Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 10 de Xuño de 2016 Mansilla Blanco

“Balcanizar” Siria e Iraq

Edificio en ruinas na fronteira entre Siria e Iraq. Fonte: Sputnik News

Chama a atención a case nula cobertura rexistrada nos mass media sobre a crise política que está a vivir actualmente Iraq, sumida no caos sectario e institucional con visos de desintegración estatal de feito. A recente irrupción na denominada Zona Verde de Bagdad de simpatizantes do clérigo xiíta Muqtada al Sadr evidencia os trazos de disfuncionalidade estatal iraquí, toda vez a indiferenza internacional, probablemente calculada, vai á par do silencio que igualmente estase a percibir dentro do complexo crebacabezas na veciña Siria. Ambos factores anuncian expectantes cambios de equilibrios motorizados por unha “balcanización” rexional visualizada pola previsible disolución estatal siria e iraquí, polo sórdido pulso de intereses estreitamente ligados a imperativos enerxéticos, e finalmente do monumental fracaso da Doutrina Bush (2004) e das incertezas da non menos unilateral Doutrina Obama focalizada na apertura con Irán, pero que aprecian notorias incapacidades de disuasión para emendar a desfeita xeopolítica rexional.

Esta nova crise política iraquí traduce non só as tensións sectarias existentes entre as comunidades xiíta e sunnita, clarificadas igualmente pola intervención do Estado Islámico con centro de operacións na porosa fronteira sirio-iraquí, senón da disfuncionalidade institucional e das acusacións de corrupción contra a actual administración do primeiro ministro Haider al-Abadi. O Movemento Sadrista liderado polo clérigo xiíta al Sadr irrompeu a mediados de maio no Parlamento iraquí, enclavado na denominada Zona Verde de Bagdad, o perímetro de maior custodia policial e militar, un feito que igualmente evidencia o caos da seguridade iraquí.

Pero é presumible intuír que as razóns colaterais existentes dentro da crise iraquí correspondan mais ben a unha reprodución das tensións e pulsos de poder por controlar diversos intereses xeopolíticos existentes na rexión, que implican igualmente os imperativos estratéxicos de diversos actores, principalmente Irán e Arabia Saudita como respectivos centros de gravitación dos mundos xiíta e sunnita. Todo isto sen menoscabar a implicación, directa ou non, doutros centros de poder e decisión.

Nun momento de expectativas incertas sobre o proceso de apertura diplomática entre Washington e Teherán, a crise iraquí e a indefinición da guerra siria traduce un momento de confusión no que diversos actores tensas as súas esferas de control co fin de manter inalterables os seus intereses estratéxicos. En perspectiva, pode explicarse que rebelión xiíta de al Sadr estea directamente relacionada coa deficiencia institucional e a corrupción rampante no goberno iraquí así como pola evidencia de feito dunha eventual desintegración estatal que implique un territorio sunnita probablemente monopolizado polo Estado Islámico e un Curdistán eventualmente independente ao norte.  

Estados-oleodutos

Non obstante, detrás da crise iraquí se visualizan igualmente diversos focos relativos ás expectativas de control e recondución de diversas rutas petroleiras, gasíferas e hidráulicas, nas que están implicadas multinacionais estadounidenses, europeas, rusas, sauditas, catarís e asiáticas. Toda vez, os presuntos vínculos e factores de poder de Teherán co Movemento Sadrista e outras forzas xiítas iraquís, principalmente establecidos a través de redes de contactos controlados pola poderosa Garda Revolucionaria Islámica, auténtico poder pretoriano dentro do sistema iraniano, pode igualmente intuír un toque de atención no relativo ás expectativas de entendemento entre o actual goberno iraniano de Hassan Rouhaní e Washington, principalmente á hora de contemporizar os termos de negociación existentes nas tentativas da Doutrina Obama por formalizar unha histórica apertura con Irán.

Compre considerar que os simpatizantes de al Sadr que irromperon no Parlamento iraquí o fixeron baixo consignas contrarias tanto cara EUA como Irán, acusándoos de ser os principais centros de decisión e de influencia que gravitan dentro da política iraquí.

Neste sentido, nos termos de aproximación entre Teherán e Washington ten un peso importante o aspecto enerxético, especialmente no relativo á concentración de mercados e as rutas de abastecementos que implican non só a Irán e Occidente senón tamén a outros actores colaterais (China, India, Rusia). Estes aspectos estratéxicos, visible e frecuentemente silenciados nos mass media, poden igualmente definir varios aspectos relativos ás protestas en Bagdad, principalmente no aspecto do reparto da renda petroleira e das rutas de distribución dos oleodutos iraquís.

As dificultades de mantemento dun mínimo de gobernabilidade e de estabilidade en Bagdad, que levaron nos derradeiros meses a un súbito envío por parte de Washington de 4.000 efectivos militares para tentar evitar un espallamento das tensións sectarias e políticas, corre paralelo coa indefinición dun conflito sirio onde a intervención militar rusa permite manter en pe, cando menos temporalmente, a un réxime de Bashar al Asad cada vez mais recluído nun radio de extensión entre Damasco e provincia de Latakia. Esta área territorial implica partes do centro ao sueste sirio, próximo ás costas mediterráneas, bastión das comunidades aleví e sunnita e onde Moscova mantén a súa estratéxica base militar de Tartus.

Pero o espazo enclavado entre Siria e Iraq non só corresponde ao corazón xeopolítico de Oriente Próximo senón principalmente a un estratéxico corredor enerxético de rutas de distribución de oleodutos e gasodutos dende Bagdad e o Curdistán iraquí ata as rexións mediterráneas sirias(1), que implican igualmente unha prolongación do pulso entre diversos países e multinacionais que, desde aproximadamente 2006, vense rexistrando na captación de esferas de control nas plataformas gasíferas do Mediterráneo Sur.

Este factor estratéxico explica porqué os intereses de Washington e Moscova están colateralmente concentrados en manter un mínimo de gobernabilidade en Damasco e Bagdad, monitoreando a perspectiva xa practicamente irreversible de disolución estatal en Siria e Iraq, e recreando así un tácito reparto de esferas de influencia.

Acabar co século XX

A “balcanización” en curso en Oriente Próximo ten como escenario estratéxico o pulso de intereses establecidos polas potencias rexionais e foráneas ante os acontecementos que se están a vivir en Siria e Iraq. Se ben Washington e Moscova trazan os seus respectivos mapas de mantemento de esferas de influencia entre Siria e Iraq, que nalgúns aspectos poden incluso coincidir, noutros estes intereses vesen claramente contrarrestados.

Toda vez, o pulso entre Irán e Arabia Saudita, recreado na opinión pública como a secular confrontación entre xiítas e sunnitas, ten igualmente incidencia na reconfiguración xeopolítica que se anuncia no Oriente Próximo das posguerras iraquí e siria e da post-Primavera árabe, así como na tramitación dos intereses enerxéticos establecidos neste contexto.

Outros actores como Turquía tentan asegurar as súas chaves de implicación en Oriente Próximo, establecidas na contención dun irredentismo curdo fóra do seu control, particularmente no caso da eventual conxunción de intereses entre os curdos sirios de Rojava e os curdos de Turquía, con foco no PKK, tal e como se observan cos derradeiros atentados en Istambul e a renovación do "estado de excepción" militar no Curdistán turco, ao sueste do país, fronteirizo co Curdistán iraquí. Un caso diferente aos acordos tácticos establecidos nos derradeiros anos ntre Ankara e a Rexión Autónoma Curda (RAK) do norte de Iraq, onde o factor enerxético  ten igualmente un peso estratéxico.

A disolución estatal siria e iraquí moi probablemente pechará o “longo século XX” en Oriente Próximo, unha expectativa frecuentemente reivindicada polo xihadismo do Estado Islámico a través das súas redes de difusión. Pero a “balcanización” rexional en curso tamén ten outros efectos colaterais, principalmente de cara á hipotética contención e desarticulación das redes de apoio dos movementos islamitas (Hizbulá, Hamas), das repercusión da disolución sirio-iraquí cara outros países veciños (Líbano, Xordania), da desarticulación de calquera tentativa de “renacemento árabe” a través do eventual deseño dunha alternativa autóctona de resposta contra a globalización imperante, e finalmente da eventual reconfiguración demográfica e fronteiriza por mor das constantes riadas de refuxiados, que auguran unha radical modificación do mapa rexional.

Precisamente, o gradual proceso de desarticulación de focos de nacionalismo laico e modernización cultural, social e política dentro do mundo árabe, reivindicados polos movementos contestatarios que levaron á Primavera árabe en 2011, supón un factor imponderable nestes plans de rediseño do “Oriente Próximo do século XXI” por parte dos seus actores vinculantes. Toda vez este proceso de desarticulación dun hipotético “renacemento árabe” sepultará definitivamente os redutos de modelos de contestación autóctonos procreados coa descolonización árabe durante a “guerra fría” (nacionalismo e socialismo árabe, nasserismo, baazismo), moribundos pero aínda presentes en diversos sectores e elites sociais e políticas en Siria, Iraq e incluso Exipto.

A eventual consolidación do Estado Islámico como actor “paraestatal” no corazón de Oriente Próximo entre Siria e Iraq corresponde, igualmente, como efecto colateral deste novo mapa rexional século XXI. Existe a percepción de que o EI logrará sobrevivir ao caos sirio e iraquí, conformándose como un actor inédito con capacidade de irradiación e incluso de negociación cos principais actores de poder, especialmente en apartados estratéxicos como as rutas de distribución de oleodutos, gasodutos e incluso hidrográficos.

Igualmente, posibilitar un xihadismo salafista radicalizado a través do EI como foco paraestatal establecería un efecto de lexitimación das políticas militaristas na rexión, toda vez polarizaría ó mesmo tempo a capacidade de influencia dun islamismo político herdeiro dos preceptos da Irmandade Musulmá creada en 1928, e cuxos adeptos sofren na actualidade severas derrotas políticas tralo golpe militar exipcio (2013), a consolidación da estratexia de post-Primavera árabe, a guerra siria e a consolidación do EI.

Neste proceso de gradual división e polarización do islamismo político así como doutras manifestacións autóctonas no mundo árabe contra a penetración exterior, pode sacar partido o partido islamita AKP do autoritario presidente turco Recep Tayyip Erdogan, que ansía acreditarse como foco de irradiación rexional e eventual voceiro dun “neo-islamismo político” inserido nos modelos de occidentalización. Erdogan e o AKP poden así compatibilizar, con visos de perpetuar, un modelo autocrático competitivo, unha especie de reprodución á mínima dun modelo “neo-nasserista” que conxugue diversas expectativas dos sectores islamitas, laicos e nacionalistas.

Todos estes aspectos consecuentes da “balcanización” de Oriente Próximo implican, directa ou colateralmente, certas variables que eventualmente favorecerían os intereses doutro actor rexional, Israel, que mantén unha silenciosa actitude expectante ante este panorama crítico.

Obsesionado por cortar o cordón umbilical iraniano rexional a través de Bagdad (Movemento Sadrista, milicias xiítas), Damasco (réxime de Bashar al Asad), Beirut (Hizbulá) e Palestina (Hamas e Yihad Islámica), sen menoscabar a Irmadade Musulmá exipcia e outros movementos islamitas rexionais, Tel Aviv tamén move silenciosamente as súas pezas a través de inéditas aproximacións cara Rusia, Arabia Saudita, Catar e incluso o Curdistán iraquí, así como do reforzamento doutras, particularmente da “domesticación” de Exipto a través do pretorianismo do réxime militar de Fatah al Sissi e a represión antiislamita e dos sectores pro-Primavera árabe.

Nesa perspectiva, Israel busca a perpetuación dos seus imperativos estratéxicos orientados a garantir a súa supervivencia, particularmente ante a reconfiguración dos equilibrios estratéxicos rexionais e, especialmente, da previsible degradación da atención estratéxica rexional por parte de Washington, un factor que afecta os intereses israelís.

Esta tramitación de contactos e redes de apoio por parte de Tel Aviv serven para reconstruír o seu propio “cordón umbilical” de seguridade ante os cambios que se albiscan na “balcanización” rexional. Imponse aquí en qué medida afectan aos intereses israelís as expectativas aperturistas de Obama con Irán así como a posibilidade de observar un revival turco como posible foco antiisraelí no “novo” Oriente Próximo do século XXI.



(1) Neste sentido, pode intuírse este plan de deseño de “Estados oleodutos” como eventual reparto territorial ante a disolución estatal en curso entre Siria e Iraq, no artigo de BALIEVA, Alex, “Os planos de EUA para dividir a Iraq e Siria en “Estados oleodutos”, Fundación de Cultura Estratéxica (Rusia), 09 de novembro de 2015. Ver en: http://www.fondsk.ru/news/2015/09/11/us-planiryut-razdel-iraka-i-sirii-na-truboprovodnye-gosudarstva-35333.html  (orixinal en ruso)

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais