Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
16 de Xuño de 2020 Porteiro

Begin the beguine

Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade"
Nós No Mundo 2019-2020

Non son tempos propicios á comparación con outros que puidesen orientar sobre escenarios posibles, así que facer calquera análise prospectiva é moi arriscado. A única certeza na que podemos confiar é a seguridade da incerteza. 

Quen sabe como será a mal denominada “nova normalidade”. De entrada, a denominación chántase sobre un significado ambivalente. “Novo” e “progreso”, adoitan ir da man na percepción impulsiva. Con “normal” e “correcto” acontece o mesmo. Evidentemente, o novo pode ser pésimo. E o normal pode ser habitual e non por iso, menos pésimo. 

Daquela, podemos afirmar só cousas que xa pasaron. Por exemplo, que o futuro xa chegou: é este tempo no que estamos a vivir. A secuencia pasado-presente-futuro, rompeu.

A actual crise esta deixando en evidencia a febleza da axenda exterior galega baseada, case na súa totalidade, na diplomacia económica vencellada a intercambios empresariais, procura de novos mercados e mantemento dos existentes. Ao abordar este asunto é preciso aclarar que o caso Inditex non procede computar en termos “galegos”, ou, cando menos, nesta reflexión non se fai. 

A balanza exterior comezou a sernos propicia nos anos de saída da anterior crise financeira. Rematamos 2017 en segunda posición, despois de Euskadi, coa balanza exterior máis positiva. Isto, xunto a redución do endebedamento público galego vendeuse como logros políticos que agochaban, no primeiro caso, algo de baraka en actuacións que máis tarde resultaron malogradas -coma a operación Pemex- e no segundo, o custe social da redución de servizos públicos básicos, nomeadamente sanitarios, que a crise actual deixou, descarnadamente, ao descuberto. 

O destino dos produtos galegos tiña, ata esta nova crise, a mercados europeos próximos (Francia, Italia, Portugal ou Reino Unido) como principais receptores chegando a superar o 80% das exportacións. O impacto da pandemia nestes países está a ser dos máis negativos no contexto comunitario e iso terá repercusión na nosa competitividade, ata un punto que agora mesmo é complicado prognosticar. 

Dentro deste ámbito da diplomacia pública que é o económico, hai que contemplar tamén a fuga de cerebros que marcou o comezo dunha nova vaga de diáspora. Só nun lustro emigraron 15.000 novos graduados. A principios de 2018 a Xunta admitía que era preciso frear esta fuga porque traería “consecuencias moi perniciosas como o incremento de gastos sanitarios, a contracción da demanda interna ou a ausencia de investimentos, cunha grave incidencia na nosa economía”. O certo é que moitos licenciados en carreiras científicas ou tecnolóxicas foron man de obra barata para países onde a I+D+I é unha estratexia de Estado, como Alemaña ou Estados Unidos e, nestes intres, a carencia faise notar coa ausencia de Galicia na reactivación deste sector por mor da pandemia. A nova diáspora, unida ao envellecemento demográfico e á inversión da curva demográfica, propiciou a chamada “Estratexia gobernamental Retorna 2020” para atraer novos residentes de orixe galega que se animasen a encamiñar a súa vida cara o rural, sen resultados que poidan considerarse satisfactorios e mesurables en termos económicos. 

En canto á política de veciñanza, a falla de sintonía política con Portugal, supuxo tamén un freo a concertación e nin sequera foi posible a sinatura dun protocolo, ou convenio bilateral, en materia medioambiental, mesmo tendo en conta a coincidencia paisaxística e edafolóxica que fixo dos lumes un inferno compartido. As respostas foron  en sentido contrario ao convinte chegando ao extremo de converterse Galicia na reserva das grandes papeleiras portuguesas, como Navigator, para a produción de eucaliptos. 

Outra cuestión pendente estriba na posición que poida chegar a ter Galicia nas relacións económicas co Reino Unido -e coa Commonwealth- cando se finalice o tránsito do Brexit, tanto como potencia pesqueira como por marcar unha estratexia comercial con posibilidades de supervivencia e expansión.

Antes de pasar ao ámbito explícito da diplomacia cultural cómpre abordar a cuestión lingüística, porque atinxe tanto á economía como á cultura. O fracaso do modelo lingüístico actual queda reflectido nos informes elaborados polo Consello da Cultura e noutros organismos comunitarios. Daquela, o potencial de expansión da nosa economía da cultura, e mesmo como ponte para investidores en países de fala portuguesa -que nos levarían á práctica totalidade dos continentes-, segue sen ter a importancia debida nin a correspondencia na política educativa que, máis ben, frea o seu afianzamento e expansión. 

En canto á diplomacia cultural, ten unha importancia innegable na imaxe que se proxecta de Galicia e as súas posibilidades para construír unha marca-país realista e ambiciosa, máis a actual crise golpea de cheo neste sector, con consecuencias que tamén se poderán avaliar pasado algún tempo. 

Esta crise sanitaria e económica devén en crise política irremediablemente, e no caso de Galiza prodúcese co engadido dunha situación de anormal interinidade gobernativa. O aprazamento das eleccións galegas deixa a Autonomía sen asemblea lexislativa e cun executivo que se sente libre do control parlamentario. En calquera caso, no debate electoral interrompido polo Estado de Alarma, non se apreciaba interese dos actores políticos por establecer unha axenda exterior de peso, onde o valor potencial das singularidades e fortalezas de Galicia estivesen recoñecidas e aproveitadas nunha estratexia realista en prazos posibles.

Outra cuestión pendente, vinculada a política en sentido institucional, é a aposta clara e decidida por promover a reforma da actual Lei electoral que limita o dereito a voto da cidadanía galega residente fóra do territorio pola imposición do voto rogado. Tendo en conta que as persoas de orixe galega coa nacionalidade recoñecida e residentes no exterior xa superaron o medio millón, estamos perante un colectivo de notable dimensión. Esta cidadanía está espallada por moitos países en varios continentes e o seu papel como embaixadores de Galicia está sen aproveitar, ou, tan sequera, maxinar, sometidos aos antigos modelos das organizacións asociativas tradicionais do que na Galiza exterior chaman “a colectividade”.

Entre tantas diplomacias, segue pendente a que debera ser a primeira e prioritaria desde hai tempo: a ambiental, na que Galiza carece dunha axenda propia con capacidade para acordos e consensos, co que desperdicia unha boa ocasión para ter presencia e iniciativa, abandonando a responsabilidade de sumarse a un debate vital para o noso país como parte desa outra orde mundial que xa chegou.

O que hai seis meses sería unha situación imaxinable nun futuro a medio ou longo prazo, resultou ser posible case no minuto seguinte fundíndose a distopía coa realidade. O “exterior” condicionaba a política interior, mais vén de acadar unha dimensión universal que xera reaccións de contracción á defensiva. Situacións impensables hai tres meses, coma o peche de fronteiras para controlar a expansión da pandemia, puxo patas arriba o espazo Schengen, alicerce da UE, e maniféstase como unha das sorpresas que nos trae esta distopía.  

Quedan moitos espazos de análise sen abordar, como as estratexias de colaboración derivadas das canles que ofrecen as alianzas internacionais entre mulleres feministas, ou a posibilidade de facer política de país, política institucional, con ese frontispicio. Mais, iso será outro día. 

Nun momento coma este prefiro seguir o dito dun mariñeiro amigo, cando aconsella “deixa ir ata ver…”

 

Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade" Descarrégao aquí.

 

 

 

 

 

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais