Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 27 de Marzo de 2014 Vilachá

China: dúas picas… en Europa

O ascenso de China como potencia económica é un feito. O xigante asiático comeza a trocar de estereotipo, xa non é mais a China pobre e submisa ás teorías político-económicas de Mao que levaron ao país a severas crises nos anos 1950 e 60. A China de hoxe é diferente. Logo das reformas económicas emprendidas a partir de 1979 por Deng Xiaoping, China comezou a medrar até se converter no xigante económico dos nosos días. Hoxe, China pode competir ao mesmo nivel que potencias occidentais coma os Estados Unidos de América ou os países europeos e mesmo desafialos en termos xeopolíticos no seu propio campo de xogo.

Un bo exemplo desta nova China que comeza a se expandir atopariámolo en América Latina co proxecto dunha nova canle en Nicaragua para competir coa de Panamá ou os Tratados de Libre Comercio (TLC) subscritos con Chile, Costa Rica e mais o Perú e que ameaza con por en xaque a histórica hexemonía norteamericana no seu patio traseiro, segundo apuntaba a Doutrina Monroe. A expansión chinesa ao longo do globo para aumentar o seu poder de influencia e decisión aparece representado tamén no continente africano onde as empresas chinesas comezan a tomar posicións nos países con importantes recursos naturais e estratéxicos.

De volta ao vello continente podemos albiscar unha gran presenza da China con acordos bilaterais cos diferentes Estados Membros europeos. Alemaña, Países Baixos, Francia, Italia ou o Reino Unido teñen asinado diferentes acordos en materia de cooperación política e/ou económica. Para China, o mercado común europeo supón un apetitoso mercado no que investir. Cómpre lembrar a forte aposta chinesa desde que a crise económica e financeira estoupou aló polo 2008, cando o entón presidente da República Popular Chinesa, Hu Jintao, apostou por investir no vello continente e tamén en Estados Unidos para mercar débeda dos países en dificultades económicas ou adquirir a prezos de saldo empresas ou infraestruturas estratéxicas. Abondan os exemplos en Portugal, Grecia ou na propia España.

Pero as relacións bilaterais entre China e os países europeos non soamente están cinguidas aos Estados Membros da UE. Recentemente, China ven de pechar un acordo bilateral de libre comercio con Islandia e Suíza e atópase en negociacións dende o ano 2007 con Noruega para pechar o TLC co país escandinavo.

Qué busca China con estes acordos?

En abril de 2013, Islandia convertíase no primeiro Estado europeo en recoñecer internacionalmente que China é unha economía de mercado trala sinatura do TLC co país asiático (China FTA Network, 2013). Esta sinatura representa o afastamento temporal de Islandia da carreira iniciada en 2009 a prol do acceso á Unión Europea logo da bancarrota do ano 2008 e permite ao país nórdico recibir apoio económico para a súa feble economía. Por outra banda, representa unha grande oportunidade económica e estratéxica para Islandia xa que ao se converter no primeiro país europeo en asinar un TLC con China, tamén se converterá de vez nun hub ártico non soamente nas relacións China – UE nos vindeiros anos senón tamén con outros países asiáticos como Xapón, Corea do Sur ou Singapur (Bloomberg, 2013).

A explicación deste feito é simple. Islandia é membro da EFTA (Asociación Europea de Libre Comercio - European Free Trade Area) dende 1970, o que lle permite contar coas mesmas vantaxes comerciais que os Estados Membros europeos aínda que non poda intervir na elaboracións das propias regulamentacións comerciais. O feito de que a súa vez, Islandia asinara un TLC co goberno chinés abre tamén a porta de vez ao coloso asiático para comerciar a través do seu socio preferente islandés. Aliás,  China abre outra unha porta a nivel xeoestratéxico moi importante para consolidar as súas relacións co Consello do Ártico no que ten un grande interese debido ao desxeo desta rexión do planeta, o que permitirá de aquí a poucos anos reducir os percorridos marítimos e porén as taxas comercias entre Europa, Asia e a costa leste dos Estados Unidos e Canadá.

O Consello do Ártico é unha organización intergobernamental nada no 1991 co obxectivo de protexer o ecosistema ártico e de potencialo a súa vez sen danar, en principio, nin as comunidades indíxenas, nin ao medio natural. Fundada polos países que bordean o Ártico (Canadá, EUA,Rusia, Noruega, Islandia, Dinamarca Finlandia e Suecia) máis diferentes grupos indíxenas e organización satélites e estados observadores como a UE ou Turquía. (Artic Council, 2014)

Suíza, o seguinte paso

A ambición chinesa de aumentar as súas ligazóns comercias coa UE vía estados EFTA non remata con Islandia. En maio do ano 2013, China e Suíza firmaron o Tratado de Libre Comercio entre ambos os dous países. O feito de que China entre directamente no corazón do continente europeo cun dos socios preferentes da Unión Europea e membro ao igual que Islandia da EFTA supón un golpe de efecto da economía chinesa no vello continente. Este feito pode chegar a reconsiderar as relacións UE-China para o vindeiro lustro, especialmente se o contemplamos no marco do afianzamento da súa relación cos PECO (Países de Europa Central e Oriental), que contan cun marco especial de relacións co xigante asiático.

Con todo, o resultado das vindeiras elección europeas de maio de 2014 terán moito que dicir na política a seguir durante os vindeiros cinco anos dende Bruxelas. Un parlamento mais euroescéptico pode fomentar a introdución progresiva, nunca agresiva, de produtos chineses no mercado europeo logo deste primeiro movemento estratéxico de Pequín a través de novos e reforzados acordos bilaterais entre os diferentes Estados Membros. Pola contra, un Parlamento Europeo que de continuidade á integración política e económica pode provocar que recrúen as relación bilaterais UE-China durante o vindeiro lustro tras esta “intromisión” chinesa no espazo europeo.

O que está claro é que China aposta xa desde o final da presidencia de Hu Jintao por un cambio de tendencia cara unha expansión económica e estratéxica e así afastarse da etiqueta de fábrica do mundo. No canto do vello continente, está por ver, non só polas eleccións de maio senón tamén polas relacións cos estados EFTA e os PECO, como discorren estes marcos de entendemento que poderían funcionar como pasarelas complementarias de entrada de China na UE con incertas consecuencias para as xa febles economías do Sur Europeo.

Listaxe de Referencias

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais