Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública 1 de Agosto de 2019 Mansilla Blanco

De Trump a Bolsonaro

Bolsonaro agasalla a Trump cunha camiseta da selección brasileira. Foto: China Daily

A recente designación de Brasil (31 de xullo) como socio militar estratéxico de EUA fóra da OTAN, confirma a sincronía absoluta nas relacións entre as administracións de Donald Trump e de Jair Bolsonaro, erixido este practicamente como o seu principal aliado hemisférico xunto á Colombia do presidente Iván Duque. O trato preferente de Washington a Brasilia ten obviamente implicacións no taboleiro xeopolítico hemisférico, con especial incidencia cara contextos críticos como Venezuela, así como na adopción de políticas económicas, de integración rexional e de inmigración que reforzan esa sintonía entre ambos mandatarios.

 

Brasil convértese así no 18º país a nivel mundial en obter este trato preferente por parte de Washington na área militar estratéxica. En marzo pasado, Trump recibiu na Casa Branca a un Bolsonaro quen non perdeu o tempo en pedir a admisión brasileira na OTAN. Só Colombia ostenta o rango de seren o único socio global da Alianza Atlántica dentro do hemisferio americano.

Como no caso de Trump, Bolsonaro adianta unha política migratoria restritiva e selectiva, con mecanismos de deportación, a través da polémica ordenanza número 666 que permite a expulsión do estranxeiro considerado como “perigoso”. Pouco despois de asumir a presidencia o pasado 1º de xaneiro, o controvertido mandatario brasileiro sacou ao seu país do Pacto da ONU sobre Migración. Posteriormente, Bolsonaro amosou publicamente o seu apoio á política migratoria de Trump, moi intensa no caso do Muro fronteirizo con México para atallar a inmigración centroamericana.

O “romance” entre Trump e Bolsonaro xa estaba así servido, a tal punto que o mandatario brasileiro sopesa nomear ao seu fillo Eduardo Bolsonaro como embaixador en Washington,contando publicamente co beneplácito de Trump.

A sintonía entre ambos líderes, moi evidente en aspectos ideolóxicos, comeza claramente a verificarse no plano diplomático. A semana pasada, durante un cumio de ministros de Exteriores dos BRICS celebrado en Río de Xaneiro, o anfitrión brasileiro Ernesto Araújo pediu aos seus homólogos de Rusia e China que escoiten o grito de liberdade” que ven “dende o pobo de Venezuela”. A mensaxe era claramente dirixida en alusión aos gobernos de Vladimir Putin e Xi Jinping, coa finalidade de que abandonaran o seu frontal apoio a Maduro en favor dunha transición.

Un eixe “antisocialista”

Xa durante a visita de Bolsonaro a Trump en marzo pasado, ambos países selaron unha alianza hemisférica con Venezuela, Cuba e Nicaragua no epicentro de atención. Ámbolos dous mandatarios recoñeceron inmediatamente a lexitimidade presidencial de Juan Guaidó, presidente da Asemblea Nacional venezolana, descoñecendo así a un Maduro a quen acusan de “ditador” e “violador de dereitos humanos”. A andamiaxe política e ideolóxica de Trump e Bolsonaro ten evidentes aspiracións de contraatacar e desarticular o que denominaron como “o eixe do socialismo” a nivel hemisférico. Xa na súa investidura presidencial, Bolsonaro prometeu con acabar co "marxismo cultural" e a súa definición política.

Toda vez, o illamento rexional de Maduro intensifícase, en gran medida pola sincronía de decisións existente entre Trump, Bolsonaro e Duque. Un aspecto que igualmente comeza a ter influencia colateral noutros países, neste caso tradicionais aliados do “chavismo” como Bolivia,membro do diminuido eixe ALBA. A ausencia de representación oficial boliviana no recente cumio do Foro de Sao Paulo (26-28 de xullo) celebrado en Caracas sería unha chave que explique este posible distanciamento de Evo con Maduro. No encontro só participou unha delegación do Movemento ao Socialismo (MAS), o partido de Evo Morales.

Un distanciamento no que aparentemente tamén ten que ver o propio Bolsonaro. Días antes do comezo do cumio do Foro de Sao Paulo, Bolsonaro enviou unha mensaxe a Evo Morales pedindo que “Bolivia non participe” neste foro e que se afastara dese “eixe esquerdista”. A realpolitik, pero tamén a presión política, xogan as súas cartas nesta declaración. Por mor de acordos enerxéticos, Brasil e Bolivia manteñen inalterable unha alianza estratéxica sólida que non se observa obstaculizada polas orixes ideolóxicas de Bolsonaro e Evo Morales. Con motivo da entronización presidencial de Bolsonaro en xaneiro pasado, Evo celebrouno vía Twitter cualificando ao novo mandatario brasileiro como o seu “amigo”.

Apostar polo pragmatismo e a realpolitik e distanciarse de Maduro e do eixe ALBA semellan constituír unha estratexia en chave electoral para un Evo Morales que busca unha nova reelección nos comicios presidenciais do próximo 20 de outubro. Mantendo o equilibrio co seu veciño brasileiro, o mandatario boliviano deseña outra asociación estratéxica, neste caso coa Rusia de Putin, con acordos enerxéticos e de industria nuclear. Pouco antes do cumio do Foro de Sao Paulo en Carcas, Morales visitou a Putin en Moscova, afirmando a solidez desa relación.

O acordo militar preferente entre Washington e Brasilia pode outorgarlle a ambos países unha maior presión cara Maduro, a través dunha especie de cordón sanitario rexional completado con Colombia. Toda vez, a polémica orden migratoria de Bolsonaro implicaría igualmente maiores restricións a un éxodo venezolano que conforma a maior crise humanitaria a nivel hemisférico. Son precisamente Colombia e Brasil os países que mais observan a intensidade desa crise, por mor da constante riada de venezolanos polas súas fronteiras.

No caso de Cuba, a sintonía entre Trump e Bolsonaro é igualmente evidente. Tras gañar as eleccións presidenciais brasileiras en novembro pasado, Cuba suspendeu o programa Mais Médicos” que mantiña en Brasil dende tempos da presidencia de Lula da Silva, ante as constantes críticas de Bolsonaro e as súas ameazas de rematar co mesmo. No cumio do G20 celebrado en Tokio en xuño pasado, Trump e Bolsonaro acordaron accións e sancións contra Cuba polo seu apoio a Maduro en Venezuela.

O eixe Trump-Bolsonaro, extensivo a outros líderes rexionais como o colombiano Duque e o arxentino Maurico Macri (quen se xoga a reelección presidencial en outubro próximo, co presumible avance do “neo-kirchnerismo”), sen esquecer ao primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu (como Trump, Bolsonaro tamén cambiou a embaixada brasileira de Tel Aviv a Xerusalén) confirma unha sincronía de intereses que derruba por completo a anterior aposta multilateral tanto do “lulismo” como de Obama na Casa Branca. O eixe Trump-Bolsonaro tamén ten incidencia colateral na desarticulación da arquitectura hemisférica anteriormente trazada a través da ALBA, UNASUR e CELAC.

Concibida como unha especie de “cruzada ideolóxica”, esta alianza Trump-Bolsonaro busca reconfigurar radicalmente un mapa político hemisférico antano dominado por unhas esquerdashoxe politicamente fragmentadas e sen liderados claros. O que antes era unha paisaxe política e electoral debuxada polas alianzas “lulistas”, “chavistas” e “kirchneristas”, hoxe teñen unha configuración política e ideolóxica abruptamente diferente. Nesta nova vaga “neopopulista”, Trump e Bolsonaro levan agora a voz cantante.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais