Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 7 de Abril de 2017 González Fernández

Brexit, Europa e xeografía

may.jpg

“The article 50 process is now under way” Estas foron as primeiras verbas coas que a Primeira Ministra do Reino Unido activou solemnemente na Cámara dos Comúns o artigo cincuenta do Tratado da Unión Europea iniciando o proceso de saída do Reino da estrutura comunitaria.

As consecuencias deste fito son difíciles de prever, polo que as análises que poñen sobre a mesa as ameazas e posibles – e máis ou menos probables – consecuencias son numerosísimas. Dende a perspectiva dunha xeografía política focalizada nas fronteiras nacionais e rexionais tamén hai moito que aportar.

Segundo o texto legal referido, o seu artigo 217 faculta pertencer á Unión Europea como asociado permitindo que a Unión celebre con eses terceiros países ou organizacións internacionais acordos que establezan unha asociación que traia consigo dereitos e obrigas recíprocas, accións comúns e procedementos concretos. Certamente, esta opción non é nova e xa se acolleu a ela Grecia antes do seu ingreso e Turquía atópase neste status (veremos por canto tempo). Esta é unha das opcións que está sobre a mesa para os británicos.

Mais a realidade amósase moito máis complexa, e a UE está moi lonxe de ser unha balsa de aceite multinivel dende a óptica territorial, contando con unha multitude de situacións diversas que o dificultan:

1)      No seu entorno conta con Estados candidatos a ser futuros membros cos que xa mantén fortes relacións como Albania, Macedonia, Montenegro, Serbia e, como xa se indicou, Turquía. Ademais, están os candidatos potenciais, aqueles con maiores opcións a integrarse nun tempo prudencial, como son Bosnia e Hercegovina e Kosovo; no caso kosovar conta certamente cunha complexidade engadida debido ás posicións sobre o seu recoñecemento internacional.

2)      Tamén na contorna hai Estados que no seu momento solicitaron o ingreso mais rexeitaron proseguir co procedemento, como son Noruega, Suíza e Islandia, cos cales se mantén unha especial relación por ser membros do Espazo Schengen e do Espazo Económico Europeo. Ademais, están os microestados cos que se manteñen relacións especiais, como son Andorra, Mónaco, Vaticano, San Mariño e Liechtenstein.

3)      No resto do continente europeo existen outros Estados veciños cos que a relación é primordial, mais tamén complexa, que son os que conformaban a antiga Unión Soviética: Rusia, Ucraína, Moldavia, Bielorrusia e, no Caucaso, Xeorxia, Acerbaixán e Armenia.

4)      Asemade, están os problemas territoriais dentro ou entre as fronteiras dos Estados europeos. (1) Por unha banda, atópase a cuestión do irredentismo como movemento político que propugna a anexión dun territorio ao que se considera unido por razóns nacionais. Están os casos da Gran Albania desexando anexionar Kosovo e o norte de Macedonia; a Gran Bulgaria con Macedonia, Tracia e Moesia; os múltiples problemas fronteirizos de Grecia; a gran Hungría que está tan en auxe; paralelamente tamén a Macedonia Unida; e a Gran Romanía e o problema moldavo ao que se vencella o sentimento pan-ruso de Transnistria; e tamén os problemas de Crimea e a Ucraína do leste; o Cucaso; Chipre do Norte; e un longuísimo etcétera que se converte nun gran crebatestas que semella que só sería posible resolver mediante intervención divina. (2) Pola outra banda, está a cuestión dos nacionalismos e secesionismos. Temos os casos dos independentismos rexionais: no Reino Unido sobresae Escocia co referendo en 2014 e co novo desexo de independencia tralo Brexit en 2016; Francia conta co independentismo corso, se ben adormecido, e coa tensión dun posible contaxio no caso dunhas hipotéticas independencias no País Vasco e Cataluña nas súas fronteiras reivindicadas por estes últimos. Bélxica atópase na praxe divida en dúas partes, cunha cidade internacional como Bruxelas, entre os flamencos que desexan a secesión e os valóns que pulan pola unidade. Na Italia, o norte conta cun movemento contestatario ao sur "pobre”. Ademais, moitos outros territorios pulan se non pola independencia si por una maior autonomía, como son Baviera, Bretaña, Gales, Irlanda do Norte, Srpska, Cerdeña, Trentino, Silesia, Groenlandia ou as Illas Feroe. Cómpre destacar que moitos deles atópanse no seo da Unión Europea.

5)      Por se for pouco, están os Territorios Británicos de Ultramar, lembremos os problemas que causou as Malvinas, Xibraltar e igualmente a tensión que provocan as bases de Acrotiri e Dhekelia en Chipre. Tamén hai que engadir as Dependencias de Man, Jersey e Guernsey. Igualmente hai que contar os Departamentos franceses de Ultramar e as colectividades de ultramar. Logo están as comunidades con autogoberno de Dinamarca, que son as Illas Faroe e Groenlandia, que xa estivo na Comunidade Económica Europea e saíu tendo que modificar o Tratado de Roma para permitirllo. A Coroa Holandesa ademais ten os seus territorios, e España e Portugal contan cos pacíficos territorios ultraperiféricas, excepto Ceuta e Melilla que manteñen unha constante tensión co veciño do sur e, non se esqueza, son un dos obxectivos que se persigue co proxecto do Gran Marrocos.

Intentando elaborar unha conclusión para este artigo, non se me ocorreu algo máis sentido que dicirme: alguén entende algo?

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais