Distribuir

Distribuir contido
IGADI 10 de Decembro de 2014 VV.AA.

Comunidades indíxenas: Dereitos e recoñecemento

Unha análise de Sara Collazo Santaclara (USC)

Para formular o debate a este nivel cómpre ter en conta que América Latina acolle arredor de 800 pobos indíxenas no interior das súas fronteiras, o que supón un 8,3% da poboación latinoamericana, é dicir, 45 millóns de persoas, segundo recolle o último informe da CEPAL relacionado cos pobos indíxenas.

A importancia desta cuestión deriva, entre outros, das penosas condicións coas que teñen que lidar estes pobos para loitar pola súa supervivencia.  A pobreza, a desigualdade, a violencia estrutural e directa, a exclusión, a discriminación, o alto índice de mortalidade infantil son os factores mais significativos que obrigan aos indíxenas a organizárense para reclamar unha serie de dereitos que aínda hoxe non lle son recoñecidos.

En primeiro lugar, compre coñecer as demandas principais destes pobos, que resumen os piares esenciais para a garantía da súa supervivencia. A demanda indíxena sintetízase no recoñecemento efectivo da súa identidade propia e dos seus dereitos, tanto colectivos como individuais.

O dereito á libre determinación ou autogoberno con administración propia. É unha das demandas máis sensibles e polémicas, xa que recoñecelos como pobo suporía, a ollos do goberno, a aceptación dunha fragmentación política e social.

Os dereitos colectivos sobre as terras, territorios e recursos naturais. O recoñecemento deste dereito outorgaríalles ás comunidades indias máis control sobre as súas terras, a inclusión destes pobos na actividade empresarial do territorio e abriría un proceso de negociación obrigado entre Estados, indíxenas e empresas.

O dereito a participar nos mecanismos de toma de decisións gobernamentais que lles atinxan. Facer partícipes aos pobos indíxenas daquelas reformas lexislativas ou estruturais que lles afecten é, canto menos, unha obriga democrática. A estas tres demandas principais, súmanse as peticións en canto á organización social e dereito consuetudinario -que dependen do trato que teña o Estado coas comunidades indíxenas segundo o país-, educación e cultura, entre outros.

            Estas cuestións foron atendidas, en maior ou menor medida, por diversas institucións internacionais. A raíz da Declaración Universal dos Dereitos Humanos xurdiron diversas iniciativas de cara á protección destas minorías e a promoción dos seus dereitos. É nestas institucións onde se apoian os representantes indíxenas para fundamentar a súa situación e denunciala. As súas demandas están recollidas na Declaración de Nacións Unidas sobre Dereitos Indíxenas e no Convenio 168 da Organización Internacional do Traballo. Ambos os dous documentos teñen un grandísimo peso normativo e son os dous instrumentos mais importantes dos que dispoñen as comunidades indias para facer valer os seus dereitos.

Numerosas estruturas internacionais teñen orixe nestes tratados: O Foro Permanente de Cuestións Indíxenas da ONU, o Mecanismo de expertos, o Relator de Nacións Unidas para Cuestións Indíxenas, as Oficinas do Alto Comisionado…

            América Latina é un exemplo de inconsistencia entre as normas e principios internacionais en materia indíxena e a lexislación ``doméstica’’ arbitrada polos seus diferentes Estados. É aquí onde atopamos as maiores lagoas e mesmo ameazas para estes pobos por parte dos Estados.

Os pobos e comunidades indíxenas conseguiron facerse un lugar nos parlamentos, abrir novos espazos de discusión e debate das súas demandas e asegurar unha importante repercusión dos seus movementos sociais. A pesar disto, seguen sendo unha minoría, e as súas demandas perden protagonismo porque deben de negociar con outros grupos de interese.

As fendas existentes entre a normativa internacional e as lexislacións estatais alimenta esta débil situación dos pobos indíxenas. A pesar da ratificación, as normas e principios imperantes nas Declaracións e Convenios internacionais, non pasan a formar parte da lexislación estatal.

As lexislacións son inconsistentes porque as normas recollidas nas diferentes Constitucións non contan coa articulación necesaria nin cos mecanismos efectivos para asegurar a súa posta en práctica. Falta de recursos, falta de regulamentos administrativos, persoal especializado, canle xurídica… falta de vontade.

Constitucións como a de Venezuela ou Ecuador, que recoñecen e garanten os dereitos indíxenas colectivos do territorio, da xurisdición especial indíxena para a xustiza e administración, a participación política e a consulta, a pluriculturalidade e multietnicidade do Estado.. non dispoñen de leis orgánicas que regulamenten estes dereitos e os fagan efectivos. Casos semellantes identificamos en Bolivia, Colombia e Guatemala onde a distancia entre a normativa e a realidade é ben ampla. Os importantes cambios operados nas constitucións non son seguidos da necesaria adecuación do resto da estrutura normativa, o cal significa que os Estados non teñen a obriga de respectar estes dereitos e poderán antepoñer outros intereses á protección destas comunidades.

Se a estas deficiencias lle sumamos a verticalidade autocrática da burocracia, a corrupción e a diversidade de intereses dos gobernos… xérase un eclipse que escurece cada vez mais as necesidades indíxenas.

As contradicións xeradas polos baleiros legais en torno á cuestión indíxena xeran unha distancia considerable na relación destas comunidades cos seus respectivos gobernos, e ademais outorgan un folgado espazo para aqueles que tentan aproveitarse da situación. Nese espazo asentan os grandes actores económicos, con boas conexións cos executivos que lles facilitan o camiño para a explotación dos recursos naturais situados en territorios indíxenas – que dende o punto de vista legal son de tutela estatal.  Os casos de discriminación, explotación, maltrato e desconsideración cara as comunidades indias en América Latina – e en boa parte do globo – cóntanse a ducias dende hai moitos anos. A Amazonia Peruana, a Patagonia Arxentina, os bosques de México, Colombia, Chile… exemplifican constantes ataques ambientais ao territorio indíxena que  converten a supervivencia destes pobos nunha difícil tarefa.

Pese a todo, a mobilización indíxena non cede, contando co aval de diferentes organismos internacionais. Os mecanismos de expertos de Nacións Unidas e os relatores non cesan na denuncia e na publicación de multitude de informes en relación coa observación destes dereitos. Son os casos de Brasil ou Guatemala, por exemplo, onde os resultados pódense apreciar nas leis orgánicas promulgadas. É esta persistencia a que dota de oportunidades a estas comunidades. A pesar das inamovibles posicións dalgúns actores, os pobos, organizacións e representantes indíxenas manteñen un pulso constante que está a conformar mesmo unha nova vertente da esquerda latinoamericana que vai dar moito que falar.
 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais