images artigos fotoschina1926

CHINA, ou o “non a preescolar na casa”

Un dos elementos que deixan pegada na ollada dos viaxeiros por China, é a cortesía dos cidadáns cos estranxeiros. Pero tamén impactan as importantes diferenzas sociais, en concreto no acceso á prestación de servizos públicos, e a actitude das elites na loita polos recursos escasos. Un bo exemplo son as garderías, onde agroman as sementes do descontento nun país en constante reforma.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Un dos elementos que deixan pegada na ollada dos viaxeiros por China, é a cortesía dos cidadáns cos estranxeiros. Pero tamén impactan as importantes diferenzas sociais, en concreto no acceso á prestación de servizos públicos, e a actitude das elites na loita polos recursos escasos. Un bo exemplo son as garderías, onde agroman as sementes do descontento nun país en constante reforma.

Un plan para abrir xardíns de infancia para os fillos dos traballadores en xeral, e non só dos funcionarios (como se só estes tivesen dereito a un servizo tal) dividiu a opinión pública en Guangzhou (Cantón) hai poucos días e xerou malestar cos funcionarios do estado. Nun contexto de presión, que ten a orixe na gran demanda existente de educación de calidade e a dispersión dos recursos, amais do mal reparto dos mesmos, a poboación vese dividida poñendo sobre a mesa as contradicións do sistema.

O temor á masificación das escolas é unha teima entre os funcionarios que pretenden manter os privilexios con respecto ao resto da poboación nun país que se autodenomina “comunista”. O Buró da Educación de Guangzhou emitiu un comunicado o 10 de xullo reservando naquelas institucións que reciben apoio económico do goberno, prazas abertas para todo o público.

images artigos fotoschina1926De acordo coa circular, as garderías financiadas polos departamentos de ensino ou axencias gobernamentais deben abrir o 70 por cento das prazas ao público en 2013, coa crecente proporción de non menos de 90 por cento en 2016. Non obstante, os centros de ensino manteñen a protección e a preeminencia dos fillos dos funcionarios, xa que a oferta se abre ao público unha vez que se aseguran prazas para os fillos dos funcionarios, de inicio.

Previamente, un programa piloto no distrito de Panyu, obrigaba a tres garderías gobernamentais dispor do 30 por cento dos seus asentos en favor da igualdade e da competencia, cuxa proporción deberá chegar a un 50 por cento o vindeiro ano.

A resistencia aos procesos de reforma agromaron cando algúns funcionarios se opuxeron alegando que os centros de ensinanza foron creados para os seus fillos, cuestionando ademais a asignación de centro a través de sorteos.

Os centros financiados por axencias gobernamentais e creados para fillos de empregados públicos son produtos orixinais da época da economía planificada, e agora imponse a reforma en tempos da economía de mercado, que a todas luces parece máis xusta que o comunismo...

A reforma en Guangzhou chega nun momento no que, curiosamente, o goberno municipal está recibir críticas da opinión pública pola asignación de cartos públicos para os centros de formación. No borrador do orzamento presentado na municipalidade a comezos deste ano, 8 garderías recibirían 835 millóns de yuans (119,2 millóns de euros, unha cantidade nada desprezable) alimentando a polémica. É dicir, estas garderías reciben unha importante cantidade de diñeiro público, de todos, mentres tan só algúns grupos privilexiados teñen acceso ás instalacións.

Estas escolas públicas son a primeira opción para os pais, dado o bo ambiente educativo e a dispoñibilidade de recursos. Algúns pais fóra do sistema, incluso chegan a pagar unha cantidade enorme cada ano como "cotas de patrocinio" para gañar o acceso dos seus fillos.

A situación é aínda peor noutras cidades como Beijing, e por tanto a reclamación de abrir de modo universal os centros a tódolos alumnos é un paso significativo para o conxunto do país.

O intento de reforma chega por tanto nun momento crucial, xa que o país afronta unha escaseza de recursos para a atención escolar e pre-escolar en todo o estado. Moitos pais en distintos puntos do país teñen que facer cola durante días, a fin de conquistar un espazo nunha escola pública para os seus fillos. Para os chineses a educación dos fillos é unha temática prioritaria.

Estas reivindicacións de Guangzhou son significativas na medida en que fará que os recursos públicos sexan asignados de forma máis xusta. O goberno debe traballar para evitar situacións onde as familias máis poderosas envían os fillos ás escolas públicas e aquelas máis ricas incluso teñen a sorte de ir a escolas privadas mentres os máis pobres quedan excluídos do sistema ou deben asistir ao que o sistema denomina escolas “ilegais” para ser alfabetizados.

Por outra banda existe unha corrente, que busca promover o apoio ás escolas privadas para liberar o sistema educativo do estres da demanda existente sobre todo nas cidades.

Non obstante, a oposición dos funcionarios é forte, e as reformas noutros ámbitos como a sanidade ou as pensións sofren dos mesmos atrancos.