Brexit en Colombia

A vitoria do Non (50,3%) no referendo sobre os Acordos de Paz celebrados o pasado 2 de outubro en Colombia poden marcar un punto de inflexión nunha sociedade polarizada polo súbito final de 52 anos de conflito armado, pero aparentemente pouco convencida sobre o consenso necesario para pasar páxina da guerra e tentar afrontar a etapa post-conflito. Pero máis que os índices rexistrados polo Non, o mais salientable foi a elevada abstención (62%), un síntoma de preocupante apatía e silenciosa distancia de cara á que debería ser a consulta mais importante na historia contemporánea de Colombia.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave Colombia Brexit Referendo
Idiomas Galego

A vitoria do Non (50,3%) no referendo sobre os Acordos de Paz celebrados o pasado 2 de outubro en Colombia poden marcar un punto de inflexión nunha sociedade polarizada polo súbito final de 52 anos de conflito armado, pero aparentemente pouco convencida sobre o consenso necesario para pasar páxina da guerra e tentar afrontar a etapa post-conflito. Pero máis que os índices rexistrados polo Non, o mais salientable foi a elevada abstención (62%), un síntoma de preocupante apatía e silenciosa distancia de cara á que debería ser a consulta mais importante na historia contemporánea de Colombia.

Tanto como a virulenta e reaccionaria campaña dos partidarios do Non, compre aquí observar como decisivos os erros de interpretación e de comunicación por parte dos principais impulsores do Si, encabezados polo presidente Juan Manuel Santos, en particular á hora de “vender” un acordo de paz que para moitos semella incerto. Non puido, por tanto, establecer unha similitude positiva con experiencias anteriores de resolución de conflitos e de desarme de guerrillas, como foran os casos de O Salvador e Guatemala.

Santos apostou practicamente todo o seu capital político neste referendo, sen aparentemente concibir un “plan B” viable en caso de derrota. A penas unha semana despois de alcanzar o histórico Acordo de Paz en Cartaxena de Indias, o presidente colombiano fracasou no cometido de aproveitar electoralmente o caudal de simbolismo e de emotividade nacional e internacional motivada por este acordo.

Con todo e recibir ao seu favor o consenso dos mais influentes mass media e principalmente dunha comunidade internacional ilusionada por ver o final dun conflito armado (a diferenza do que acontece en Siria), as manifestacións públicas polo Si foron mais ben deslucidas. Deste xeito, Santos actuou máis convencido pola inercia do momento, aparentemente interpretando que a mesma serviría automaticamente como revulsivo para o eventual triunfo do Si.

Pero o resultado define unha realidade bastante mais opaca. A distribución xeográfica e incluso socioeconómica do voto aumenta a complexidade dun momento político fortemente polarizado. Nas rexións mais castigadas polo conflito, principalmente no rural colombiano, a tendencia foi mais ben favorable ao Si, toda vez o voto do Non concentrouse en grandes núcleos urbanos. Pode intuírse así unha polarización que terminou sendo mais decisiva por mor do futuro que depararía para as FARC o escenario post-conflito.

E aquí foi bandeira do Non o estupor que para certos sectores urbanos e grandes terratenentes acadaría non só a presunta impunidade dos crimes de guerra das FARC senón principalmente dos mecanismos establecidos polos acordos de paz de avanzar no seu nivel de participación e de representación política, así como na articulación efectiva dunha equitativa lei de reforma agraria, bastión simbólico da guerrilla colombiana. A elevada abstención fortaleceu esa tendencia negativa aos acordos, simbolizada igualmente por sectores mais conservadores a través dunha campaña do medo,  temerosos pola hipotética normalización política da guerrilla desarmada.  

En chave política, resulta unha preocupante realidade que o “uribismo”, principal baluarte do Non, foi tan claramente gañador como menosprezado polas enquisas, polo goberno e por unha comunidade internacional que apostaban polo Si. Neste sentido, evidenciouse que detrás do referendo estaba configurado un turbio pulso de poder entre Uribe e Santos que finalmente terminou sendo decisivo no resultado. Con todo, o contexto post-referendo pode abrir colateralmente as comportas dunha posible recomposición do mapa político colombiano con vistas ás presidenciais 2018, toda vez intensifícanse as presións por convocar unha Asemblea Constituínte que busque reformar un sistema político considerado por moitos como oligárquico e clientelar.

Por inesperado e polas súas consecuencias políticas, o Non colombiano asúmese como unha reprodución tenue dos efectos do Brexit británicos. Cun Santos atado no seu marxe de manobra, o clima post-referendo dará pe a unha inevitable ampliación do radio de participación de actores reaccionarios cos Acordos, contexto onde o ex presidente Álvaro Uribe Vélez buscará fortalecer o seu revival político en aras de atribuírse un protagonismo central que non lle debe corresponder. Con estes pulsos políticos en Bogotá, curiosamente serán agora as FARC e incluso a outra guerrilla, o ELN, as que mais pularán por avanzar nos Acordos de Paz  a través dunha recondución do acordado na Habana que se anuncia non menos complexa.

No mesmo día en que o primeiro ministro húngaro Viktor Orban triunfaba nun vergoñento referendo húngaro sobre as cotas de refuxiados, aínda que os seus resultados non foran legalmente vinculantes por non superar o 50% da participación electoral, en Colombia, a penas un 38% de participación electoral foi suficiente para pór freo a uns históricos Acordos de Paz. Triste ironía que simboliza as contradicións decatadas por inesperados resultados electorais.