Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
4 de Setembro de 2020 Martínez Pellitero

Axenda 2030: Reconstruír o común

Arredor do Informe de progeso 2020 do Estado español
Informe de progreso 2020

O pasado mes de xullo o Vicepresidente Segundo de Dereitos Sociais e Axenda 2030 do goberno do Estado español –Pablo Iglesias- presentou xunto á Secretaria de Estado de Axenda 2030 –Ione Belarra- o informe de progreso para o cumprimento da axenda 2030. Este documento, de facto[1], avalía a actuación dos gobernos do Estado español nos seus diferentes niveis –administracións centrais, autonómicas e locais- en relación aos compromisos adquiridos, xunto a outros 192 países pertencentes ás Nacións Unidas no ano 2015, ao subscribir este marco global para acadar un desenvolvemento sostible.

En palabras do propio documento, este informe ten coma propósito “presentar unha análise exhaustiva que contribúa a coñecer cal e a situación actual dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), avaliando o seu cumprimento no Estado español, de xeito que poidamos afrontar o futuro cunha estratexia que permita “reconstruír o común” a partir da implantación das metas definidas na Axenda 2030.

Evidentemente, a Pandemia causada pola Covid-19 que ten paralizado mundo enteiro afectou tanto ao Plan de Goberno como ao propio cumprimento da Axenda no Estado. Consciente disto, Nacións Unidas readaptou cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible á nova situación mundial[2], na que a saúde da poboación e as súas condicións económicas se viron tremendamente degradadas pola crise, afrontando o futuro dende unha perspectiva de “reconstrución”, enfocandoo como unha oportunidade para (re)construírnos cun modelo diferente.

Esta rendición de contas a nivel do Estado español cobra aínda mais relevancia tras a emisión dun informe do relator das Nacións Unidas para a extrema pobreza e os dereitos humanos[3], Philip Alston, quen despois de visitar algunhas das zonas con maiores dificultades -por non dicir miseria- do país, comentou frases tan duras coma "Visitei lugares que sospeito que moitos españois non recoñecerían como parte do seu país (…) barrios pobres con condicións moito peores que un campamento de refuxiados”[4], sinalando o “compromiso do novo goberno coa xustiza social” como o único aspecto positivo ao que se aferra para reverter esta situación a corto prazo.

O informe “Reconstruír lo común” ten unas conclusións moi positivas, en tanto que asume que o Estado español está en camiño de cumprir a Axenda. Unhas previsións que, de non ser soportadas por evidencias, semellan excesivamente optimistas, pois as previsións globais son de non acadar o éxito de ningunha maneira. Como desenvolveremos a continuación, estas entusiastas conclusións están sustentadas polos cambios e as novas políticas que está impulsando o goberno nos últimos meses, mais deberán ter unha continuidade no que se refire a aplicación práctica das novas leis, estratexias e plans que se están deseñando nos últimos meses.

En primeiro lugar asúmese que a nova situación de crise sanitaria, social e económica vense a sumar aos retos xa coñecidos de enorme desigualdade social e emerxencia climática; e que só unha saída que reverta estes dous problemas pode ser o camiño para afrontar o primeiro.

Entre os avances que o informe recoñece como pasos para cumprir a Axenda 2030 cabe citar por un lado, o Plan de continxencia para a crise da pandemia durante o ano 2020, con medidas tales como:

  • Protección do emprego (ERTEs): ata 3.5 millóns de traballadores e traballadoras acollidos a esta modalidade para salvar os empregos durante a fase mais aguda da pandemia.
  • A posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital (IMV): esperando ata 1 millón de fogares beneficiarios, cunha inversión superior aos 3.000 millóns de euros -moi controvertido nos últimos días pola súa, de momento, ineficacia-.
  • Reforzo autonómico dos sistemas sanitarios (incremento de recursos económicos e humanos) e a compra de mais material sanitario de protección
  • Impulso da investigación contra a Covid-19 e apoio aos proxectos internacionais para obter unha vacina nos próximos meses
  • Escudo social: prohibición de desahucios, prórroga aos contratos de aluguer vencidos e cobertura da prestación por cese de actividade de autónomos e autónomas, acollida por mais de 1.4 millóns de persoas (45% dos totais).
  • Avales a empresas por valor de 100.000 millóns de euros, con especial foco en PYMES e autónomos/as para compromisos de pago a c/p.

E por outro, as estratexias e políticas que tiñan unha previsión anterior á crise, pois dende 2018 o Estado español ten definido un Plan de Acción para a implementación da Axenda 2030, onde se definiron “nove políticas palanca” que deben xogar un papel central na implementación de esta. Do seu avance o goberno destaca as seguintes:

  • Na prevención e loita contra a pobreza, as desigualdades e a exclusión social, a subida do SMI ata 950€, a modificación da lei de despido ou a concesión de becas a estudantes baseada unicamente en criterios socioeconómicos; ademais de prever o mantemento do bono social eléctrico e térmico para loitar contra a pobreza enerxética.
  • Avanzar na igualdade efectiva entre homes e mulleres grazas ó impulso do movemento feminista, presentando na semana do 8 de marzo de 2020 o anteproxecto da Lei Orgánica de Garantía da Liberdade Sexual.
  • A aprobación do anteproxecto de Lei de Cambio Climático e Transición enerxética para abordar a emerxencia climática.
  • O desenvolvemento e aplicación da Axenda Urbana Española a través do seu plan de acción e o seu claro aliñamento coa Axenda 2030
  • A aprobación da Estratexia Española de Economía Circular 2030 para enmarcar as existentes estratexias autonómicas; igual que a aprobación da Estratexia Española de I+D+I en Intelixencia Artificial que deberá guiar a investigación neste campo nos próximos anos.
  • Por último, destaca que xa se comezaron a elaborar outras estratexias que deberán ser centrais nos próximos anos como a Estratexia Española de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación 2021-2027 ou a Estratexia de Economía Social tamén cun horizonte ata 2027.

Estes son algúns dos elementos que recolle o informe como grandes avances, mais establece o gran reto político do goberno con respecto ao aliñamento da estratexia do Estado español coa Axenda 2030: impulsar -a partir de este mes de setembro- e aprobar a Estratexia de Desenvolvemento Sostible.

Practicamente todos os avances sinalados se sitúan mais no espazo da gobernanza que no espazo da mellora dos indicadores sociais, económicos e ambientais mais críticos. Dar este (grande) avance no campo da gobernanza semellaba imprescindible, comezar a construír unha estratexia que marque o camiño do Desenvolvemento Sostible era o primeiro paso, pero agora falta todo o demais. Operativizar estas estratexias e chegar a cidadanía, a economía real e a natureza para que todas estas palabras teñan un impacto positivo que se poida sentir na próxima década.

Ligazón ao informe completo: https://www.agenda2030.gob.es/recursos/docs/Informe_de_Progreso_2020_Reconstruir_lo_Comun_.pdf

[1]A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, subliñou que o documento presentado polo vicepresidente segundo supón unha especie de rendición de contas ante o conxunto da cidadanía”: https://www.lamoncloa.gob.es/consejodeministros/resumenes/Paginas/2020/140720-cministros.aspx?qfr=1

 [2] Podemos ver na páxina oficial de Nacións Unidas para a Axenda 2030 como en cada un dos 17 ODS se engadiu un apartado de “Resposta á Covid-19” que analiza as oportunidades ou ameazas derivadas da nova situación: https://www.un.org/sustainabledevelopment/es/objetivos-de-desarrollo-sostenible/

[3]  Relator Especial sobre a extrema pobreza e os dereitos humanos: https://www.ohchr.org/SP/Issues/Poverty/Pages/SRExtremePovertyIndex.aspx

[4] Enlace á nova de Nacións Unidas onde se difunden as principais conclusións de este informe: https://news.un.org/es/story/2020/02/1469232

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais