De Palestina a Kurdistán

O inesperado e histórico anuncio de Hamas de recoñecer as fronteiras palestinas de 1967, xunto coa súbita manifestación de choques de unidades militares do PKK e da PDK no Kurdistán iraquí, da conta dos efectos colaterais derivados da inédita recomposición de forzas e de equilibrios estratéxicos que está acontecendo en Oriente Próximo. Esta realpolitik vese determinada por unha inédita conxuntura na que entran en xogo diversas variables. Entre elas destacan a próxima visita de Donald Trump a Israel e Arabia Saudita, o fait accompli entre Rusia, EUA e Turquía para dividir Siria en zonas de seguridade, a consolidación do autoritarismo de Erdoĝan tralo referendo turco e as expectativas en torno aos comicios presidenciais iranianos do próximo 19 de maio.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Oriente Medio
Palabras chave Palestina Kurdistán
Idiomas Galego

O inesperado e histórico anuncio de Hamas de recoñecer as fronteiras palestinas de 1967, xunto coa súbita manifestación de choques de unidades militares do PKK e da PDK no Kurdistán iraquí, da conta dos efectos colaterais derivados da inédita recomposición de forzas e de equilibrios estratéxicos que está acontecendo en Oriente Próximo. Esta realpolitik vese determinada por unha inédita conxuntura na que entran en xogo diversas variables. Entre elas destacan a próxima visita de Donald Trump a Israel e Arabia Saudita, o fait accompli entre Rusia, EUA e Turquía para dividir Siria en zonas de seguridade, a consolidación do autoritarismo de Erdoĝan tralo referendo turco e as expectativas en torno aos comicios presidenciais iranianos do próximo 19 de maio.

Paralelamente, nestas variables gravitan outras de carácter estrutural, nas que destacan a paralización diplomática sobre a solución para o problema palestino e as tensións xeopolíticas que comezan a definirse ante a posibilidade dunha autonomía kurda na rexión.

Este contexto abre diversas variantes, algunhas delas aínda difusas, sobre a triangulación de novos equilibrios na rexión, con especial incidencia no caso palestino. O texto de Hamas recoñecendo as fronteiras palestinas de 1967 dado a coñecer esta semana en Doha (Qatar) é unha revelación nese sentido.

A “refundación” de Hamas

Se ben mantén a súa condición de non recoñecer ao Estado de Israel, presente dende a súa Carta Fundacional de 1988, así como de observar a Xerusalén como a capital palestina, o actual estatuto de Hamas implica unha visión de pragmatismo principalmente motivado polas circunstancias.

En primeiro lugar, pola recomposición de alianzas e de actores a nivel rexional, no que sutilmente destaca o papel de Qatar, lugar de exilio dos principais dirixentes de Hamas e que agora acolleu esta histórica declaración. Este aspecto revela a nova triangulación xeopolítica rexional. Nos derradeiros anos, e principalmente ao carón do conflito sirio, vese observando unha especie de entente cordiale entre Israel, Qatar e Arabia Saudita, con particular atención na contención de Irán como potencia rexional.

Os efectos colaterais desta inédita triangulación integran a Hamas na instrumentalización dunha nova relación cos palestinos, coa finalidade de cortar o tradicional fío de implicación iraniana en Palestina. Esta inserción de Teherán no mapa político palestino é particularmente visible no caso de Hamas, pero tamén de cara a outras organizacións como a Yihad Islámica e da Brigada de Mártires de Al Quds.

Por tanto, a neutralización política de Hamas, vixente desde 2007 cando acaeceron os enfrontamentos do grupo islamita co partido laico nacionalista palestino Al Fatáh dentro das estruturas da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), vese agora consolidada con esta inédita declaración de Doha.

A súbita reconversión de Hamas comezou en xaneiro pasado, tralas negociacións levadas a cabo en Moscova co Al Fatah para formar un novo goberno de unidade palestino dentro da OLP. Agora, coa Declaración de Doha, Hamas busca así maior credibilidade ante a comunidade internacional, particularmente EUA e Europa, que o consideran como unha organización terrorista.

Neste aspecto xogan igualmente o seu papel dúas variables. A declaración de Doha altera a histórica relación de Hamas coa Irmandade Musulmá (IM), cuxo centro de acción está en Exipto. Se ben segue amosando o seu carácter de movemento islamita, o actual liderado de Hamas impulsado por Ismael Haniy e Khaled Mashaal semella buscar a súa consolidación como partido político mais que relixioso, distanciándose dunha IM reprimida e acosada dende o golpe palaciego do xeneral Fatah al Sissi en 2013.

Con isto, Hamas busca tamén unha súbita reconciliación co Exipto de al Sissi, un factor estratéxico tomando en conta que Hamas controla politicamente Gaza, fronteiriza con Exipto a través do Sinaí e illada internacionalmente polo bloqueo israelí. Por tanto, a declaración de Doha presenta dúas alteracións xeopolíticas de Hamas cos seus ata agora dous principais benefactores: Irán e a Irmandade Musulmá.

Neste perspectiva están tamén os comicios presidenciais iraniano do próximo 19 de maio. Se ben o actual presidente reformista Hasan Rouhaní lidera as expectativas de reelección, a posibilidade de vitoria dun candidato da liña dura amparado polos aiatolás e a Garda Revolucionaria Islámica persuadiu á entente Israel-Qatar-Arabia Saudita a premer a Hamas por un cambio xeopolítico gravitacional. Isto acadouse coa declaración de Doha, na que Hamas levemente recorta o cordón sanitario de apoio de Teherán.

En segundo lugar está a revitalización dos intereses israelís, moito mais visible coa actual administración de Donald Trump na Casa Branca. Se ben a declaración de Hamas foi observada con certo distanciamento e receo en Israel, a mesma supón unha vitoria política en vésperas de visita de Trump a Israel (22 e 23 de maio), que será posteriormente extensiva a Arabia Saudita.

Esta semana, en vésperas da súa visita a Israel e simultaneamente coa declaración de Hamas, Trump recibiu en Washington ao presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbas. Alén das promesas de revitalización das paralizadas negociacións entre palestinos e israelís, o encontro entre Trump e Abbas semellou mais ben na concreción dos trazos do novo mapa xeopolítico que se está tecendo en Oriente Próximo.

Trump ten anunciado publicamente o seu apoio a Israel, desmontando así o período de distanciamento con Tel Aviv efectuado polo seu antecesor Barack Obama. De feito, a visita de Trump a Israel servirá para adiantar a súa proposta de mudar a embaixada estadounidense de Tel Aviv a Xerusalén, co cal confirmaría o seu apoio aos intereses israelís de converter á Cidade Santa como a capital histórica do Estado xudeu.

Para o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, defensor da idea do Gran Israel, estes movementos políticos son sumamente estratéxicos. Revitalizada a súa asociación estratéxica con Washington, Netanyahu afirma a neutralización do campo político palestino cun Abbas atenazado pola presión interna de renovación de liderados tanto dende Al Fatah como da OLP. Neutralización agora consolidada co recoñecemento de Hamas das fronteiras históricas de 1967.

Dous eixes en pugna

Terceiro, o papel de Irán e o conflito sirio. As eleccións presidenciais iranianas anteceden á primeira xira internacional de Trump, neste caso a Israel, Arabia Saudita e posteriormente o Vaticano. Con isto, EUA e Israel moven pezas diplomáticas cara as petromonarquías do Golfo Pérsico para manter as súas zoas de influencia calquera sexa o resultado electoral en Teherán.

Así, a triangulación do eixe EUA-Israel-Golfo Pérsico exerce igualmente presión sobre a entente conformada por Rusia, Turquía e Irán, que ten incidencia principal dentro do conflito sirio. Esta semana, os presidentes Vladimir Putin e Recep Tayyip Erdoĝan acordaron en Sochi (Rusia) a creación de zonas seguras de distensión en Siria, unha fórmula que semella igualmente aceptada por Trump, trala conversa telefónica que mantivo con Putin esta semana.

Mentres as negociacións sobre Siria chegan ao seu punto culminante en Astaná (Kazajstán), Putin deseña unha nova fórmula que pode ser decisiva para o conflito sirio. Na pretensión oficial de illar e acabar co Estado Islámico (EI), as “zonas seguras” alcanzan un radio de extensión dende a provincia de Idlib ata Homs e Damasco. As mesmas implican un cordón sanitario garantido pola presenza de tropas rusas, turcas e iranianas, pero tamén supervisadas polo réxime de Bashar al Asad e os rebeldes sirios que apoian as negociacións en Astaná.

Por tanto, nun e noutro caso, o contexto xeopolítico de Oriente Próximo está hoxe en fase de decisión entre dous eixes de alianzas: a conformada por EUA, Israel, Arabia Saudita e Qatar, ao que pode claramente engadirse o Exipto de al Fatah, igualmente neutralizado no seu poder xeopolítico coa Primavera árabe; e a outra conformada por Rusia, Turquía e Irán, ao que tamén se poden engadir o réxime sirio como testaferro destes intereses, así como o movemento islamita libanés Hizbulá.

Nesta nova correlación de forzas, Hamas e a OLP quedan practicamente desprazados e supeditados aos intereses alleos. Tamén a posición do EI, confinado nun poroso refuxio territorial entre Siria e Iraq pero con certo radio de difusión cara o Cáucaso ruso e Asia Central.

Este contexto de incertezas e cambios nas correlacións de forzas moi probablemente persuadiu ao movemento islamita palestino a dar un curso inédito nas súas estratexias. Coincide así este cambio co cincuenta aniversario da guerra dos Seis Días (1967), dos case trinta anos da súa carta fundacional (1988) e da década de paralización institucional na OLP que derivaron na bicefalia xeopolítica palestina entre unha Cisxordania baixo control de Al Fatah coa tutela israelí, e unha illada e acosada Gaza controlada por Hamas.

Dilemas kurdos

O outro escenario que cobra cada vez maior importancia e tensión é o Kurdistán. A vitoria de Erdoĝan no recente referendo de reforma constitucional en Turquía (16 de abril) reforza a súa autocracia presidencial con especial incidencia no conflito kurdo. O pasado 25 de abril, Turquía lanzou operacións militares contra bases do PKK kurdo no sueste turco, norte de Iraq e norte de Siria.

A isto sucedeulle unha serie de enfrontamentos entre unidades militares do PKK coas súas homólogas kurdas do PDK no norte de Iraq. Paralelamente, o PKK vese igualmente polarizado e neutralizado ante a consolidación de feito da autonomía rexional kurda na rexión de Rojavá, ao norte de Siria, en mans das milicias do YPG e PYD. Esta autonomía autoxestionaria de Rojava supón un dor de cabeza para Erdoĝan e o estamento militar turco.

O contexto define una polarización a varios niveis entre o Kurdistán turco, a Rexión Autónoma do Kurdistán (RAK) no norte de Iraq, e a República de Rojavá no norte sirio. O que se traduce igualmente na confrontación de forzas políticas e militares entre o PKK, o PDK e o YPG-PYD. Esta polarización que divide aos kurdos supón específicos avances para os intereses de Turquía e Irán. Pero o escenario vese moito mais complexo.

Ankara ven potenciando nos derradeiros anos certos vínculos económicos coa RAK ao norte de Iraq, particularmente na definición de rutas de distribución enerxética e hidráulica. Isto suporía certo recoñecemento de feito por parte de Turquía ante a eventualidade dunha declaración soberanista da RAK, que transformaría o mapa xeopolítico rexional.

Israel tamén ten acadado específicos contactos coa RAK, principalmente desde 2004, nun interese estratéxico por “balcanizar” Oriente Próximo a través da eventual procreación dunha cuña territorial no Kurdistán iraquí que implique complicar os intereses turcos e iranianos na rexión.

A intención turca é illar e acabar coa preponderancia do PKK dentro da polarizada causa kurda. A isto engádese a necesidade de neutralizar a potencialidade soberanista da república de Rojava. O YPG e PYD vense ideoloxicamente mais próximos ao PKK pero o control político sobre os kurdos divide a estes movementos.

Por tanto, a causa kurda vese polarizada por diversas forzas políticas que puxan polo control da lexitimidade e da representación política. A isto debe engadirse o papel do HDP, o único partido kurdo con representación parlamentaria na Asemblea Nacional turca. O HDP ven mantendo causa común cos kurdos sirios establecidos en Rojava, toda vez as purgas de Erdoĝan ameazan constantemente coa súa ilegalización.

Na correlación de forzas e de eixes estratéxicos que se está progresivamente deseñando no atomizado Oriente Próximos, as causas palestina e kurda vense claramente neutralizadas e polarizadas polos intereses xeopolíticos en curso. Isto traduce unha difícil perspectiva na que a radicalización motivada pola frustración pode volverse tan posible como aparentemente imparable.