Contrastes en torno a Cuba

Raúl Castro cumpriu cinco anos á fronte dos destinos de Cuba. A finais de febreiro, aos seus 82 anos, asumiu o seu segundo e derradeiro mandato trala proposta de reducir a dous os períodos consecutivos de permanencia nos cargos partidarios e gobernamentais. O lustro transcorrido veu marcado pola introdución de diversas reformas. O que segue centrarase na preparación da continuidade cun nome clave en perspectiva: Miguel Díaz-Canel, de 52 anos.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave Obama Cuba Raúl Castro EEUU PCC
Idiomas Galego

Raúl Castro cumpriu cinco anos á fronte dos destinos de Cuba. A finais de febreiro, aos seus 82 anos, asumiu o seu segundo e derradeiro mandato trala proposta de reducir a dous os períodos consecutivos de permanencia nos cargos partidarios e gobernamentais. O lustro transcorrido veu marcado pola introdución de diversas reformas. O que segue centrarase na preparación da continuidade cun nome clave en perspectiva: Miguel Díaz-Canel, de 52 anos.

Ministro de defensa entre 1959 e 2008, Raúl, sempre á sombra de Fidel, desenvolveu nestes anos o deseño dun plan de cambios para a sociedade cubana co imperativo declarado de evitar o colapso do proceso histórico iniciado na Serra Maestra, aqueixado de gravas taras. A finais de 2008, autorizou o usufruto das terras ociosas por parte dos campesiños co obxecto de reducir a elevada factura polos alimentos que importa a illa. Logo veu o permiso para adquirir libremente teléfonos móbiles e ordenadores ou hospedarse en hoteis, posibilidades negadas ata entón e unicamente ao dispor dos turistas ou empresarios estranxeiros. O diálogo coa Igrexa Católica en 2010 permitiu a liberación dun cento de presos políticos e a visita de Bieito XVI en 2012.

Tras 14 anos sen congresos, en 2011 convocou o máximo conclave do Partido Comunista para acordar unha folla de ruta  que permitise a actualización do modelo, dando paso a medidas longamente ansiadas pola poboación: a libre compravenda de casas e automóbiles, a ampliación das actividades económicas a desenvolver de forma autónoma, maiores facilidades de acceso ao crédito por parte dos particulares… En xaneiro pasado tamén entrou en vigor a reforma migratoria poñendo fin ás importantes restricións que dificultan a entrada e saída do país, en vigor desde hai medio século.

En paralelo, no ámbito internacional, co apoio dos países da rexión, en 2009 quedou sen efecto a expulsión de Cuba, adoptada en 1962, da Organización de Estados Americanos, a OEA, á que decidiu non volver. O respaldo rexional confirmouse coa asunción recente da presidencia rotativa da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC).

As reformas de Raúl con seguridade non serán as que moitos lle reclaman dende o exterior e tamén desde dentro, consideradas totalmente insuficientes e interesadas, pero sen dúbida está a asumir riscos, por outra banda inevitables para saír do impasse, que contrastan coa ausencia de xestos efectivos por parte do principal contendente ideolóxico da illa. A eliminación do bloqueo e a apertura dun diálogo directo entre EEUU e Cuba, reclamado mesmo por segmentos cada vez máis significativos da inmigración cubana de Miami, debera figurar na axenda de Obama, tamén no seu derradeiro mandato.