¿País prioritario da cooperación galega?

Cabo Verde

Debe ou non debe ser Cabo Verde un país prioritario para a cooperación galega? Despois dunha década comprometidos en certa maneira co futuro do desenvolvemento humano deste país, á vista do proxecto de Plan Director que a Xunta de Galicia ten en apresurado trámite, seguimos, incomprensiblemente, dando voltas á pregunta.

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Debe ou non debe ser Cabo Verde un país prioritario para a cooperación galega? Despois dunha década comprometidos en certa maneira co futuro do desenvolvemento humano deste país, á vista do proxecto de Plan Director que a Xunta de Galicia ten en apresurado trámite, seguimos, incomprensiblemente, dando voltas á pregunta.

O Igadi promoveu no seu día, a comezos do presente século, a cooperación en/con Cabo Verde a través do Fondo Galego, iniciativa que axudou a fundar en 1997, cun dobre propósito: promover una cooperación que dalgún xeito respondese ás nosas singularidades e polo tanto mais xenuína e autóctona en función da proxección internacional do que somos; e desenvolvela ademais como expresión dunha acción exterior con acento na lingua, unha teima que nos invita e obriga a prestar atención a certos países e, nomeadamente no ámbito da cooperación, aos PALOP.

Había máis factores que se tiveron en conta, entre eles, a existencia dunha comunidade caboverdiana entre nós e ben asentada (que permitía pensar no co-desenvolvemento); persoas entre nós con bo coñecemento e contactos no arquipélago; magnitude e escala xestionable para un proxecto como o noso, ambicioso en intencións pero modesto en capacidades; un aparello institucional en Cabo Verde, polo xeral, con bos cadros; unha acreditada experiencia pola súa banda en cooperación o que podía facilitar a aprendizaxe mutua; un proceso, en fin, de consolidación do municipalismo no arquipélago, etc. Todo iso alén das esixencias comúns no sector en relación ao IDH e demais indicadores e requirimentos burocráticos ao uso.

Para o municipalismo galego cooperante, Cabo Verde representaba a oportunidade de afondar nunha dobre especialización: xeopolítica e temática. De feito, nese esquema, Cabo Verde había servir para tender pontes a seguir con Mozambique e tamén para triangular con Portugal. Elaboráronse e executáronse proxectos concretos a tres bandas e neses intercambios e andainas gañouse a masa crítica e a fraternidade precisas para impulsar, co apoio do Igadi e do Fondo Galego e con financiamento comunitario, a propia creación dun Fondo portugués, en activo xa, e que mira aos PALOP con carácter preferente.

A especialización temática quixo asentar na aplicación de proxectos relacionados directamente co facer local, desde o urbanismo aos servizos sociais, desde a institucionalización democrática ás redes de subministro eléctrico, etc., en estreito contacto coas Cámaras e con quen as representa, a ANMCV.

En parello, o proceso debía servir e serviu para fortalecer as relacións entre as persoas, situándoas no epicentro da cooperación, onde deben estar, e tamén entre centros de investigación e especialistas que puxeron en común as súas reflexións en diferentes foros e publicacións.

Velaí, en suma, unha experiencia de gran valor que naceu de nós propio, fuxindo dos seguidismos miméticos que nos suxire a ruta da cooperación española, sempre rumbo a Centroamérica, maiormente.

A aposta polos PALOP, había ser non só unha aposta do Fondo Galego, senón de toda a cooperación galega e os seus actores, connotándoa ante a cooperación do resto do Estado pero significándoa en Europa como unha das mais idóneas e capaces para canalizar, con Portugal, a cooperación nese entorno xeopolítico. Aí podía estar mais o noso futuro ca na participación minúscula e desdebuxada nunha cooperación española con acento noutra lingua.

É todo tan razoable que dificilmente se pode cuestionar. Así foi que a idea tivo sempre certa complicidade institucional mesmo na Xunta de Galicia, con compromisos financeiros claros, e nas propias ONGDs, axudando entre todos a configurar unha política pública neste ámbito que, vencendo as incomprensións iniciais, podía dar resultados noutros eidos de interese estratéxico para Galicia, xa nos planos económico e comercial sen ser estes os obxectivos iniciais da cooperación ao desenvolvemento.

Sendo así Cabo Verde un exemplo tan valioso en termos pedagóxicos e empíricos dunha cooperación conectada coa acción exterior a partir de nós mesmos, que sentido ten que a Xunta de Galicia persista teimuda e obsesivamente en eliminalo de raíz das prioridades da cooperación galega? Que mal lle fixo Cabo Verde a San Caetano?