Colombia como peón estratéxico da OTAN

A pesar de que a OTAN rexeitou esta semana, aducindo “criterios xeográficos”, a petición enviada polo presidente colombiano Juan Manuel Santos de subscribir para este mes de xuño un acordo de formalización do eventual ingreso deste país na Alianza Atlántica, a implicación de Bogotá como posible socio de cooperación coa OTAN altera sensiblemente o equilibrio estratéxico xeopolítico y militar a nivel hemisférico.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A pesar de que a OTAN rexeitou esta semana, aducindo “criterios xeográficos”, a petición enviada polo presidente colombiano Juan Manuel Santos de subscribir para este mes de xuño un acordo de formalización do eventual ingreso deste país na Alianza Atlántica, a implicación de Bogotá como posible socio de cooperación coa OTAN altera sensiblemente o equilibrio estratéxico xeopolítico y militar a nivel hemisférico.

O interese colombiano por ingresar na OTAN comezou a materializarse a partir de 2007 como unha posibilidade en materia de defensa e seguridade. As perspectivas e Bogotá ampáranse no feito de que, desde 1989 e por mor do proceso de caída do bloque ex soviético, a OTAN abriu as perspectivas de admitir como socios de cooperación a países non membros, baixo a figura do Major Non-NATO Ally ou Aliado Principal extra-OTAN. Dende entón, ingresaron a este status os seguintes países:  Arxentina (único país suramericano con ese estatus), Xapón, Bahrein, Australia, Corea do Sur, Afganistán, Xordania, Kuwait, Israel, Marrocos, Paquistán, Tailandia, Exipto, Filipinas e Nova Zelandia.

Unha nova xeopolítica colombiana

Non obstante, o contexto actual aduce de importantes riscos xeopolíticos a pesar das perspectivas colombianas por emerxer como un actor global cada vez mais considerable, tal e como declarou precisamente o propio Santos para xustificar as negociacións coa OTAN.

Nos derradeiros tempos, Colombia ven activando unha diplomacia con cada vez maior incidencia nos foros globais, tal e como se observou coa recente celebración en Cali do Cumio da Alianza para o Pacífico, marco de integración establecido con México, Perú e Chile ampliado a países observadores como Australia, Xapón e España.

Se a Alianza para o Pacífico implica para Colombia a súa inserción no marco estratéxico de Asia-Pacífico como epicentro do poder mundial para as próximas décadas, o seu formal achegamento cara a OTAN lle infire unha presenza no contexto das potencias occidentais “atlantistas”, particularmente para EUA, coa perspectiva de focalizar a Colombia como o epicentro activo dos intereses establecidos nunha “nova xeopolítica” vertebrada en torno ao Atlántico e o Pacífico.

Esta perspectiva serviría, indirectamente, para establecer un freo de contención á potencialidade de potencias como China dentro do contexto hemisférico latinoamericano, en particular cara países como Venezuela, Brasil e Arxentina, hipotéticos “rivais” rexionais para Colombia.

As tensións rexionais

Paralelamente, o goberno de Santos está en plena fase de negociación dun diálogo para a eventual pacificación do conflito interno coa guerrilla das FARC, negociacións que inclúen a actores estratéxicos como Venezuela e Cuba. Razón pola que a recente petición de ingreso na OTAN pode complicar seriamente a viabilidade deste negociación e, incluso, a propia credibilidade do goberno de Santos.

Precisamente, desde a súa chegada á presidencia en 2010, Santos tenta establecer unha especie de “entente cordial” cos seus veciños, probablemente coa finalidade de superar os tensos períodos nas relacións de Bogotá con Ecuador, Venezuela e incluso Nicaragua establecidos durante a presidencia do seu antecesor Álvaro Uribe Vélez (2002-2010). Período no que precisamente o actual presidente Santos foi ministro de Defensa.

Por tanto, a hipotética implicación da OTAN no concerto suramericano a través dun marco de cooperación con Colombia, intensificaría aínda mais a condición de Bogotá como principal aliado hemisférico de EUA. Condición fraguada a partir da posta en marcha do Plan Colombia en 2000, que lle permitiu a Bogotá recibir mais de US$ 8.000 millóns de axudas en material militar e cooperación antinarcóticos.

En 2009, o goberno de Uribe subscribiu un acordo con Washington para a utilización por parte de EUA de bases militares en Colombia, tomando en conta que o goberno ecuatoriano de Rafael Correa decidiu ese mesmo ano non prorrogar a presenza militar estadounidense establecida na base militar de Manta (Ecuador). Non obstante, a Corte Constitucional de Colombia considerou este acordo con EUA como “inviable”, razón pola que ata agora non foi aplicado.

Dous rivais: a ALBA e Brasil

A pesar do rexeite da petición colombiana por parte da OTAN, a posibilidade de adiantar un marco de cooperación entre Bogotá e a Alianza Atlántica implicaría a renovación das tensións rexionais, tal e como se evidenciou coa frontal negativa e acusación do mesmo por parte dos gobernos de Bolivia, Venezuela e Nicaragua, membros do denominado “eixe da ALBA”.

No caso da “ALBA post-Chávez”, o contexto actual de inserción dun marco de cooperación entre Colombia e a OTAN podería “resucitar” o proxecto de integración militar sudamericana establecido polo desaparecido presidente Hugo Chávez a partir de 2007, e denominado a Organización do Tratado do Atlántico Sur (OTAS) como substituto do practicamente inoperante Tratado Interamericano de Resistencia Recíproca (TIAR), unha reliquia da “guerra fría” creada en 1949.

Resulta pertinente considerar que en xuño de 2011, a ALBA inaugurou en Bolivia a Escola de Defensa e Soberanía, unha especie de instituto militar da ALBA que completou unha nova perspectiva de integración militar rexional trala inauguración uns meses antes por parte da UNASUR do Centro de Estudos Estratéxicos de Defensa (CEED) en Bos Aires. No caso da Escola militar da ALBA en Bolivia ven sendo considerable a participación de altos mandos militares de Rusia, Irán e China como socios de cooperación.

Neste sentido, a presenza en Bolivia do ministro iraniano de Defensa, Ahmad Vahidi, acusado pola Asociación Xudía AMIA da Arxentina de presuntamente perpetrar os atentados contra a AMIA en 1994 en Bos Aires, intensificou os temores de aliados militares de Colombia, como Israel e EUA, dunha maior vertebración da cooperación militar entre o eixe da ALBA e Irán. De forma indirecta e tanxencial, os recentes contactos de Colombia coa OTAN pode implicar igualmente unha posibilidade de concreción dun eixe de contención “atlantista” contra este penetración iraniana, así como de Rusia e China, aliados económicos e militares dos países da ALBA.

Outras perspectivas deste eventual marco de cooperación entre Colombia e a OTAN poderían apuntar, incluso, cara Brasil, tomando en conta o aumento da potencialidade brasileira en materia económica, militar e xeopolítica. Precisamente, a creación da Alianza para o Pacífico constitúe claramente unha aposta por restrinxir ese peso hemisférico de Brasilia, e que conta obviamente co aval de EUA.

Tanto como a ALBA e Brasil, unha perspectiva de alianza Colombia-OTAN incide directamente na operatividade doutros mecanismos de integración recentemente constituídos, como a UNASUR e a CELAC. Neste sentido, o presidente venezolano Nicolás Maduro xa pediu unha reunión extraordinaria da UNASUR para condenar a eventual inserción da OTAN no escenario suramericano.

As cuestións limítrofes

Pero a eventual cooperación Colombia-OTAN implicaría escenarios de maior risco diplomático e militar para a rexión. O primeiro sería con Venezuela, con quen Bogotá mantén reclamacións de soberanía no Golfo de Venezuela, denominado Golfo de Coquivacoa por Colombia. Así mesmo, os contactos político do desaparecido presidente Hugo Chávez coas FARC implicaron unha constante tensións nas relacións entre Bogotá e Caracas, tensións que levemente lograron superarse coa inclusión de Venezuela no proceso de negociación da paz coa guerrilla colombiana.

Desde 2011, Santos ven mantendo unha política de “non confrontación” aberta co goberno venezolano que lle permitiu obter relevantes ganancias políticas. Esta nivel de relación perdurou nas primeiras semanas da presidencia do actual mandatario venezolano Nicolás Maduro. Por tomar un exemplo, Santos foi un dos primeiros líderes hemisféricos en recoñecer a lexitimidade da vitoria de Maduro nos contestados comicios presidenciais venezolanos do pasado 14 de abril.

Non obstante, as tensións entre Bogotá e Caracas se intensificaron nas derradeiras semanas, en especial ante a receptividade de Santos e das institucións colombianas á visita do líder da oposición venezolana, Henrique Capriles Radonski, quen denuncia un presunto fraude electoral en Venezuela. Por tanto, a recente petición colombiana de cooperar coa OTAN foi cualificada por Maduro como unha “aberración”.

Así e todo, e mentres Maduro e Santos tentan nestes momentos recompoñer as relacións bilaterais colombo-venezolanas, a Bogotá se lle abren outras frontes. No caso nicaraguano, os temores dunha cooperación Colombia-OTAN se focalizan na posibilidade de que Bogotá fortaleza a súa potencialidade militar para afianzar as súas pretensións de soberanía sobre o arquipélago caribeño de San Andrés, en proceso de litixio e reclamación por parte de Managua ante a Corte Internacional de Xustiza da Haia. E non se debe esquecer as tensións co goberno ecuatoriano de Correa, que foron moi evidentes durante a crise de 2008, cando o goberno de Uribe con Santos no ministerio de Defensa abateu ao ex líder das FARC, Raúl Reyes, en territorio ecuatoriano.

Para a OTAN, implicarse eventualmente nun contexto de actuación en América do Sur a través da cooperación con Colombia implica obviamente novas perspectivas e riscos. A progresiva permeabilidade das fronteiras entre países como Colombia, Venezuela, Ecuador, Brasil ou Perú, identifica afrontar considerables variables de seguridade, en especial en materia de narcotráfico, movementos armados (principalmente as FARC) e crime organizado. Toda vez, a OTAN segue implicada en misións internacionais nos Balcáns e Asia Central, con epicentro en Afganistán.

Aínda que a perspectiva de cooperación entre Colombia e a OTAN está aínda en fase de negociación que non semella establecer un ingreso formal de Bogotá na Alianza Atlántica, a recomposición de intereses e equilibrios militares en América do Sur está tomando o seu curso, con Colombia como evidente peza estratéxica dos intereses “atlantistas”. O escenario ábrese, así, tenso e expectante, especialmente de cara aos países dunha ALBA sensiblemente debilitada tralo desaparición do enérxico liderado de Chávez e, igualmente, das perspectivas de observar a mediano prazo a Brasil como unha potencia militar hemisférica.