Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
25 de Agosto de 2021 Martínez Puñal

Crise global, reestruturación internacional e supervivencia da Humanidade

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, no 2020, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

A institucionalidade internacional que debería de pilotar a globalización, máis aló dalgunha proposta fragmentaria, fai augas por todas as beiras, deixando á deriva, pese ao crecemento do comercio mundial e dos incontábeis avances nas telecomunicacións, a solución dos graves problemas presentados por aquela. Fai xa bastantes anos, nun Seminario Internacional da UNESCO, citabamos unha serie de inconvintes, agora acrecentados, tales como: a) a destrución do medio físico; b) a debilidade en continua medranza dos Estados e un desequilibrio económico progresivo entre eles que sitúa a moitos nunha pobreza ascendente e, asemade, de diferenzas dentro deles en canto aos seus territorios e poboacións; c) o aumento demográfico incontrolado nos países con menos medios en saúde e infraestruturas educativas; d) o crecemento urbano catastrófico; e) a deslocalización, a destrución de emprego e o aumento constante dos marxinados f) o non parar das migracións; g) o incremento da débeda externa, os fluxos financeiros irregulares, o narcotráfico, a criminalidade internacional, os conflitos armados, o terrorismo, os refuxiados e desprazados internos, a discriminación cultural e, en xeral, acó, aló e acolá, unha realidade de inxustiza, ingobernabilidade reveladora dunha grave desprotección dos dereitos humanos.

As consecuencias dunha globalización descontrolada radicalmente liberal, foron vistas axiña por algúns expertos internacionais. Así, xa no 1986, Modesto Seara Vázquez falaba dunha sociedade internacional en estado de crise global, en razón das súas compoñentes política, ideolóxica, económica, ecolóxica e medioambiental, crise aprofundada significativamente pola pandemia do actual Covid-19. A crise medioambiental, coas súas expoñentes de deforestación, desertificación, dispersión dos residuos, quecemento climático, etc. parécenos o máis grave desa crise global, dado que ninguén poderá librarse das súas consecuencias mortais se non se lle pon remedio. A natureza, convén non esquecelo, pode vivir sen a nosa molesta presenza. Nós necesitamos da natureza.

Os nefastos resultados económicos da globalización están ben á vista: por unha banda, vemos que a concentración das riquezas aumentou no mundo dun xeito altamente alarmante en favor dos países desenvolvidos e, dentro destes, dunha clase moi minoritaria que nutre a súa opulencia nun marco de relacións económicas Norte-Sur tremendamente inxusto; así mesmo, asistimos á lenta pero persistente proletarización das clases medias dos países do Norte, que asisten impasíbeis ao desmantelamento perseverante de canto soe a política social.

Embarrancados nunha globalización cunha clara supeditación da política á economía capitalista e aos mercados, recalcaremos os efectos negativos, continuamente  en aumento, da crise que estamos a vivir, a cal está a poñer en serios riscos a supervivencia da Humanidade. Ante este panorama, xulgamos inevitábel a adopción dunha reestruturación internacional político-institucional que asegure a continuidade da Humanidade. Sen esa reestruturación, programas como a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostíbel e outros, que poida adoptar a ONU, non pasarán dalgún que outro logro exiguo.

Nun contexto tan crítico como o actual, resulta, xa que logo, imprescindíbel executarmos accións tendentes á consecución dunha Nova Orde Xurídica, Política e Socioeconómica Mundial, cun marco de garantías democrático que posibilite unha adecuada cohonestación entre os intereses universais e os intereses dos Estados e das súas colectividades, procedéndose: a) á reforma da ONU e dos seus organismos especializados --ou mesmo á creación dunha nova ONU-- cun desenvolvemento manifesto dos seus poderes normativos e executivos --e un papel máis destacado do Dereito Internacional-- ; b) ao reforzamento, ad intra e ad extra, das claves sociais dos Estados ---coas reformas constitucionais políticas e económicas pertinentes-- e, finalmente; c) á universalización dos procesos de integración rexional e da súa interasociación, tamén cun maior pulo do social, como instrumentos regrados de contrapoder da globalización. 

Non queremos unha rexionalización domesticada. Para terminarmos este catálogo de actuacións para  a conservación da Humanidade, reincidiremos no papel da integración rexional. En efecto, os procesos de integración rexional deben superar os momentos de indecisión política nos que se atopan decote os seus Estados membros. Un Estado comprometido cun proceso de integración, entre outros beneficios, está máis apto para participar no proceso de globalización, gañando forza nas negociacións internacionais, acadando unha maior competitividade e ampliando os seus mercados de consumidores e provedores. En definitiva: Quen rexionaliza globaliza mellor.

O rexionalismo non ten por que ser un fenómeno antagónico da globalización; ora ben, a integración rexional debería servir como un mecanismo modulador da globalización salvaxe que estamos a sufrir, pasando a funcionar, para iso, como un instrumento civilizador de aquela, non actuando, como sucede ás veces, como pouco máis que unha panca de harmonización normativa facilitadora dos intereses das empresas multinacionais.

A modo de conclusión, subliñaremos que resulta preciso o concurso dinámico dunha sociedade civil internacional comprometida coa defensa e o desfrute  reais dos dereitos humanos políticos, económicos e sociais, que empurre cara a unha revitalización do papel dos Estados, da ONU e dos devanditos procesos de integración. Sen tal concurso, os presaxios referentes ao porvir a medio prazo da Humanidade  resultarán aínda máis preocupantes.

Quizais as ideas expostas parezan un tanto ensoñadoras. Evidentemente, son precisas grandes doses de vontade política por parte de todos os actores sociais e suxeitos xurídicos implicados. Para nós, si ou si hai que intentar articular para a Humanidade unha realidade que, cun fondo senso social, acabe coa alarmante explotación medioambiental actual e cunha miseria moral e económica que permite que as 62 persoas máis ricas do mundo gocen dunha fortuna equivalente a máis da que teñen 3.800 millóns de persoas, a metade da poboación mundial máis pobre da Humanidade.

Para nós resulta ben patente que a opción  intelixente consiste en construírmos para a Humanidade un futuro libre de miseria económica e explotación ecolóxica. Precisamos poñernos a iso sen demoras amparadas en falsas xustificacións. Con base nos principios de liberdade, igualdade, fraternidade, solidariedade, desenvolvemento, tolerancia, respecto da natureza e responsabilidade común, «valores fundamentais» considerados pola Declaración do Milenio como «esenciais para as relacións internacionais no século XXI», co debido respecto ás subsidiariades subestatais e estatais, hai que construír con urxencia para unha Humanidade, xa en perigo, un novo escenario global de valores –sistema convivencial equilibrado, diría Carlos Mella-- máis preocupado polo obxectivo da persistencia humana que pola mera procura dun desapiadado e inmisericorde beneficio económico.

Sería posíbel a permanencia da Humanidade con unha humanización do capitalismo ou haberá que avanzar eminentemente dentro dos parámetros dun socialismo democrático? Para bastantes, como Frei Betto, resulta totalmente inxenuo querer humanizar o capitalismo. O tempo, se o hai,  traerá a resposta...

Antón Martínez Puñal é Profesor Ad Honorem da Universidade de Santiago de Compostela e Profesor Distinguido da Universidade de San Marcos de Lima, Perú. É membro do Consello Reitor do IGADI.

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais