Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 20 de Marzo de 2020 Ríos

COVID-19: conxecturas e tendencias

descarga.jpg

Canto máis eco nos facemos das teorías conspirativas arredor do COVID-19 mellor informados estamos? Que se un laboratorio de alta seguridade de Wuhan, que se os militares estadounidenses que participaron nunhas olimpíadas castrenses en Wuhan, etc. A ciencia desminte con fundamentos inapelables unha hipótese tras outra, pero no actual contexto semella inevitable o seu espallamento en parte porque inflúen no control do discurso sobre as orixes e as responsabilidades da pandemia. Pero máis que ás conxecturas, que sen dúbida reflicten un estado de ánimo nas tensións bilaterais entre a China e os EUA, é importante prestar atención ás tendencias globais que podería indicar a crise do COVID-19 no eido xeopolítico.

En primeiro lugar, elévase o nivel da confrontación sino-estadounidense facendo cada día mais improbable a súa reversión. A tregua comercial, que prometía unha certa contemporización cando menos ata as eleccións de novembro, diluíuse como azucre. Ás crises xa coñecidas (económica, tecnolóxica, diplomática, militar, estratéxica) sumouse agora tamén a mediática, coas mutuas represalias que afectan a diferentes medios informativos dunha e doutra parte. Pronto podería sumarse outro elemento se Trump decide finalmente dar o visto e prace á Taipei Act que imporá sancións a aqueles países aliados de Taiwán se mudan de bando. É moi probable que Trump siga botando leña ao lume pois confía a cegas nesa estratexia de desprestixiar e de culpar a China de todos os males habidos e por haber.  Pero pode ter consecuencias graves en eidos sensibles (bonos do Tesouro) e pronto.

En segundo lugar, o COVID-19 pode actuar como acelerador das tendencias de fondo que xa se viñan manifestando no transcurso da etapa final da posguerra fría: a emerxencia chinesa, o declive estadounidense ou a descomposición política da UE. No caso da UE, a súa tardanza e incapacidade para respostar á crise xa non sorprende a ninguén pero establece unha cada vez mais seria incógnita sobre o futuro da Unión. Lonxe de se significar nesta crise global para defender a cooperación internacional como estratexia de saída (cousa que fai a China), está desaparecida: onde está Wally Borrell?....

En terceiro lugar, esta circunstancia podería tamén acentuar a reconsideración dalgúns enfoques estratéxicos. A solidariedade chinesa con Europa (pero tamén con moitos outros países doutros continentes) reforza non só o seu poder brando senón a súa influencia política e liderado. Non é só a axuda que está a prestar a Italia, sobre todo (e a España noutra medida), senón aos países de Europa Central e Oriental, que atopan en Beijing o soporte que a UE non é quen de prestar. O sálvese quen poida en Europa e as desavinzas cos EUA  agravarán a crise de poder de Occidente.

En cuarto lugar, a alianza sino-rusa non só non se debilita senón que se reforza á calor das tensións entre Moscova e Riad polo prezo do petróleo. Pola contra, o incremento das tensións “dialécticas” co Brasil de Bolsonaro pode representar un aditivo máis para a perda de folgos dos BRICS como expresión da aposta pola multipolaridade.

Aínda é moi cedo para facer un balance desta crise, pero os EUA e a UE teñen máis probabilidades de saír peor parados dela. Aínda así, o signo da pugna global decidirase en función tamén doutros factores: económico, político, diplomático, militar, estratéxico e, por suposto, científico e tecnolóxico. O COVID-19 é outro máis e se algúns falaron no seu día de que podería significar unha especie de "Chernóbil" para o PCCh, evidentemente non parece que vaia ser o caso. Pola contra, están logrando darlle a volta á crise, que era o seu obxectivo dende que tomaron conciencia do seu alcance.

Con todas as súas lagoas e contradicións, a China parou a epidemia, primeiro no propio país e agora, o feito de ser o primeiro país en se librar dela pode ter consecuencias globais. Non no plano de facer valer o seu modelo como atractivo para terceiros confrontado coas eivas das democracias occidentais, pero si dando un paso máis na súa conformación como a potencia clave do século XXI. Se cabe recoñecer a capacidade mostrada para mobilizar estratexicamente á sociedade na China, as democracias deben reflexionar sobre o deterioro non só do seu estado de benestar como consecuencia das políticas aplicadas nos últimos anos senón sobre a calidade do seu modelo político, non menos deteriorado. Non para imitar a China (que busca un modelo propio dende 1949 fuxindo de mesianismos) senón para garantir a vitalidade da nosa propia síntese de liberdade e xustiza.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais