relacional que supón a diáspora.

Superar a falta  de comprensión entre as dúas Galicias e xerar ilusión esixe dotarse de proxectos compartidos. A diáspora biolóxica chega ao seu fin. Se non somos quen de construír a tempo un novo modelo de relación e de entendemento, as estatísticas acabarán por dicilo todo. Hai que deixar de preocuparse pola emigración a razón da conveniencia dos intereses políticos conxunturais e pensar nela en clave de país e de futuro. Ábrese un tempo novo que non estamos apreciando na súa debida dimensión, cousa que acabará pasando factura se non reaccionamos.

Galicia corre o risco de decepcionar a súa diáspora, pois síguea considerando algo marxinal e case anecdótico, lastre do pasado de camiños de lama que casan mal coas grandes autoestradas que nos conectan con Europa, onde seguimos poñendo a práctica totalidade dos ovos da cesta. Pero a nosa visión non se corresponde coa actual realidade e os nosos modos e maneiras adoecen de falta de consistencia. Non son eles os que precisan a nosa axuda. Somos nós os que estamos varados. Precisamos ambos construír unha relación madura, sen paternalismos, flexible e de interese mutuo, internacionalizada e identitaria á vez, capaz de acomodarse ás tendencias de fondo do noso tempo e de engancharse a elas e tamén de seguir mantendo unha conciencia da orixe que faga valer o noso empeño pola preservación da diversidade global. 

Urxe actuar para non perder as vantaxes de contar cunha diáspora e para iso precisamos deseñar unha acción política estratéxica, abondosa en matices e, sobre todo, persistente. ¿Hai país para tal cousa?

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais