Distribuir

Distribuir contido
El Periódico 3 de Novembro de 2016 Ríos

China ante o 8 de Novembro

indiferenza.jpg

As eleccións estadounidenses son observadas en China cunha comedida indiferenza. Dálles igual quen gañe? A importancia da relación entre os dous países é considerable e aínda que os vínculos bilaterais ofrecen un colchón nada desprezable para moderar os hipotéticos sobresaltos de calquera transición, cabe matizar a evolución das tensións estratéxicas a resultas dunha vitoria demócrata ou republicana. 

Tradicionalmente, China acentúa dous factores. Dunha parte, a denuncia do poder do diñeiro na contenda para relativizar o seu valor como paradigma da democracia; doutra, a queixa de que as carreiras electorais en EUA asemellan unha competición para ver quen critica máis ao xigante asiático. 

Donald Trump, por exemplo, vén centrando os seus alusións a China na economía, denunciando temas como a propiedade intelectual ou a manipulación da moeda. En Beijing resáltase o seu carácter impredicible pero consideran que, ata certo punto, pode ser manexable. 

O discurso de Hillary Clinton vai moito máis alá da economía. As severas críticas en torno aos dereitos humanos ou reclamando liberdade na Rede así como o seu papel na definición da estratexia de Pivot to Asia que Beijing responsabiliza de danar os lazos cos estados veciños, a cualifican como abertamente contraria aos seus intereses. Nalgún momento suxeriu ata o apoio de EUA a unha hipotética “revolución de cor” en China, provocando a conseguinte hilaridade. E ela foi quen reivindicou con rotundidade ante Beijing a condición “vital” do Mar de China meridional para os intereses nacionais de EUA. 

A crítica de Trump pouco destacou na orde estratéxica. Ben é verdade que provocou algún desconcerto o seu comentario de que Xapón e Corea do Sur deben pagar pola súa defensa, insinuando que podería chegar a pechar as súas bases. Isto xerou preocupación na rexión ante o temor de que supoña, entre outros, unha invitación a China para atacar Taiwan, un escenario remoto aínda que as tensións a través do Estreito experimentan unha tendencia ascendente que pode conducir a unha canella sen saída. Ademais, Trump reclama maior orzamento para garantir a presenza militar alí onde se necesite. A súa retórica xeral é implacable sempre coa política exterior de Obama.

O resultado do 8 de novembro, a Beijing non lle é indiferente. O temor a que unha presidencia Clinton agrave as tensións bilaterais e ata conduza a un maior enfrontamento en áreas de conflito como os mares de China, pode inclinar a balanza das preferencias cara a Trump. Non está claro que esa ecuación opere de igual xeito entre a opinión pública chinesa. Pero gañe quen gañe, o reto de trazar unha relación de novo tipo entre grandes potencias -da que pouco se falou na campaña- que evite a Trampa de Tucídides, antóllase urxente para ambos países. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais