Cara a radicalización do conflito en Sáhara Occidental?

É posible que tras os recentes acontecementos en Al Aiaún, que provocaron a morte dun mozo saharauí de 14 anos a mans da policía marroquí, o conflito saharauí ingrese nun período de inflexión moito máis atomizado e radicalizado, tomando en conta a parálise absoluta na que se atopan nos últimos anos as negociacións impulsadas pola ONU para celebrar un referendo independentista no Sáhara Occidental.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

É posible que tras os recentes acontecementos en Al Aiaún, que provocaron a morte dun mozo saharauí de 14 anos a mans da policía marroquí, o conflito saharauí ingrese nun período de inflexión moito máis atomizado e radicalizado, tomando en conta a parálise absoluta na que se atopan nos últimos anos as negociacións impulsadas pola ONU para celebrar un referendo independentista no Sáhara Occidental.

A ineficacia da ONU para retomar as negociacións eleva aínda máis o peso da diplomacia marroquí na concreción dos seus intereses. A pesar da existencia de movementos de solidariedade co pobo saharauí en España e Francia, ambos gobernos  afirman aínda máis os intereses de Rabat a tenor do acordo estratéxico que existe entre Marrocos e a Unión Europea, en especial ante aspectos clave como o control da inmigración ilegal, a cooperación antiterrorista no Magreb, os intereses pesqueiros europeos e a explotacións dos recursos minerais no solo saharauí. Mesma perspectiva se identifica no caso de EEUU, para quen Marrocos constitúe un aliado estratéxico.

Cun inhumano Muro de Seguridade de 2.700 quilómetros construído por Marrocos (moi similar ao existente en Palestina), a poboación saharauí afonda o seu illamento en campos de refuxiados, co único apoio exterior por parte de países como Alxeria e Mauritania. A irresolución política deste conflito eliminando a posibilidade de autodeterminación saharauí está practicamente selada ante o recente plan presentado por Marrocos para “regular” as peticións autonomistas saharauís.

Este plan tamén provocou certas fendas políticas dentro dos saharauís que poden incrementar as posibilidades de renovación do conflito armado impulsado a través das milicias do Fronte Polisario, a principal autoridade política lexitimada no Sáhara Occidental. Ante o que consideran un “escenario irreal” favorable á independencia, algúns líderes do Polisario semellan proclives a favorecer os plans autonomistas marroquís.

Deste modo, e a case 20 anos do cese ao fogo entre o Polisario e Marrocos e o comezo das actualmente paralizadas negociacións auspiciadas pola ONU, se incrementan as posibilidades de renovación dun conflito armado ao que a represión marroquí e a indiferencia occidental poden definitivamente contribuír na súa radicalización.