Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 11 de Marzo de 2016 Mansilla Blanco

Crepúsculo en Brasilia

O ex presidente Lula da Silva trala súa detención policial. Fonte: Axencia Reuters e www.heraldo.es

A súbita persecución xudicial contra o ex presidente Lula da Silva por presuntos casos de corrupción atiza aínda mais un panorama político brasileiro inmerso na tensión e nas incertezas, particularmente ante as expectativas dun eventual impeachment contra a presidenta Dilma Rousseff e pola consolidación dunha fase recesiva para a segunda economía a nivel hemisférico e un dos actores emerxentes na economía global. Estes factores reducen progresivamente o marxe de manobra dun gobernante Partido dos Traballadores (PT) cada vez mais dependente das alianzas institucionais, toda vez a crise política que está polarizando á sociedade brasileira, contextualizada dentro da contorna rexional pola visible regresión política das esquerdas a tenor dos recentes contextos electorais (Arxentina, Venezuela, Bolivia), afronta un panorama post-Lula e post-Dilma que pode anunciar reequilibrios no escenario político de cara aos próximos comicios presidenciais pautados para 2018.

Neste contexto de crise política emerxe visiblemente a figura do actual vicepresidente de goberno e ex presidente do Senado, Michel Temer, así como do seu Partido do Movemento Democrático Brasileiro (PMDB), oficialmente en alianza política co PT dentro do Congreso e Senado brasileiros tralas eleccións presidenciais de 2014. Está pautado para este 12 de marzo un congreso a nivel nacional do PMDB onde se ratificará a Temer como presidente deste partido político que claramente ocupa a posición estratéxica como eventual factor de equilibrio nun contexto de forte tensión política.

Esta tensión ven capitalizada polo constante presión da oposición política en mans do Partido Social Demócrata Brasileiro (PSDB), particularmente por parte do seu líder Aécio Neves, rival electoral de Rousseff en 2014 e principal bastión das demandas de impeachment contra a presidenta brasileira. Esta presión do PSDB de Neves vese igualmente auspiciada por diversos mass media (en especial a Rede O Globo e os medios Isto é, Veja e a Folhã de São Paulo) e os poderes establecidos nos mercados financeiros, os cales exercen unha forte influencia en decisivos sectores da opinión pública á hora de contrariar a un goberno aparentemente inerte, sen visos de recuperación da iniciativa política.

Toda vez a persecución xudicial contra Lula, o entorno presidencial de Dilma e as altas esferas do PT (operación Lava-Jato, casos Petrobras, Odebrecht e Instituto Lula) removeu subitamente a radicalización política cara ás rúas brasileiras, co retorno das manifestacións a favor e en contra do ex presidente brasileiro, é igualmente notorio que crise política estase canalizando polas instancias institucionais, en particular o Senado e o Congreso.

Neste cometido, o Ministerio Público, a través da Fiscalía de São Paulo, pediu esta semana a prisión preventiva para Lula. Toda vez estase condicionando na opinión pública brasileira a noción dun presunto autismo político por parte do goberno Dilma, baixo a presunta convicción presidencial dun remate anticipado da súa xestión, sexa a través do impeachment ou doutros canais constitucionais, aspecto que supón un fait accompli aparentemente inevitable e que ten referencias recentes coa destitución, vía Congreso, o ex presidente Fernando Collor de Mello en 1992.

No trasfondo está igualmente a perspectiva de condicionar á sociedade brasileira a un final de ciclo político que impulse un “golpe de temón” parcialmente favorable a súa imaxe internacional, en particular ante celebración en agosto próximo dos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro, menoscabando as críticas sobre as infraestruturas olímpicas ou o impacto sanitario ocasionado polo azoute do virus do Zika.

É neste contexto que Temer e o PMDB emerxen como unha aposta política de equilibrio que propicie a transición post-PT, mais acorde cos intereses dun establishment cada vez mais interesado nas cábalas electorais 2018. É nesta perspectiva que se afirma a eventual necesidade dun ciclo post-Lula e post-Dilma que erosione ao PT, rematando a súa hexemonía política e electoral vixente desde a súa chegada á presidencia en 2003 e contrariando as hipotéticas opcións electorais “petistas” para 2018.

Este escenario provocará igualmente unha fenda política dentro do variado universo político existente dentro da esquerda brasileira, onde potencialmente poden (re) emerxer liderados xa existentes nun campo político sumamente polarizado, toda vez obsérvanse expectativas no cometido de recreación doutras alternativas aínda en fase embrionaria, algúns deles depositarios das demandas por parte daqueles movementos cívicos que lideraron as protestas nas rúas contra Dilma en 2013 e 2014.

A pesar da tensión e incerteza que radicaliza o contexto sociopolítico brasileiro, as expectativas dunha solución dentro dos canais legais e constitucionais (cualificados por algúns sectores de esquerda e do PT como un “golpe en cámara lenta”), se ben aínda non oficialmente esclarecidos, dan pe igualmente para considerar sobre a consolidación dunha cultura democrática dentro da sociedade brasileira que, cando menos, aparentemente suprime calquera tentativa de solución fora da legalidade institucional.

Se ben a persecución xudicial que erosiona ao PT non está exenta de evidentes intereses políticos, en particular por parte de sectores reaccionarios ansiosos de dar curso a un ciclo post-PT, a preeminencia do factor xudicial igualmente verifica un sentido de equilibrio de poderes tendente a socavar a impunidade do poder e que debería constituírse nunha referencia institucional consolidada, en particular no cometido de avanzar cara esferas de maior democratización.

Con todo, a perspectiva de final de ciclo político en Brasil confirma igualmente a anunciada regresión hexemónica das esquerdas a través de recentes e próximos contextos electorais (Arxentina, Venezuela, Bolivia, Perú) A consolidación de alternativas políticas e a procreación de entendementos por parte das estruturas rexionais coas forzas do mercado, supón un escenario inalterable para o establishment de poder a nivel hemisférico.

Ábrense aquí todo tipo de expectativas cifradas nas vicisitudes do incerto contexto electoral nun EUA post-Obama que confía en apaciguar o seu “patio traseiro” a través da pacificación colombiana e a apertura con Cuba. Na recámara están as expectativas dun retorno da Arxentina de Macri ao eixe “post-liberal” impulsado polos mercados internacionais e as novas estruturas de integración (Alianza do Pacífico), que gravitan igualmente ante a perspectiva de transición “post-chavista” en Venezuela (que, como no caso brasileiro, pode igualmente ser preludio doutra caída presidencial), da paralización do ciclo hexemónico das esquerdas suscitadas trala recente derrota de Evo Morales no referendo constitucional boliviano e da polarización electoral peruana, contextualizada polos recentes descartes de candidaturas con óptimas preferencias nas enquisas. Así, o epicentro que emana como peza chave do pretendido cambio de ciclo político xógase actualmente en Brasilia.

 

 

 

             

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais