Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 5 de Xuño de 2013 Alvarado Roales

Cara unha “primavera turca”?

A mocidade ten un papel protagónico nas protestas en Turquía contra Erdogan

As protestas dun “feixe de marxinais”, segundo o cualificativo empregado polo primeiro ministro turco, para salvagardar unha parcela de xardín público en pleno centro de Istambul derivou nunha mobilización cidadá contra a política de Recep Tayyip Erdogan. A chama da rebelión foi avivada por un uso excesivo da forza contra os contestatarios e a prepotencia do propio Erdogan, quen amais de menosprezar aos manifestantes non tivo a ben modificar un ápice a súa axenda, nin tan siquera de pospoñer a xira polo Magreb diante da explosiva situación do país.

Alevis (póla heterodoxa liberal do Islam xiíta), kemalistas (pequena burguesía que rende culto ao fundador da Turquía moderna, Mustafa Kemal Atatürk), grupos da extrema esquerda herdeiros do antigo Partido Comunista Turco, intelectuais, artistas e mozos universitarios son unánimes en proclamar a súa oposición á vía autoritaria de Erdogan, reclamando a dimisión diste e a celebración de eleccións anticipadas. "Basta, o pobo xa non quere seguir deixándose oprimir polo islamismo no poder encarnado polo primeiro ministro Erdogan", estima una rapaza presente na praza Taksim diante das cámaras da canle gala de informacións France24.

O proceso de personalización do poder operado en Turquía durante os últimos anos ten o seu reflexo nas rúas. Os manifestantes non se dirixen nin contra o presidente da república, Abdullah Gul, nin contra o vice primeiro ministro, Bulent Arinç, nin contra o xefe de policía, nin contra o gobernador... O foco único da ira dos contestatarios é o primeiro ministro Erdogan. Cando se recualifica un espazo verde para construír, entre outros, unha mesquita no medio e medio da capital non é o alcalde de Istambul, Kadir Topbas, quen salta a palestra senón que é Erdogan. Cando arrecian os efectos dos conflito na veciña siria non é o ministro de Asuntos Exteriores quen da a cara, senón que é Erdogan... “O primeiro ministro é quen toma as decisións, de forma personalista i en todos os dominios, sen excepción. É normal polo tanto que a cólera se dirixa contra unha única persoa”, subliña o rotativo turco Hürriyet (“Liberdade”, literalmente, de centroesquerda). Erdogan, que até hai pouco pensaba que o seu poder e popularidade eran ilimitados, despois de ter operado cambios constitucionais de calado á medida das súas necesidades, só tiña en mente unha fácil vitoria nas presidenciais do vindeiro ano. Hoxe analistas e observadores coinciden en que o líder do AKP se enfronta a unha situación ben máis complexa.

A xuventude que compón o groso das protestas rexeita a islamización do país. Quere liberdade. Non comprende que centos de xornalistas, escritores e intelectuais, e mesmo militares, todos eles seculares, purguen penas de prisión por acusacións absurdas, que non se sosteñen. Antes do xurdimento da mal chamada “primavera árabe”, Turquía era o faro do oriente musulmán. Nas beiras do Bósforo o Islam semellaba conciliarse coa democracia e o conservatismo social co desenvolvemento económico. As revoltas da praza Taksim amosan os límites dista ilusión. Once anos de poder islamita do AKP teñen sido máis que suficientes para apreciar o erro de percepción. Asemade as manifestacións vivifican o rancor dunha franxa de turcos cara a política siria do seu país. Turquía, maioritariamente sunnita, pronto se posicionou no bando dos inimigos de Bachar Al Assad. Tras tomar partido, Ankara perdeu o seu estatuto de mediador no Próximo Oriente. A cuestión siria tamén deixou ao descuberto os efectos da política confesional do goberno, que non ten feito senón agravar a tensión entre sunnitas e a minoría alevi, que se sinte discriminada e que esixe máis dereitos, relixiosos e políticos. 

Erdogan sobreestimou a súa popularidade. Pensou que era intocable e fixo caso omiso das críticas verquidas ao seu encontro. É moi cedo para falar de “primavera turca” pero o movemento en marcha amosa que amplas capas dista sociedade diversa, desenvolvida e aberta sobre o mundo, non están dispostas a ser cautivas do islamismo. Non deixarán que Erdogan e os seus destrúan máis espazos de liberdade. Se non entona o mea culpa ou realiza algún tipo de xesto diante da actual situación a ola de protestas pode levarse a Erdogan por diante.

Polo pronto, un tribunal administrativo xa ten suspendido de xeito provisional o proxecto urbanístico no parque Gezi que detounou as protestas. Á luz das declaracións de intencións dos contestatarios, as mobilizacións non cesarán até facer caer ao goberno. Ante tal estado de cousas sería fatal para Erdogan subestimar a ira popular. E a ola ten visos de amplificarse. Quizáis faría ben en dimitir e organizar eleccións anticipadas. O primeiro ministro non se pode permitir un novo ataque de soberbia nin un erro de apreciación que podería sumir ao país na violencia e no caos.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais