Autocrítica

Eles, fanáticos. Nós, vítimas. Sorprende a ausencia de autocrítica á hora de avaliar a secuencia de criminais atentados yihadistas que se veñen producindo en numerosos países, europeos incluídos. Clama ao ceo, realmente, a falta de contextualización destes episodios e dos seus protagonistas, ambos os dous non exentos de responsabilidade por parte dos gobernos de Occidente que alentaron determinadas políticas en áreas sensibles do planeta. A clave esencial que debera preocuparnos é que a expansión do terrorismo internacional non sería posible sen a secuencia de graves erros dos líderes occidentais emperrados en impoñer a toda costa os seus intereses. O Estado Islámico, como Al Qaeda,  non serían posibles sen semellante desenfoque.  

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

O actual estado de cousas é incomprensible se ignoramos a conduta dos gobernos occidentais dende a guerra de Iraq de 2003 e as subseguintes intervencións en numerosos países, con efectos realmente desastrosos tanto no plano humanitario como en termos de estabilidade e seguridade. Toda a secuencia de guerras civís alentadas polas potencias democráticas para xerar realidades mais afíns permitiron a prosperidade destes grupos, a cada paso máis fortes, medrando entre o descontento con unhas políticas occidentais que bordean o surrealismo e a indecencia. Baste pensar na situación libia, un país envorcado nun caos absoluto exportando inestabilidade a países veciños como Tunisia. Ou pensemos na Siria de Asad, a quen despois de ponderar unha invasión para derrubalo agora haberá que axudar para frear o avance dos grupos yihadistas, o mal maior.

En Europa, España incluída, advírtese da gran ameaza que supón a probabilidade dun ataque por parte destes grupos. Falta aínda por se escoitar unha autocrítica minimamente seria a propósito da errática política exterior da UE nestas zonas, seguidista en extremo de Washington. Outro exemplo, a inutilidade do ex primeiro ministro británico Tony Blair, representante do Cuarteto para Oriente Medio e significado laborista militarista. A falta de solucións para a cuestión de Palestina está en boa medida na orixe do xiro desestabilizador que chega de Oriente Medio e do mundo árabe.

Cómpre unha Conferencia Internacional pero para pedir perdón por tantas traxedias provocadas, por tantas responsabilidades derivadas do actual estado de cousas, por tantas inxustizas acumuladas, esixindo daqueles que mentiron de forma tan escandalosa e abominable, a asunción das consecuencias. Sen autocrítica, o que implica a adopción de medidas correctoras, dificilmente se poderá saír da actual espiral de tensión. Sen unha nova política, que respecte o dereito das respectivas sociedades a autoorganizarse en marcos de cooperación –e non submisión- con países terceiros, será imposible imaxinar unha estabilidade que faga borrón e conta das alianzas cos gobernos corruptos e autocráticos que tanto ven privilexiando, aínda hoxe, o Occidente democrático.