Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Fusión 9 de Agosto de 2016 Ríos

China no espello do G20

Cumio de setembro en Hangzhou
Reunión ministerial do G20. Fonte: Global Times

O cume do G20 reunirase novamente a primeiros de setembro na cidade chinesa de Hangzhou, capital de Zhejiang. China acolle con satisfacción o encontro pois supón un recoñecemento do seu papel crecente na economía global. Igualmente, a través dunha presenza récord, quere reforzar a representatividade dos países en desenvolvemento e incidir no seu propio liderado das economías menos avanzadas. 

Nun momento de grandes axustes e reformas que colleitan non poucas dificultades, as autoridades do xigante asiático aproveitarán o evento en dobre clave interna. Dunha banda, para reafirmar a orientación xeral do seu propio proceso; doutra, para tranquilizar a terceiros países en canto á solidez das súas expectativas de transformación estrutural, a miúdo cuestionadas. 

Da axenda de propostas formuladas polos anfitrións destaca a reivindicación das bondades da globalización (aínda recoñecendo os seus buracos negros) e a condena do proteccionismo comercial que gaña enteiros por todas as partes. China é un dos países máis prexudicados por esta tendencia.

O G20 agrupa a un conxunto de economías que representan o 85 por cento da economía global. As pretensións iniciais que apuntaban á fixación de regras para unha gobernanza económica que disciplinara o sector financeiro e as grandes corporacións trasnacionais en aras do ben común, disipáronse, encallando nos tópicos asociados ao crecemento: innovación, comercio, investimento, reforma, axuste…

China reivindicará en Hangzhou un papel de maior significación na gobernanza global. Pero, ten China unha axenda realmente propia? Coñecido é o seu interese polo impulso ás infraestruturas, a súa disposición a actuar como un novo referente global dos investimentos, o seu maior compromiso coa superación dos déficits ambientais ou a fenda tecnolóxica. Iniciativas como o BAII (Banco Asiático de Investimento e Infraestruturas) ou a Franxa e a Ruta apuntan nesa dirección. A aposta pola Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible confírelle un destacado papel no apoio á industrialización de África e outros países en desenvolvemento, polo tanto comprometida coa redución da pobreza. A incorporación de China ao Club de París podería axudar a resolver os problemas de débeda dalgúns países. Pero subsisten as dúbidas, primeiro, a propósito do éxito da súa transición ao novo modelo de desenvolvemento á vista dunha “nova normalidade” caracterizada pola desaceleración e as resistencias estruturais aos cambios; segundo, en atención ás horas baixas e conflitivas dunha diplomacia (perda de impulso dos BRICS ou as tensións no Mar de China meridional, por citar dous exemplos) que ata agora recolleu importantes éxitos

A incapacidade foi a nota dominante á hora de caracterizar o papel do G20 ante a crise global. No fundamental, as esperanzas que espertou no seu día non se viron confirmadas. Si China vai remar en Hangzhou na mesma dirección que ata agora, de pouco servirá esta cita. Necesítanse medidas audaces para mellorar o control e asegurar a estabilidade financeira internacional, detonante dunha crise aínda non pechada do todo. Isto esixe a asunción de políticas públicas que afiancen a recuperación á vez que a protección das persoas. É ese o tipo de crecemento que a sociedade global precisa. Cabe observar con inquietude a súa reiterada presenza retórica nas grandes cábalas globais sen verse acompañada de medidas eficaces.

Ignórase si China podería abandeirar un novo camiño para o crecemento que teña en conta non só as novas oportunidades que xorden da innovación tecnolóxica senón a xestión á par dos impactos sociais, fenómeno do que moi pouco se fala. A corrección das desigualdades é un imperativo da máxima urxencia.

En China, é o PCCh quen aínda ten o poder sobre a economía. Diríase que no resto do mundo é o mercado quen impón as súas regras e a esfera política atópase cada vez máis á súa mercé. Sen mingua das diferenzas sistémicas, especialmente no político, a experiencia de China na planificación e outros ámbitos cun modelo de crecemento que concreta outro modelo de xestión da economía sen renunciar á optimización da estrutura nin aos factores tradicionais asociados ao crecemento podería aportar ideas complementarias de utilidade para subordinar o papel do mercado ao ben común. A sociedade acomodada global debera ser unha aspiración compartida. Preocúpalle ao G20?

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais