Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 10 de Decembro de 2012 Lamoso González

Brasil - EEUU: oportunidade para a UE?

Como punto de partida, cómpre sinalar que as relacións entre Brasil e EEUU non se caracterizan pola súa constancia senón pola sucesión dunha alternancia de filias e fobias(1). Mentres que durante os anos de mandato de Lula Da Silva (2003-2011), as relacións entre ambos países foron notablemente tensas, a situación cambiou dende que Dilma Rousseff chegou ao poder (2011). Foi a propia presidenta a que destacou que un dos seus obxectivos era o de camiñar cara unha relación cada vez máis estreita entre ambos. Co ánimo de acadar este obxectivo, Brasil está a modificar sensiblemente o seu modus operandi no que respecta á xestión de asuntos globais, e para iso, dunha banda, está a empregar medidas máis pragmáticas no canto de ideolóxicas e, por outra, evita adoptar posturas que puidesen levantar suspicacias en Washington(2). A primeira razón pola que Brasil decidiu modificar a súa estratexia cara o exterior co ánimo de agradar o máximo posible a EEUU pasa pola consecución do seu máximo propósito en política exterior: contar cun asento no Consello de Seguridade de Nacións Unidas(3).

Segundo estableceu o propio Obama durante a súa visita a Brasil no ano 2011, as áreas de máximo interese de EEUU para cooperar con este país son: o cambio climático, a seguridade enerxética, o comercio, e a erradicación da pobreza. Cómpre remarcar que Brasil, ademais de ser autosuficiente enerxeticamente (4), atópase entre os dez países do mundo con maiores reservas enerxéticas, perfilándose como un atractivo exportador de petróleo e nun interesante aliado para EEUU(5). Nesta ocasión, Obama aproveitou tamén para remarcar o interese do seu país en fomentar as relacións con Brasil no que se refire tanto a aspectos económicos como diplomáticos, a pesar de que aínda continúan as súas discrepancias no que se refire ao control das divisas, enfrontamento baseado na política monetaria expansiva de EEUU(6).

Durante o pasado mes de novembro, Obama foi re-elixido como presidente de EEUU, feito recibido con alegría en Itimaraty, no Ministerio dos Asuntos Exteriores do Brasil, xa que era o candidato máis próximo aos seus intereses. Ante esta nova etapa, agárdase  que as relacións entre Brasil e EEUU se concentren en aspectos relacionados co establecemento de acordos enerxéticos e coa xestión da emigración. Como xa resaltamos, Obama é consciente do potencial de Brasil no sector enerxético global a través tanto da produción de petróleo e gas, como de biocombustibles. No primeiro trimestre de 2012, o petróleo situábase como o segundo produto no ranking de exportacións dende Brasil cara EEUU. Por outra banda, e tendo en conta o rápido ascenso de Brasil ao sexto posto na escala das economías máis desenvolvidas do mundo, a administración Obama está fortemente interesada en facilitar o outorgamento de visas tanto aos turistas como aos empresarios brasileiros(7). A pesar deste escenario favorable ao entendemento, a política exterior da administración Obama neste segundo mandato, tal e como veu facendo durante a súa primeira etapa (2008-2012), vaise centrar fundamentalmente na área Asia – Pacífico, eixo central da súa estratexia exterior(8).

Así as cousas, non é trivial sinalar que América Latina, e concretamente Brasil, supoñen unha fiestra de oportunidade para as inquedanzas do conxunto da Unión Europea e por ende de Galicia. É coñecida a dependencia enerxética da Unión Europea, polo que as reservas deste país son unha opción a ter seriamente en conta no canto de diversificar as súas fontes, e fundamentalmente no que se refire á potenciación do uso dos biocombustibles(9). Ademais, un dos eixos centrais da política exterior europea pasa pola loita contra o cambio climático e o emprego de enerxías limpas, aspectos nos que se atopa moi próximo ás posicións defendidas por este. Brasil é socio estratéxico da Unión Europea dende 2007, e as súas relacións aséntanse precisamente sobre a loita contra o cambio climático, a loita contra a crise económica e a análise da situación rexional en ambos territorios. No que se refire ás relacións económicas bilaterais, a Unión Europea é o maior investidor estranxeiro en Brasil(10). Outro aspecto que reforza a súa relación é que dende 2010 a Unión Europea e o Mercosur están a negociar un acordo de libre comercio(11). Por último, debemos ter en conta a aposta que Brasil comparte coa Unión Europea pola potenciación do multilateralismo na xestión dos asuntos globais.

A modo de conclusión, resaltar que a estratexia en política exterior da administración Obama pasa primordialmente polo eixo Asia – Pacífico, e no que respecta ao continente americano os seus esforzos concentraríanse fundamentalmente en México, precisamente para afondar na súa estratéxica cara o Pacífico, Cuba e Brasil. Con respecto a este último, a tendencia sería centrarse no aspecto enerxético, concretamente o fuel, a diferenza da Unión Europea, que se ben tamén está fortemente atraída polas reservas enerxéticas brasileiras, o seu interese pasa polo uso dos biocombustibles e a potenciación das enerxías renovables, estratexia compartida por Brasil como medida primordial para loitar contra o cambio climático. Por último, resaltar que EEUU é un dos principais aliados de Brasil no que se refire ao obxectivo prioritario da súa política exterior, conseguir un asento no Consello de Seguridade da ONU, aspecto que lle proporcionaría o peso específico que espera confirmar no escenario internacional. Pola contra, a Unión Europea sería un socio a ter seriamente en conta noutros ámbitos que tamén lle darían o protagonismo que está a confirmalo como un actor de referencia no eido global: a aposta polo emprego de foros multilaterais na xestión de conflitos globais, a potenciación do emprego de enerxías renovables e a loita contra o cambio climático, e, por último, o fomento da cooperación para a axuda ao desenvolvemento nas zonas do mundo menos favorecidas, áreas atractivas para Brasil pola súa vinculación cultural co continente africano.

(1) Anthony Woodward, J. (2011) As Relações entre o Brasil e os Estados Unidos: caminhos para uma parceria estratégica. Escola superior de guerra. Rio de Janeiro, pag 17.
(2) Anthony Woodward, J. (2011) As Relações entre o Brasil e os Estados Unidos: caminhos para uma parceria estratégica. Escola superior de guerra. Rio de Janeiro, pag 22.
(3) Aramayo, C.  (2011) Obama’s Visit to Latin America: Redefining U.S.-Brazil Relations. http://bit.ly/V5aJTM
(4) Información recollida no diario dixital foxnews.com o 19 de marzo de 2011. http://fxn.ws/f1Ib8p
(5) Información recollida no diario dixital america.infobae.com o 12 de abril de 2012. http://bit.ly/TnJgx1
(6) Aramayo, C.  (2011) Obama’s Visit to Latin America: Redefining U.S.-Brazil Relations. http://bit.ly/V5aJTM
(7) Información recollida no diario dixital oglobo.globo.com o 9 de abril de 2012. http://glo.bo/InNT8Y
(8) Su Xiaohui (2012) Obama Will Be “Smarter” in Rebalancing towards Asia and Engaging China.http://bit.ly/TgzspE
(9) Stavros Afionis and Lindsay C. Stringer (2012) The environment as a strategic priority in the European Union - Brazil partnership: is the EU behaving as a normative power or soft imperialist? Sustainability Research Institute school of earth and environment. University of Leeds. SRI Papers (Online) Nº 29, pags. 8-9. http://bit.ly/TBbNTr
(10) Información recollida da páxina web da Comisión Europea. http://bit.ly/bQBqRT
(11) Información recollida da páxina web da Comisión Europea. http://bit.ly/ykRraT

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais