Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 29 de Outubro de 2021 Ríos

Assange

descarga_1.jpg

Iniciouse no Tribunal Superior de Londres a audiencia que estuda a eventual extradición aos EUA de Julian Assange, fundador de WikiLeaks. Assange seguiu brevemente a sesión dende o cárcere de máxima seguridade de Belmarsh, no sueste de Londres, onde está preso e, segundo denuncian os seus letrados, en condicións que evidencian un precario estado de saúde. Assange foi detido en abril de 2019 e dende entón permanece illado.

Washington apelou a decisión da xuíza británica Vanessa Baraitser de bloquear a extradición, tomada en xaneiro, ao determinar que os EUA non podían garantir a seguridade de Assange no seu sistema penitenciario. A Casa Branca expresou naquel entón a súa "decepción extrema" coa decisión de Baraitser; sen embargo, recentemente revelouse a existencia dun presunto plan da CIA para secuestrar ou asasinar a Assange durante a súa estadía como refuxiado na embaixada de Ecuador en Londres en 2017.

Lembremos que Assange, de 50 anos, é requirido pola xustiza estadounidense pola filtración de 500.000 arquivos que detallan información sobre as campañas militares de Afganistán e Iraq e os crimes de guerra cometidos que inclúen o asasinato premeditado de varios civís. WikiLeaks publicou en 2010 un vídeo militar estadounidense que mostraba un ataque de 2007 con helicópteros Apache en Bagdad no que morreron unha ducia de persoas, entre elas dous membros do equipo de prensa de Reuters. A continuación, publicou miles de arquivos secretos clasificados e cables diplomáticos.

Tras unha intensa campaña de desprestixio, o Ecuador de Lenin Moreno revocou a cidadanía de Julian Assange, que recibira de Quito como parte dun intento fallado para convertelo nun diplomático e poder liberalo da embaixada en Londres. O Ministerio de Relacións Exteriores de Ecuador apurouse a sinalar que actuara de "maneira independente”, afirmación posta seriamente en dúbida por moitos. O “polémico” Assange pasou sete anos refuxiado dentro da embaixada de Ecuador en Londres, a onde fuxira en 2012 para evitar a súa extradición aos EUA.

O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, ofreceu en xaneiro asilo político a Assange, tras coñecerse a decisión da xuíza Baraitser de que non debería ser extraditado aos Estados Unidos "debido a preocupacións sobre a súa saúde mental".

O pedido de extradición fundaméntase na Lei de Espionaxe dos Estados Unidos baseada na suposta asistencia que proporcionou a ex oficial de intelixencia militar Chelsea Manning, quen obtivo os documentos de sistemas informáticos militares.

De ser extraditado, Julian Assange enfrontaría unha pena que podería sumar 175 anos de prisión polos supostos delitos.

Mantido cunhas restricións fora do común que lastran a súa defensa, incluída a posibilidade de manter unha comunicación fluída cos seus avogados, os fiscais estadounidenses ofreceron ao tribunal algunhas garantías en caso de ser extraditado (non ser ingresado nun cárcere de máxima seguridade nin ser obxecto de medidas de carácter especial). A imposibilidade de contar con mecanismos solventes para garantir o pleno respecto das hipotéticas promesas dos EUA alimenta as desconfianzas.

A persecución de que é obxecto Assange por parte das autoridades dese país líder do mundo libre interpela moi en especial ao mundo xornalístico, asombrosamente desentendido do caso salvo honrosas excepcións, por canto afecta ao dereito á publicación de información veraz e de interese público que ademais neste suposto incide na denuncia de crimes contra a humanidade. Nada menos. Por iso tamén involúcranos a todos: a esixencia de liberdade para Assange é unha cuestión de dignidade para calquera sociedade que se pretenda elementalmente democrática e comprometida coa paz.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais