Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
9 de Setembro de 2020 Schreinmoser

Bayern no mundo: a paradiplomacia bávara

Inauguración da Oficina para África de Baviera (Autor da foto: Bayerische Staatskanzlei)

O 15 de abril de 2019, a Oficina para África de Baviera  abría  as súas portas en Addis Abeba (Etiopía) co obxectivo de dar exemplo do compromiso de futuro de Baviera coa cooperación para o desenvolvemento e ser un punto de contacto permanente do Estado Libre con Etiopía e a Unión Africana, con sede na capital etíope. A cerimonia de apertura, a cargo do Ministro-Presidente Markus Söder, contou coa actuación dunha banda de música tradicional e ofreceu a degustación de pratos típicos da cociña bávara.

O que algúns observadores catalogan como mera propaganda folclórica, trataríase en realidade da última iniciativa dunha estratexia a longo prazo para desenvolver unha acción exterior propia con independencia da República Federal de Alemaña. Na súa paxina, o goberno estatal expresa claramente a intención de representar os intereses particulares de Baviera no estranxeiro: “Está en consonancia coa imaxe que ten Baviera de si mesma, tanto no plano estatal como no político, salvagardar os seus intereses como actor independente identificábel, non só en Alemaña, senón en tódolos lugares nos que estes intereses se ven afectados”[i]. E os intereses do Estado Libre son de grande alcance: dende os anos noventa, estableceuse unha rede mundial de oficinas de representación con sucursais en países como Arxentina, a India ou o Vietnam.[ii] En total, Baviera mantén unhas 30 oficinas, a maioría delas son pequenas delegacións adscritas a institucións alemás, tales como as Cámaras de Comercio Exterior de Alemaña. As súas principais funcións son de natureza económica, actuando como puntos de contacto para as empresas bávaras que queiran expandirse no estranxeiro ou establecendo contactos con posibles inversores. En termos de organización, están subordinadas ó Ministerio de Economía de Baviera.

Porén, amais destas oficinas de natureza comercial, existen outras cinco grandes representacións que dependen directamente da Chancelería Estatal; o organismo executivo do Ministro-Presidente. O seu labor consiste en fomentar as relacións cos Estados e rexións considerados de particular interese para Baviera. Destaca a Representación do Estado de Baviera en Bruxelas, conformada por 37 empregados que actúan como nexo de unión entre Baviera e a Unión Europea, coa misión de presentar o Estado Libre de Baviera en Bruxelas mediante actos políticos e culturais, informar ó goberno estatal sobre as decisións das institucións europeas e, en particular, influír no proceso de adopción de decisións políticas na UE a fin de garantir que os intereses bávaros se teñan debidamente en conta. Así mesmo, Baviera conta con oficinas en Praga, Tel Aviv, Kiev e o Quebec. Neste último caso cómpre sinalar que a representación ten o obxectivo específico de estimular o intercambio a nivel rexional, mantendo a promoción das relacións co Canadá nun segundo plano. A colaboración entre Baviera e o Quebec baséase en tres pilares fundamentais: en primeiro lugar, na semellanza da evolución económica de ambos países (que pasaron de ser economías primordialmente agrícolas a potencias industriais de alta tecnoloxía); en segundo lugar, nos seus intereses comúns na industria aeroespacial e, por último, pero non menos importante, “na vontade común de preservar a propia identidade e cultura.”[iii] O orzamento total das representacións exteriores do Estado Libre ascenderon a uns 7 millóns de euros en 2014, dos cales 1,7M se corresponden á representación ante a República Federal de Alemaña en Berlín. É difícil cuantificar os beneficios en cifras, non obstante, o goberno estatal está convencido da súa necesidade, destacando os éxitos do proxecto; véxase o caso das máis de 600 empresas bávaras que recibiron apoio para establecer sucursais no Brasil entre o 2000 e o 2015. Tampouco se poden ignorar os beneficios do intercambio nos eidos culturais, académicos e políticos, como por exemplo, os proxectos de cooperación acordados nas reunións bilaterais entre Baviera e o Quebec celebradas cada dous anos, e que contan co apoio de medios financeiros e loxísticos comúns.

Con todo, o establecemento de oficinas de representación no estranxeiro non é a única actividade paradiplomática do Estado Libre de Baviera, posto que os seus Ministro-Presidentes tamén viaxan regularmente ó estranxeiro para reunirse cos seus respectivos xefes de Estado, algo atípico no caso dos seus homólogos no resto de Alemaña. Así pois, a apertura da Oficina para África foi seguida dunha viaxe por Etiopía, na que o Ministro-Presidente Söder – acompañado dunha delegación científica e comercial de 55 membros – visitou varios proxectos sociais e eclesiásticos e se reuniu coa Presidenta etíope Sahle-Work Zewde. Estas viaxes ó estranxeiro encóntranse no límite da competencia do Ministro-Presidente bávaro, dado que a política exterior é en realidade responsabilidade exclusiva do Goberno Federal, mais forman parte do repertorio estándar da paradiplomacia bávara dende o mandato de Franz Josef Strauß (1978-88), quen realizou numerosos viaxes ó estranxeiro e cultivou amizades persoais con varios xefes de Estado (incluídos ditadores como Alfredo Stroessner ou Gnassingbé Eyadéma). Ocasionalmente, estas iniciativas entran en conflito coa política exterior do Goberno Federal Alemán, o que adoita ser fonte de polémica. Un exemplo disto son as boas relacións que manteñen con Rusia tradicionalmente os Ministro-Presidentes bávaros, que ocasionaron un conflito tanxíbel no goberno de coalición alemán durante o conflito ucraniano en 2016. Mentres que o goberno alemán apoiaba as sancións impostas pola UE a Rusia, o entón Ministro-Presidente Horst Seehofer visitou ó presidente Putin en febreiro de 2016 e avogou publicamente por unha relaxación das sancións. Os críticos acusaban a Seehofer de exercer unha “política exterior paralela” prexudicial para Alemaña, mais Seehofer xustificou a súa viaxe dicindo que había que manter o diálogo con Rusia. Porén, é evidente que as sancións diminuíron considerabelmente as exportacións bávaras a Rusia (en especial no sector agrícola), polo que unha relaxación das sancións tería redundado no interese económico do Estado Libre. Visto así, pódese falar certamente dunha especie de política exterior paralela que ten por obxectivo facer valer os intereses bávaros e que non sempre está en consonancia coa política exterior oficial alemá.

Con frecuencia, as diferentes accións paradiplomáticas que Baviera leva a cabo no exterior, ben non se perciben con seriedade, ben son razón de enfado no resto de Alemaña. Con todo, o goberno estatal fai un hábil uso das oficinas de representación e das viaxes ó estranxeiro para promover os intereses económicos, culturais e políticos do Estado Libre. Lonxe de ir en contra da política exterior alemá, o goberno estatal entende “o compromiso de Baviera (...) como un complemento e enriquecemento da política exterior do Goberno Federal”[iv]. Porén, acontecementos como a visita de Seehofer a Moscú en 2016 mostran que a actividade exterior do Estado Libre tamén persegue intereses particulares bávaros e é utilizada, en casos concretos, como medio de exercer presión sobre a política interna alemá. A paradiplomacia bávara contribúe así ó obxectivo chave do goberno estatal: poñer Baviera no mapa, destacando o seu carácter como Estado propio no ámbito nacional e internacional.


[i] Bayerische Staatsregierung, „Bayern – weltweit vernetzt,“ dispoñíbel en: https://www.bayern.de/politik/bund-europa-medien/internationale-beziehungen/bayern-weltweit-vernetzt/.

[ii] Unha listaxe con todas as oficinas pódese encontrar en: https://www.bavariaworldwide.de/.

[iii] Vertretung des Freistaats Bayerns in Montréal, „Die Kooperation zwischen Bayern und Québec,“ dispoñíbel en: http://www.bayern.ca/aboutUs/bavariaQuebec/index.php.de.

[iv] Bayerische Staatsregierung, „Bayern – weltweit vernetzt.“

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais