Crisis de goberno en Marrocos: O Istiqlal entre ruptura e oportunismo

A resolución adoptada o 11 de maio polo consello nacional do Partido do Istiqlal (PI, nacionalista-conservadora) para abandonar a coalición gobernamental ten desatado unha treboada política en Marrocos, sacudindo as bases do goberno do islamita Abdelillah Benkirane. A cuestión non estaba na orde do día pero a posta en escena e a sucesión de acontecementos, habilmente orquestrados polo equipo do secretario xeral, Hamid Chabat, conducen á final decisión: o partido da balanza deixa a coalición gobernamental. Un golpe de efecto de Chabat, "hábil político de desmesurada ambición", estiman quen o coñecen.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

A resolución adoptada o 11 de maio polo consello nacional do Partido do Istiqlal (PI, nacionalista-conservadora) para abandonar a coalición gobernamental ten desatado unha treboada política en Marrocos, sacudindo as bases do goberno do islamita Abdelillah Benkirane. A cuestión non estaba na orde do día pero a posta en escena e a sucesión de acontecementos, habilmente orquestrados polo equipo do secretario xeral, Hamid Chabat, conducen á final decisión: o partido da balanza deixa a coalición gobernamental. Un golpe de efecto de Chabat, "hábil político de desmesurada ambición", estiman quen o coñecen.

"A familia", en alusión aos tradicionais clans dirixentes do Istiqlal, cuxa influencia pretende minorar Chabat desde a súa chegada á dirección en setembro de 2012, oponse a esta deriva. Abdelouahed El Fassi, fillo do histórico fundador do PI e candidato á secretaría xeran no último congreso, denuncia irregularidades regulamentarias e chama á responsabilidade do partido nun momento de crise. E finalmente Chabat asenta a súa autoridade no partido e leva até o extremo o súa rivalidade co líder do Partido para a Xustiza e o Desenvolvemento (PXD, islamita-conservador), Abdelillah Benkirane.

Desde Francia, onde se atopa en visita privada, Mohamed VI solicita telefonicamente a Chabat o manter en suspenso calquera decisión, prometéndolle unha audiencia ao seu regreso para valorar a situación. O soberano solicítalle ademais un memorando que inclúa os motivos polos que o PI ten decidido abandonar o executivo. Entre outros, denunciase a actitude do xefe de goberno, a quen se lle critica o monopolio da toma de decisión, sen consultar cos seus aliados. A política económica é outro dos eixos de descontento. Nun momento en que o país se adentra nunha situación de crise económica e social Benkirane e os seus serían incapaces de atallar os problemas dos marroquís.

Posibles escenarios

Coa súa mediación o rei evita unha crise política, alomenos de forma momentánea. O escenario máis probable pasa por unha remodelación do actual executivo. A cambio de manterse ao carón do PXD o PI podería aceptar un incremento da súa presenza no goberno e, de paso, introducir no mesmo a persoas da confianza de Chabat, ou mesmo el. A de Abdessamad Qaiuoh, titular da carteira de artesanía, os outros cinco ministros do PI representan para Chabat un vestixio a erradicar do seu predecesor á fronte do partido, Abbas El Fassi, responsable da designación das actuais carteiras ministeriais do Istiqlal tralas eleccións lexislativas de novembro de 2011.

Desde o PXD o mutismo ten sido case absoluto desde o 11 de maio. Oficialmente non ten mediado eacción algunha, se ben de forma privada diferentes responsables da formación da lámpada falan dunha sorte de "chantexa" do PI para incrementar a súa presenza no goberno e, de paso, que Chabat poida situar no mesmo a xente da súa total confianza. Os outros socios da coalición gobernamental, o Movemento Popular (MP, conservador-berberista) e o Partido polo Progreso e o Socialismo (PPS, ex comunista), teñen mantido as mesmas cautelas que o PXD. De confirmarse a saída do goberno do Istiqlal, poderíase tratar de reconstruír unha nova maioría capaz de sustentar no parlamento ao executivo.

A Unión Constitucional (UC, conservador-liberal), que conta con 23 escanos no hemiciclo, xa ten amosado a súa predisposición a entrar no goberno. O líder dista formación, Mohamed El Abied, ten afirmado que sería unha boa ocasión para formar unha coalición auténticamente de dereitas, que incluíra tamén á Reagrupación Nacional de Independentes (RNI, liberal). Coa excepción do PPS trataríase dun goberno marcadamente conservador, similar ao que xa dirixiu ao país nos anos noventa coa coalición wifaq watani (entente nacional), que reuniu daquela a UC, MP e RNI fronté á Koutla democrática formada pola Unión Socialista de Forzas Populares (USFP, socialista), o PI e o PPS.

De non producirse un acordo para renovar o goberno ou de non chegar a concluírse novas alianzas un terceiro escenario sería a celebración de eleccións anticipadas. Esta eventualidade non asusta ao PXD. Unha sondaxe elaborada a finais de marzo polo semanario casablanqués La Vie économique outorgaba un 66% de opinións favorables á xestión do PXD. A xeografía do voto non se vería substancialmente alterada con respecto aos últimos comicios e o escenario tralo escrutinio sería similar ao actual: un panorama político moi fragmentado e onde sería preciso consolidar novas coalicións de goberno para dirixir ao país.