Chipre como prioridade

Na súa primeira visita exterior dende que asumiu como novo primeiro ministro en Grecia, Kyriakos Mitsotakis declarou en Chipre que a unificación da illa será “a prioridade” da súa xestión gobernamental. O próximo 9 de agosto, a República de Chipre e a outra entidade “paraestatal” da illa mediterránea, a República Turca do Norte de Chipre (RTNC), regresarán á mesa de negociacións en Nicosia, a capital chipriota. A República de Chipre é membro pleno da UE desde 2004. A RTNC, só recoñecida internacionalmente pola República de Turquía, ten o status de “Estado de feito”. Terá por tanto validez a “opción Mitsotakis” de unificación chipriota nun contexto actual determinado polas tensións? Ou a mesma forma parte dunha rede de intereses manexados dende outros escenarios?

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Na súa primeira visita exterior dende que asumiu como novo primeiro ministro en Grecia, Kyriakos Mitsotakis declarou en Chipre que a unificación da illa será “a prioridade” da súa xestión gobernamental. O próximo 9 de agosto, a República de Chipre e a outra entidade “paraestatal” da illa mediterránea, a República Turca do Norte de Chipre (RTNC), regresarán á mesa de negociacións en Nicosia, a capital chipriota. A República de Chipre é membro pleno da UE desde 2004. A RTNC, só recoñecida internacionalmente pola República de Turquía, ten o status de “Estado de feito”. Terá por tanto validez a “opción Mitsotakis” de unificación chipriota nun contexto actual determinado polas tensións? Ou a mesma forma parte dunha rede de intereses manexados dende outros escenarios?

De cara ao cumio de agosto próximo, o presidente chipriota, Nicos Anastasiades, e o seu homólogo da RTNC, Mistafa Akinci, tentarán superar décadas de división política e territorial nun clima que, de principio, convidaba ao optimismo. Pero a súbita declaración de Mitsotakis de outorgar prioridade á unificación, o cal implica acabar coa presenza militar turca no norte de Chipre trala invasión de 1974, foi rexeitada inmediatamente polas autoridades turcochipriotas, deixando en suspense a eventual capacidade de alcanzar un acordo.

O momento político asúmese polarizado, non tanto no caso dos contactos entre a República de Chipre e a RNTC, senón principalmente das reorientacións xeopolíticas dos seus principais valedores exteriores, Grecia e Turquía, respectivamente. Estas reorientacións poderían quizais ser mais decisivas que a rolda de negociacións que levarán a cabo Anastasiades e Akinci.

Nos últimos anos, Chipre é o epicentro mediterráneo de proxectos de explotación de gas natural que involucran a varios actores como EUA, Europa, Rusia, Turquía, Grecia e Israel, entre outros. Alén das negociacións que podan propiciar a pacificación e eventual reunificación da illa, a actualidade chipriota estaría mais enfocada nos pulsos de intereses xeopolíticos sobre esta especie de “nova potencia enerxética”. Intereses que poden influír dun xeito mais decisivo sobre calquera negociación ou acordo.

A vitoria electoral da centrodereita de Mitsotakis nos comicios do pasado 7 de xullo confirmaría o retorno grego ao redil “atlantista” vía OTAN e UE. Por tomar un exemplo: a primeira decisión de Mitsotakis en materia exterior foi recoñecer a lexitimidade presidencial de Juan Guaidó en Venezuela, sepultando así a posición do seu antecesor, Alexis Tsipras, de apoio a Maduro. Igualmente, Bruxelas agarda que Mitsotakis manteña as receitas macroeconómicas de austeridade que, desde 2011, practicamente hipotecan a Grecia aos intereses financeiros da UE.

Toda vez, Turquía, membro histórico da OTAN ao igual que Grecia (ámbolos dous ingresaron simultaneamente na Alianza Atlántica en 1952), ven mantendo nos últimos tempos unha relación cada vez mais estratéxica con Rusia. Con todo, o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, cuxa política exterior vese cada vez mais afastada dos imperativos atlantistas, celebrou inmediatamente a vitoria electoral de Mitsotakis, nun xesto tendente a retomar a normalidade das relacións diplomáticas.

Non obstante, este inicial clima de cordialidade entre Erdogan e Mitsotakis esvaeceuse subitamente unha vez o primeiro ministro grego pisou só chipriota. En Nicosia, Mitsotakis acusou a Turquía de “provocacións” polas explotacións turcas de gas natural próximo ás augas chipriotas que, segundo Grecia e a UE, están legalmente baixo soberanía da República de Chipre. Toda vez, estas exploracións turcas achegaríanse igualmente ás illas mediterráneas gregas de Rodas e Kastelorizo, igualmente próximas ás costas turcas. Toda vez Turquía rexeitou inmediatamente estas acusacións, a UE mantivo a súa posición de apoiar aos seus países membro, Grecia e a República de Chipre, nas súas reclamacións contra Ankara. Unha posición que eleva aínda mais a tensión na contorna mediterránea en vésperas da negociación en Nicosia, toda vez Europa ve en Chipre (e tamén no Magreb, especificamente as convulsionadas Alxeria e Libia) un baluarte estratéxico que lle permita reducir substancialmente a súa estrutural dependencia enerxética de Rusia.

Trinta anos despois da caída do Muro de Berlín (1989), a fronteira entre a República de Chipre e a RTNC é considerada como “o derradeiro Muro de Europa”. Pode que Anastasiades e Akinci acudan con moderado optimismo e ilusión a unha negociación en Nicosia que busque progresivamente “derrubar ese muro”. Pero mais que as diverxencias históricas, os fíos que tecen o conflito chipriota (e as súas posibilidades de resolución) estarían hoxe, mais ben, movéndose dende outras latitudes e cara outros intereses.