Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 28 de Marzo de 2017 VV.AA.

Comeza a era Trump no Triángulo Norte Centroamericano

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC
trump_tnc.jpg

As relacións da rexión centroamericana cos Estados Unidos de América gozan dunha longa tradición, aínda que case sempre predeterminadas polas directrices norteamericanas. Se ben tradicionalmente esta inxerencia estivo supeditada a intereses xeopolíticos, estratéxicos e comerciais, dende fai algún tempo cobrou especial relevancia o factor migratorio.

O paulatino aumento dos fluxos migratorios centroamericanos cara os Estados Unidos e a preocupación que isto supuxo en Washington, especialmente na era Obama, pareceu mudar a postura clásica ante a problemática á hora de impulsar diversas estratexias ao marxe da ortodoxia anti-inmigración tradicional, baseada no aumento sistemático de medidas de securitización. Referímonos a programas ou iniciativas destinados a controlar o aumento da migración irregular atallando os principais “push factors” (factores de empuxe): violencia endémica e crime organizado, debilidade estrutural dos Estados e corrupción, situación socioeconómica etc.

Quizais o mellor expoñente atopámolo na contribución ao Plan Alianza para a Prosperidade, desenrolado dende 2015 e destinado á estabilización das economías e gobernos da rexión. Pese as numerosas fallas e carencias que poidan existir no citado plan, mostra certos e moi necesarios avances en materia de desenrolo social de áreas marxinais e no impulso ineludible para a reforma das institución máis débiles e contaminadas destes Estados. A viabilidade do proxecto atópase moi ligada, sendo realistas en canto á capacidade limitada destes gobernos, a estímulos e inversións externas, nos que xoga un papel preponderante o goberno estadounidense.

Coa recente publicación da primeira proposta de Plan de Presupostos(1) do goberno de Donald Trump que, de aprobarse no Congreso, entraría en vigor a partir do próximo outubro, comezan a saltar as alarmas sobre a continuidade das diversas iniciativas de cooperación en vixencia. Pois, co obxectivo de aumentar o gasto militar e de seguridade  (10% e 7% respectivamente), mentres se reducen os niveis de débeda, proxectáronse unha serie de recortes significativos en áreas sensibles, baixo a premisa do gasto exacerbado do denominado “deep state(2).

Neste ámbito, resultaría especialmente preocupante o recorte do 29% dos fondos destinados a asistencia diplomática e cooperación internacional, dado que parte importante dos programas de desenrolo social, migración ou pacificación desenvolvidos (a través do Fondo de Asistencia de Emerxencia para Refuxiados e Migracións, a Fundación Interamericana ou o Centro Woodrow Wilson, entre outros) mostran unha significativa dependencia de ditos fondos.

Importancia, debilidades e éxitos dos programas de cooperación

Para entender a relevancia destes programas, debemos facernos unha idea dos elevados custos derivados da violencia no TNC, que tradúcense en inversións de ata o 6,5% do PIB de Honduras ou o 6,16% no caso do Salvador(3) nunhas economías xa de por si débiles e dependentes. Deste xeito, redúcense de forma significativa e reléganse a un segundo plano as inversións en campos como sanidade, educación ou emprego, destinadas a suplir as debilidades do tecido socioeconómico máis vulnerable.

Esta situación, que parece prolongarse no tempo e realimentarse a si mesma, ao focalizar as respostas na securitización obviando a problemática de base, non fixo senón magnificar a problemática e lastrar os intentos de crecemento da rexión, alén de non obter éxitos significativos: a eficiencia do gasto en seguridade cidadán é cuestionable, xa que non se asocia con resultados en termos de melloras en seguridade e taxas delictivas máis baixas(4). Neste funesto escenario é onde podemos observar a relevancia das iniciativas de colaboración, pois a inxección provinte dos diversos programas de cooperación supón un balón de osíxeno determinante para suplir as carencias deixadas polas institucións e impulsar a súa depuración (con gran relevancia da asistencia xudicial).

Por exemplo, dentro do ámbito do Plan Alianza, no ultimo ano estas inversións  (executivo de Barack Obama) alcanzaron os US$ 750 millóns e formaron parte activa do mantemento do programa conxunto “antimaras”, programas de abastecemento en zonas marxinais, de educación, de asistencia migratoria ou no marco da loita contra a endémica corrupción(5). Neste último punto derivaron varios éxitos de relevancia, pois numerosos políticos e ex gobernantes de primeiro nivel foron procesados ou atópase inmersos en procesos xudiciais de importante calado, dos que destacan Otto Pérez Molina (ex presidente de Guatemala), condenado; Mauricio Funes (ex presidente do Salvador), encausado e exiliado; Porfirio Lobo (ex presidente de Honduras), baixo investigación.

Polo tanto, estes programas preséntanse como a iniciativa máis ambiciosa proxectada ata o de agora para o desenrolo socioeconómico e democratización da rexión, así como para a redución das causas que forzan os fluxos migratorios. Pese non estar carentes de certas debilidades, pois existen ámbitos que necesitan unha reformulación e adecuación (proxección temporal cara prazos medio/longos ou optimización no uso dos recursos, entre outros), a súa posta en funcionamento repercute de forma significativa nos espazos nos que os Estados móstranse ausentes.

Retroceso e lugares comúns

Do novo proxecto de presuposto xeral norteamericano pódense sacar certas conclusións inequívocas: existencia dunha tendencia cara o repregamento diplomático coa rexión e unha diminución das estratexias de cooperación (ao menos en termos cuantitativos) en prol doutras de militarización e securitización da fronteira sur.

Aínda que non parece que se vaian a cancelar de forma efectiva varios destes programas, a relación de fondos si parece abocada a unha redución sistemática, o que pode conducir a imposibilidade de feito para o seu desenrolo. Isto supón dar carpetazo as estratexias baseadas en novos enfoques multidisciplinares, que comezaban a obter certos resultados pese ao breve período de implantación.

Móstranse, polo tanto, unha visión pouco realista da problemática da zona e das necesidades que está supón. As proxeccións futuras, por ende, auguran un retroceso claro nas medidas e políticas públicas e un conseguinte aumento da presión migratoria, resultando totalmente contraproducente para os intereses norteamericanos.

De igual xeito, o recorte no ámbito e esforzo diplomático realiñarase coa retórica anti-inmigrante inherente ao actual goberno da Casa Branca, o cal vaticina un empeoramento das relacións co espazo centroamericano e mesmo México, algo que tamén pode dificultar os acordos bilaterais e multilaterais en materia de migración e seguridade. O retorno a lugares comúns parece servido.

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

 

(1) “America First: A Budget Blueprint to Make America Great Again” https://www.documentcloud.org/documents/3518210-2018-Budget-Blueprint.html

(2) Nome co que se coñece a suposta “administración na sombra” creada durante o goberno de Barack Obama, que supuxo a formación dunha burocracia paralela e, consecuentemente, duns elevados gastos para o erario público.

(3) BANCO INTERAMERICANO DE DESARROLLO: “Los costos del Crimen y la Violencia: Nueva evidencia y hallazgos en America Latina y el Caribe” IDB-MG-510 2017 pp. 28-29. https://publications.iadb.org/bitstream/handle/11319/8133/Los-costos-del-crimen-y-de-la-violencia-nueva-evidencia-y-hallazgos-en-America-Latina-y-el-Caribe.pdf?sequence=8

(4) PASTO GOMEZ, María Luisa: “El coste de la violencia en el Triángulo Norte de Centroamérica”. Instituto Español de Estudios Estratégicos (IEEE), Documento Informativo 4/2017  p. 7 http://www.ieee.es/Galerias/fichero/docs_informativos/2017/DIEEEI04-2017_Violencia_TrianguloNorte_Centroamerica_MLPG.pdf

(5) http://www.estrategiaynegocios.net/lasclavesdeldia/911990-330/congreso-eeuu-condiciona-us750-millones-a-lucha-de-corrupci%C3%B3n-en-tri%C3%A1ngulo-norte

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais