Beneficios dunha estratexia de paradiplomacia deportiva galega

Como vimos no anterior artigo, en Galicia estanse a facer unha multitude de accións de carácter deportivo con impacto no eido exterior, mais que non contan cunha planificación previa que logre potenciar os resultados. A raíz dunha análise dos obxectivos e prioridades da acción exterior galega, serían varias as áreas nas que a implantación dunha Estratexia de Paradiplomacia Deportiva Galega podería ter un maior impacto. Esta estratexia partiría dunha comunicación e concienciación a tódolos axentes implicados sobre cales son as prioridades de Galicia, para que na busca do seu propio beneficio poidan dirixir as accións de xeito máis eficiente, respectando sempre os valores do deporte e os principios de non deixar a ninguén atrás.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Como vimos no anterior artigo, en Galicia estanse a facer unha multitude de accións de carácter deportivo con impacto no eido exterior, mais que non contan cunha planificación previa que logre potenciar os resultados. A raíz dunha análise dos obxectivos e prioridades da acción exterior galega, serían varias as áreas nas que a implantación dunha Estratexia de Paradiplomacia Deportiva Galega podería ter un maior impacto. Esta estratexia partiría dunha comunicación e concienciación a tódolos axentes implicados sobre cales son as prioridades de Galicia, para que na busca do seu propio beneficio poidan dirixir as accións de xeito máis eficiente, respectando sempre os valores do deporte e os principios de non deixar a ninguén atrás.

Proxección internacional

En tanto á proxección internacional de Galicia, ao non competir baixo bandeira propia nos eventos oficiais as posibilidades de dar a coñecer mundialmente os nosos logros vense limitados, diminuíndo as posibilidades de alcance global (cómpre indicar que recentemente no Congreso dos Deputados unha iniciativa do BNG que insta ao recoñecemento oficial das seleccións galegas para poder participar en competicións internacionais como fan outros territorios). Mentres non sexa unha competencia nosa non será o obxecto da análise,  buscando outras vías para chegar aos públicos estranxeiros. En calquera caso e como sempre, a súa utilidade dependerá en gran medida do éxito deportivo obtido, que abre a opción dos deportistas como diplomáticos e difusores dos valores de Galicia no exterior. Isto derivará dunha maior aposta polos programas de subvencións e patrocinios que impliquen a mostra dos símbolos e campañas levadas a cabo no seu equipamento de adestrar e competir, e sobre todo nas redes sociais que ofrecen oportunidades directas de chegar ao público.

Se falamos de proxección internacional non podemos esquecer os eventos internacionais, que se ben dado o tamaño e conexións das cidades non ten sentido aspirar aos grandes mega-eventos como as olimpíadas, demostrouse nos últimos anos a capacidade que ten de organizar competicións do máis alto nivel, sobre todo nas disciplinas nas que destaca. Isto xa de por si supón a chegada de atletas de todo o mundo e a retransmisión en canles internacionais, mais segundo como se organice pode ofrecer unha conexión coa cultura da zona. Instar ás entidades organizadoras a establecer vínculos culturais que ofrezan unha experiencia máis ampla aos atletas e acompañantes pode ser un bo camiño a seguir, aplicable tamén ao caso do turismo deportivo, sector que ofrece infinidade de posibilidades no noso territorio.

Atracción de capital humano

Tamén será necesaria a planificación do deporte para a captación de capital humano cualificado, primordial para o reto demográfico. Neste eido, a industria deportiva ten capacidade de xerar postos de traballo, polo que se deberá fomentar a súa permanencia no territorio e o seu crecemento para ter maiores posibilidades de alcance. Pódese utilizar o deporte como reclamo para o intercambio estudantil ou potenciar un sistema de bolsas para a atracción de talento xove de países estratéxicos ou da diáspora. A maiores, Galicia debería potenciar as súas capacidades para situarse como lugar de referencia para o adestramento de elite, e que tanto os deportistas galegos como do resto do mundo escollan Galicia, para vivir e desenvolverse deportivamente.

Ademais, o proceso de captación de inmigración necesaria para reverter os problemas de despoboamento dará lugar á coexistencia de diversas culturas e nacionalidades, onde o deporte debe servir como ferramenta para un intercambio cultural baseado no respecto e a igualdade.

Internacionalización da economía

En tanto aos efectos no mercado internacional, unha aposta polo tecido industrial deportivo supón unha maior diversificación dos mercados exteriores, que xuntándoo coa oferta educativa no sector e a experiencia na realización de congresos e formacións, pode erixir ao sector ata postos de liderado en materia de I+D+i deportivo.

Tamén outros sectores empresariais poden verse favorecidos polas posibilidades de promoción e publicidade que ofrece o deporte, debéndose impulsar o patrocinio de marcas galegas a atletas ou clubs, prioritariamente galegos, formando un tándem perfecto: as empresas axúdanlles a alcanzar os seus obxectivos, mentres eles levan o nome dunha marca da terra polo mundo adiante.

ODS e cooperación exterior

Outra das accións prioritarias de Galicia é lograr un aliñamento cos ODS, no que, como vimos nun artigo anterior, o deporte ten moito que dicir. Non ía ser diferente no caso galego, axudando a implantalos, tanto dende unha vertente interna como os que precisan unha cooperación internacional. Mais ata o momento non se tivo en conta ao estruturar a cooperación exterior. Si que se fan multitude de iniciativas solidarias en base ao deporte: recadacións, eventos benéficos, voluntariado... pero sen dúbida o ideal sería un estudo e integración do deporte como unha ferramenta transversal nas accións de cooperación galega, así como lograr o apoio dos deportistas mais influentes na súa difusión.

Ámbitos xeográficos de preferencia

A estruturación dunha estratexia de paradiplomaica deportiva permite estudar como os diferentes actores deportivos e cada deporte en particular pode abrir fiestras de oportunidade cos ámbitos xeográficos de preferencia, que se poden plasmar de diferentes xeitos como memorandos de entendemento, intercambios deportivos, plans anuais conxuntos...

O exemplo paradigmático é Portugal, onde a proximidade e o feito de compartir  xustamente moitas das disciplinas destacadas facilita as posibilidades dun contacto deportivo continuo, con acordos, adestramentos comúns, prestación de instalacións ou organización conxunta de eventos ou proxectos, que no ámbito da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal xa está a dar grandes froitos como a realización de campionatos entre universidades ou proxectos tan interesantes como o “Manual de boas prácticas para posicionar a Eurorrexión como espazo preferente para deportistas de elite universitarios en deportes náuticos”

Non só Portugal mostra opcións de cooperación, outros exemplos serían os EUA ou Canadá, onde a súa diplomacia deportiva ten unha forte aposta polos intercambios deportivos en estudantes que pode ser fomentado entre a xuventude galega. Incluso na zona de Asia-Pacífico, sendo prioritario Xapón e Korea, ofrecen o Judo e o Taekwondo, orixinarios destes países e cun forte asentamento en Galicia, unha oportunidade de establecer un nexo cultural nunha rexión coa que existen escasos vínculos históricos explotables.

Este artigo que finaliza a serie supón un repaso dalgunhas das áreas principais de acción máis habituais adaptadas á realidade galega, aínda que podería ser levada a cabo polas deputacións provinciais ou mesmo os concellos en base as súas potencialidades. En xeral, xa se están a realizar moi boas accións, que a planificación da devandita estratexia non suporía un excesivo custo, ou senón, polo menos sería interesante que se estudara e implementara o potencial do deporte nas vindeiras estratexias de acción exterior galegas.