Unha análise de Yuri Fraccaroli, Graduando em Gestão de Políticas Públicas Escola de Artes, Ciências e Humanidades Universidade de São Paulo

Como o Exame Nacional do Ensino Medio de 2015 explica o momento político e social de Brasil.

No último fin de semana, nos días 24/10 e 25/10, realizouse en todo territorio brasileiro o Exame Nacional do Ensino Medio, popularmente coñecido pola sigla ENEM. Participaron desta edición case seis millóns de cidadáns[1], maioritariamente mozos e mozas estudantes do “Ensino Medio”, nivel que corresponde aos últimos tres anos de estudos en Brasil, similar á Educación Secundaria Obrigatoria do sistema de educación español.

Liñas de investigación Observatorio Galego da Lusofonía
Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

No último fin de semana, nos días 24/10 e 25/10, realizouse en todo territorio brasileiro o Exame Nacional do Ensino Medio, popularmente coñecido pola sigla ENEM. Participaron desta edición case seis millóns de cidadáns[1], maioritariamente mozos e mozas estudantes do “Ensino Medio”, nivel que corresponde aos últimos tres anos de estudos en Brasil, similar á Educación Secundaria Obrigatoria do sistema de educación español.

Criado en 1998, o ENEM xurde co obxectivo de posibilitar unha avaliación do desempeño dos estudantes no fin da última etapa do Ensino Básico brasileiro. Entre tanto, o que era apenas unha ferramenta para a planificación de políticas públicas de educación, foi tornándose tamén nun importante mecanismo para a democratización do ensino superior, inicialmente pola vía privada. Isto porque, desde 2005, a nota obtida no ENEM sirve como criterio de clasificación para as bolsas de estudos do Programa Universidade Para Todos (ProUni), no cal o goberno paga integral ou parcialmente as mensualidades de universidades e facultades privadas para estudantes que atenden determinados criterios socioeconómicos.

Porén, actualmente, o principal obxectivo de participar nesta avaliación é o ingreso no ensino superior público, xa que desde a creación do Sistema de Selección Unificada (SiSU) e a reforma do modelo do propio exame en 2009, durante a xestión de Fernando Haddad no Ministerio da Educación (MEC), o ENEM tornase cada vez máis o principal medio de entrada para as universidades públicas brasileiras, e inclusive, algunhas portuguesas, como a Universidade de Coimbra. O sistema é simple: a partir dun portal electrónico, os estudantes lanzan súas notas ás vagas ofertadas polas universidades públicas, e entón, esperan pola clasificación.

Desde o cambio no modelo, o ENEM protagonizou unha serie de fraudes e escándalos, como a fuga das preguntas do exame antes da realización en 2010 e o propio roubo dos cadernos do exame nunha das gráficas que os imprimía no ano 2009 que, inclusive, resultou na cancelación do exame e postergou a realización do mesmo. Do punto de vista político, o ENEM tamén foi moi contestado, en parte, pola falta de apoio das principais universidades do país, que soamente agora pasan a sinalizar de forma máis tolerante o modelo, e por outra, por tratarse da acción de xestión dun MEC máis progresista, que foi azoutado polos sectores conservadores da política e sociedade brasileira ao propor un material anti-homofobia, que ficou coñecido pola prensa como “kit-gay”.

Entre tanto, neste ano, o exame chamou a atención da sociedade non por problemas e fraudes na súa xestión, pero si polo seu contido, tanto nas preguntas como no tema da redacción. Ao fin do primeiro día de exame, as redes sociais foron “metralladas” por posts que mostraban a foto dunha cuestión da sección de “Ciencias Humanas” que traía a clásica frase de Beauvoir: “Non se nace muller: chégase a ser”.

As reaccións dividíanse entre aqueles que celebraban o feito de que cuestións relativas ao feminismo estivesen presentes no exame e así obrigara a reflexión sobre o tema, e os que, nunha clara expresión de desconforto, acusaban o MEC de adoutrinamento ideolóxico, moitas veces dirixindo criticas ao goberno do Partido dos Traballadores (PT), que a pesar do seu perfil claramente capitalista e cada vez máis á dereita, aínda é relacionado con un suposto comunismo/socialismo e a temáticas sociais.

Por se non bastase a cuestión de Beauvoir, o tema de redacción do ano 2015 foi publicado polo MEC na tarde do domingo por medio das redes sociais: a violencia contra as mulleres na sociedade brasileira. Con datos e estatísticas alarmantes do país, os estudantes deberían reflectir sobre o tema e, considerando as propias formulacións pedagóxicas do exame, problematizar a cuestión e propor/pensar en solucións. Socialmente lexítimo? Claro. Socialmente aceptado? Polo contrario. A revolta, sobre todo dos homes, foi máis alá das redes sociais: o deputado e pastor Marco Feliciano e o deputado e militar Jair Bolsonaro, presentaron criticas publicas á abordaxe; o verbete de Simone de Beauvoir na wikipedia en portugués foi alterado ducias de veces froito das “novas teorías” que xurdiron na semana sobre a filósofa existencialista que mostran Beauvoir como pedófila e nazi[2].

É importante mencionar que esta situación non xurde da nada, senón que ten como entorno un momento particular que viven a sociedade e a política brasileira, cada vez máis polarizadas. O goberno de Dilma Rousseff ademais de verse envolto ata a cabeza co escándalo de corrupción da Petrobrás e a crise económica, ten moitos problemas co principal partido da súa base aliada (PMDB). Por se non fora o suficiente, Dilma e o PT carecen de apoio popular, unha vez que encóntrase en curso un programa político totalmente distinto do programa electoral, feito xa recoñecido polo ex-presidente Lula.

É xusto neste marco, que xurde o tema da redacción do ENEM de 2015. Criticada polas eleccións que fixo para os principais ministerios, como resposta  para tentar contornar a crise de lexitimidade que vive, Dilma nomeou como Ministro da Educación o filósofo Renato Janine Ribeiro, profesor da Universidade de São Paulo que estuda o tema da Ética. Entre tanto, a súa elección non tardou moito: fronte á diminución ministerial e a negociación coa base aliada, que representaron unha relativa perda de poder para o partido e unha grande afronta aos dereitos sociais, Janine Ribeiro foi dimitido para que Mercadante, fiel escudeiro de Dilma, puidera seguir no goberno.

A saída de Janine foi tímida, con moito respecto e de poucas palabras. Talvez porque soubese os efectos que causaría unha das súas últimas accións como ministro. Fora do  goberno hai case un mes, cando cuestionado sobre o tema da redacción, limitouse a dicir que quería que 7 millóns de mozos e mozas pensasen sobre a violencia a muller na sociedade brasileira. Unha xogada de grande mestría e de sabedoría política. Os efectos e o propio contexto da acción de Janine Ribeiro permiten unha ampla reflexión sobre o actual momento brasileiro.

Crece a intolerancia. A voz neopentecostal é cada vez máis presente nas casas do Lexislativo, con proxectos de lei como o Estatuto da Família e o da criminalización da heterofobía. Xa a bancada ruralista, avanza cada vez máis con proxectos como o Perímetro Irrigado no interior do Río Grande do Norte e a non demarcación de terras indíxenas. A chamada bancada da bala, no último día 27, deliberou en Comisión Especial unha alteración no Estatuto do Desarmamento que permite aos deputados e senadores o porte de armas que será votada polo Congreso no próximo día 3. Xorde a proposición de lei anti-terrorismo para dificultar a acción de movementos sociais. E o goberno federal, cada vez máis enfraquecido, pasa de largo sobre todos estes problemas. O silencio impera. Ata que punto estas concesións por un ben maior e social, como prezan os militantes e políticos petistas, poden xustificarse?

Con números asustadores de violéncia de xénero e unha voz conservadora cada vez máis forte e apoiada por parte da prensa, a situación en Brasil é alarmante e explica por que a frase de Beauvoir aínda causa conmoción en pleno século XXI. Por unha semana, a filósofa francesa ‘aliviou’ Dilma e recibiu todos os cualificativos que usualmente acompañan o de Dilma. En Brasil, non se nace muller, nin se chega a ser. Simplemente se mata. E accións que visen cambiar esta realidade, non parecen moi benvidas.



[1] Cabe destacar que o ENEM é o segundo maior exame no mundo em termos de participación, somente por detrás do gaokao, processo de selección para o ensino superior na China, que conta com case 10 millóns de participantes.

[2] Após ENEM, filósofa francesa ganha acusações de nazista e pedófila na wikipedia. BBC Brasil. Disponível em: http://www.bbc.com/portuguese/noticias/2015/10/151028_simone_beauvoir_wikipedia_enem_rb