Autogoberno, universalidade

Non foi coa recente mundialización post-soviética que o galeguismo descubriu a importancia de contar cunha axenda a prol da internacionalización. Contrariamente ao atribuído empeño por erguer valados, a aposta polo autogoberno sempre estivo acompañada dunha fonda arela de universalización.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Non foi coa recente mundialización post-soviética que o galeguismo descubriu a importancia de contar cunha axenda a prol da internacionalización. Contrariamente ao atribuído empeño por erguer valados, a aposta polo autogoberno sempre estivo acompañada dunha fonda arela de universalización.

Se buscamos nas raíces da definición dunha posible política exterior para Galicia, daremos cun galeguismo que pensaba niso, como en tantas outras cousas, cando case ninguén acostumaba a facelo. Moito antes de que aquí se falara contemporaneamente da unidade dos pobos de Europa, de dar un xeito ás relacións con Portugal e Brasil ou mesmo de explorar as oportunidades do celtismo, os galeguistas, que se atopaban entre os primeiros europeístas da península, sumaban propostas para enxertarnos no mundo a partires de nós.    

Aquelas bases sentadas polo galeguismo seguen en grande medida vixentes na Galicia de hoxe. Un século despois, insistir na contradición entre ambas as dúas cousas, autogoberno e universalidade, carece de sentido aínda que non falta quen recunque. É, non obstante, mais común, a bifurcación. É dicir, hainos que apostan por unha internacionalización á alza da economía acompañada da mingua do autogoberno non se sabe ben co propósito de ameritar o que; quizais como dicía Plácido Castro en 1933 coa “aspiración máxima de caciquear con máis ou menos eficacia nos ministerios madrileños”. Isto é o que veu dando de si a nosa política en tempos recentes, desandando unha comprensión que tiñamos lograda.

Cómprenos reivindicar unha actualización con vontade de posta ao día pero tamén para recuperar un necesario acordo cívico –mais aló da política no senso partidario-. A internacionalización afecta ao mundo da empresa pero non só. Isto apréndese tamén nas escolas de negocios. Non é unha proposta política stricto sensu. Aínda que política é querer prescindir diso.

Asociar a demanda de universalidade con afán de confrontación é como dicir que a autonomía reivindicouse para acabar co Estado. A cada tempo requírense propostas anovadoras. No mundo de hoxe hai que estar. Nós temos a vantaxe de que levamos moito tempo nel, circunstancia que nos proporciona importantes recursos hoxe mal xestionados. En vez de renunciar a iso debemos inventariar e dinamizar as nosas posibilidades, que son moitas, botarlle valor e confianza e actuar con criterio e racionalidade.  

Arredor destas ideas queremos discutir no Congreso de Estudos Internacionais que celebraremos en Pontevedra coincidindo co oitenta aniversario do referendo do primeiro estatuto (28 e 29 de xuño na Facultade de Ciencias Sociais). Porque vinculamos deliberadamente unha cousa e outra. Porque as dúas son inseparables e coas dúas gañamos, con autogoberno e con universalidade. E canto mais de cada, mellor.