Asimetrías

O retroceso é un dos eixes que vertebran o diagnóstico do Informe sobre a Acción Exterior de Galicia 2011 elaborado a instancias do IGADI contando coa colaboración dun abano plural de especialistas en diferentes áreas. En realidade, tal como nel se argumenta, ese retroceso non é resultado exclusivo da crise.

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

O retroceso é un dos eixes que vertebran o diagnóstico do Informe sobre a Acción Exterior de Galicia 2011 elaborado a instancias do IGADI contando coa colaboración dun abano plural de especialistas en diferentes áreas. En realidade, tal como nel se argumenta, ese retroceso non é resultado exclusivo da crise. Diría máis, o que esta esixiría é todo o contrario, habida conta que, como advirten unanimemente diferentes observadores, no exterior non soamente está a orixe parcial da crise senón igualmente, en boa medida, a súa solución. Pero a crise, aquí e entre nós, é aproveitada para xustificar un amplo e incomprensible recorte nunha política pública que hoxe é esencial para acompañar outras dimensións da internacionalización que parecen “inocuas”, falemos do eido económico ou da aprendizaxe de linguas estranxeiras, ambas igualmente necesarias. Non obstante, e pese a que no imaxinario civil goza dun descrédito non sempre merecido, a acción exterior é un piar clave na estratexia de supervivencia de calquera entidade posta ao día. Esta sería unha ocasión de ouro para dignificala. No caso dunha entidade subestatal, comunidade autónoma ou nacionalidade como a nosa, é primordial, e debe abordarse de forma simétrica, ponderando a importancia de tecer redes que fomenten a internacionalidade dos diferentes segmentos que conforman o país.

Pero, incomprensiblemente, en vez de apoiarnos no feito, desandamos a marchas forzadas, quizais coa intención de eludir esa tendenciosa asociación entre acción exterior e desexo de gañar oblicuamente unha “soberanía” que non se é quen de plasmar internamente. É obvio que tal “perigo” é residual en Galicia, e que a aposta pola internacionalización transcende con moito calquera ideario nacionalista debendo formar parte dun consenso semellante ao que suscitaría, por exemplo, a aposta pola innovación, clave igualmente substancial dun futuro que debemos construír a partir da mellora das nosas capacidades endóxenas.

Vítima dos recortes e das oportunidades que suxire para desvalorizar parcelas politicamente incómodas, a acción exterior pasa a maior gloria, reconvertida nunha especie de oficina de captación de fondos e recursos, desprovista de contido e estratexia político-institucional, cinguida ao limitado mundo eurocontinental, desprezando as posibilidades de articular formas diversas de internacionalización que poden contribuír a alargar os efectos das nosas potencialidades e vantaxes.

É esencial actuarmos sobre un marco que transcenda os nosos límites administrativos. Amputar o exterior equivale a erguer valados de inacción. Os intentos de “despolitizalo” reducíndoo a unha cuestión comercial á marxe de estratexias complementarias que abunden nos factores institucional, cultural ou social, todos eles converxentes, é un desacerto que pasará unha avultada factura.