Bishop

Á fronte do Movemento New Jewel, Maurice Bishop (1944-1983), formado en Dereito no Reino Unido, promovera na illa de Granada, integrante da Commonwealth, unha política progresista, estreitando relacións con Cuba e con outros países do entón chamado bloque socialista. Bishop puxera fin cun movemento popular, a People’s Revolution, ao mandato de Eric Gairy, no poder desde 1951 co apoio de EUA e Reino Unido. Gairy presumía da súa amizade persoal con Pinochet e dos seus somaténs.

Apartados xeográficos Estados Unidos
Idiomas Galego

Á fronte do Movemento New Jewel, Maurice Bishop (1944-1983), formado en Dereito no Reino Unido, promovera na illa de Granada, integrante da Commonwealth, unha política progresista, estreitando relacións con Cuba e con outros países do entón chamado bloque socialista. Bishop puxera fin cun movemento popular, a People’s Revolution, ao mandato de Eric Gairy, no poder desde 1951 co apoio de EUA e Reino Unido. Gairy presumía da súa amizade persoal con Pinochet e dos seus somaténs.

A construción dun aeroporto internacional foi a escusa dada polo presidente estadounidense Ronald Reagan (entre 1981 e1989) para acabar invadindo a illa, seica temeroso dun dobre uso das súas instalacións, acusando a Bishop de militarizar o país e supor unha ameaza. Case nada. Granada é o segundo país máis pequeno do hemisferio occidental (344 kms). Tiña menos de 100.000 habitantes. 800 soldados.

Nos días previos á invasión, Bishop fora executado por algúns dos seus correlixionarios, os partidarios do vice primeiro ministro Bernard Coard, tras un golpe de Estado de signo esquerdista que en verdade encubría simples ambicións de poder. O aeroporto foi terminado poucos anos despois con axuda estadounidense construíndose tamén no norte da illa unha base para submarinos. Pero quen militarizaba era Bishop... As “tropas cubanas” presentes en Granada reducíanse a menos de 50 efectivos. O resto, varios centos, eran médicos e, sobre todo, persoal que colaboraba nas tarefas de construción do novo aeroporto.

Nos meses que precederon á intervención, Washington coidouse de crear o clima necesario para alentar a invasión, sinalando a Granada como un novo foco chamado a propagar a rebelión por todo Centroamérica. Reagan non quería oír falar dunha segunda Cuba no Caribe.  Tiña un oído hipersensible para algunhas cousas.

Para o Pentágono, a Urgent Fury marcou o fin do trauma de Vietnam e resucitou todo o vigor da Doutrina de Seguridade Nacional actualizada cos aditivos indispensables na sociedade da información, incluíndo a “revelación” de foxas comúns de asasinados que nunca existiron en realidade para que a opinión pública comprendera e aceptara mansamente este “mal menor”. Tamén serviu para crear anos mais tarde o Mando de Operacións Especiais de EUA (1987), o  USSOCOM, con sede en Tampa, Florida.

Bishop foi executado polos propios seus en Fort Rupert pero ata hoxe, trinta anos despois, nada se sabe do seu cadáver. As autoridades estadounidenses non revelan o seu paradoiro. Obama ten aquí outra porta aberta á reconciliación.

A de Granada é parte da historia da ignominia. Incluída a interior. Hai oportunidades históricas que dificilmente se repiten. Granada é hoxe unha illa boiada. Lembranza para Bishop.