Son moitas as expectativas cifradas no BRICS como instrumento para mellorar a gobernanza mundial, tanto no eido socioeconómico como político. A probable creación do Banco de Desenvolvemento e do Acordo de Reserva de Continxencia no cumio que acollerá Brasil enviará unha mensaxe de reafirmación das economías emerxentes como motor alternativo da economía mundial pero sobre todo evidenciará a vontade política do grupo de contar con versións propias do Banco Mundial e do FMI, o que significará dispor de alternativas capaces para desenvolver outras políticas e non depender tanto de instancias que responden maiormente aos criterios dominantes do mundo desenvolvido.

O cumio de Brasil inicia unha segunda rolda de reunións deste organismo. Tras un lustro de aproximación tanto se confirmaron as súas potencialidades como o escepticismo respecto ás capacidades endóxenas para asentar como un acrónimo de referencia na nova orde global. Non se trata só de economía, se ben acreditar posibilidades autónomas para confrontar a desaceleración do crecemento económico constitúe unha primeira proba para desautorizar as predicións negativas sobre o grupo. Chegou o momento de se converter nun mecanismo de cooperación estratéxica con maior poder vinculante para os seus membros, de xeito que poida responder ás expectativas e infundir confianza. Do contrario, será un foro máis.
Os países do G7 representaban non hai moito o 70% do PIB mundial e hoxe menos do 50%, pero a heteroxeneidade dos BRICS alenta temores a que un simple cambio electoral provoque unha desintegración do grupo. En países importantes como Brasil, poñamos por caso, non é totalmente compartida a política exterior que Lula puxo en marcha en 2003 e que ten nos BRICS un referente clave.
As asimetrías deben ser mitigadas para avanzar na integración e se converter nun polo de referencia a nivel global. Iso esixe interconectar mellor as economías respectivas e avanzar na cooperación financeira pero tamén na orde tecnolóxica e educativa onde todos dependen aínda en extremo de Europa ou EUA en detrimento dun intercambio directo.
China e Rusia veñen protagonizando un acercamento estratéxico capaz de conformar un bloque non occidental con gran influencia diplomática. O recente acordo do gas, a realización de exercicios militares conxuntos, a posición común en moitos conflitos internacionais converxen en ambos actores co interese en reducir a influencia de EUA na escena mundial, temperando o papel de economías desenvolvidas e emerxentes. Para Rusia, o BRICS brinda a oportunidade de recuperar posición e influencia, demostrando que non está illada.
Os BRICS teñen vantaxes en materia de demografía, recursos e mercados, pero se queren alargar a súa influencia e participar de forma activa e consistente no escenario global deben dar pasos nesa dirección. Para iso cómpre contar con unha axenda estratéxica que permita superar as diferenzas internas definido posicións comúns en ámbitos multilaterais.