Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
1 de Agosto de 2010 González Palau

De Wikileaks.com a Obama, da crise á nova Islandia

Wikileaks.com é unha organización do noso tempo, do seu tempo, nunca vista antes, nacida no 2006 desde a Internet por xentes cosmopolitas de formación heterodoxa, maioritariamente da cultura hacker e xornalísica, provintes, segundo a súa propia e limitada información1 , dun movemento global de disidentes, da China, de Australia, de Europa e de Sudáfrica. O seu sentido é sacar á lus filtracións, secretos oficiais de Estados e empresas. O principal interese explicitado é a denuncia dos réximes totalitarios: da China e de Rusia, Eurasia Central, Oriente Próximo e Africa Subsahariana. O seu rostro público é Julian Assange, un héroe das películas do futuro2 , hacker, matemático e filósofo, ao que non lle gusta asumir o adxectivo de fundador do proxecto.

No 2009 recibiron o premio Amnistía Internacional dos Medios Británicos, pola exposición de asasinatos extraxudiciais en Quenia, e en marzo deste mesmo ano sacaron á lus o popular vídeo: Asesinato colateral, onde se ve un helicóptero estadounidense en Iraq en persecución arrebatada, causando 12 mortes civís, entre elas a de dous traballadores da Axencia Reuters. Wikileaks.com ten destacado por difundir todo tipo de documentos desclasificados, comos os do caso islandés do banco Kaupthing, papeis pouco edificantes da banca suiza ou miles de documentos comprometedores para China.

O último achádego son os 92.000 documentos vinculados a Guerra de Afganistan -Afghan War Diary, 2004-2010, distribuídos con tres semanas de antelación para a súa verificación entre medios de comunicación tradicionais (como The Guardian, New York Times ou Sper Diegel), para seren difundidos na prensa de todo o mundo, sen correr os riscos da publicación non convencional por Internet. Segundo Wikileaks, a súa capacidade de levantar segredos evidencia o deterioro do xornalismo oficial en Occidente, que máis alá das xurisdiccións formais vese limitado, tan indirecta como directamente, ante os diferentes poderes políticos e económicos.

O leaking -facer públicas informacións sen control oficial-, é o obxectivo do movemento que impulsa esta web, tendo por filosofía fundamental a transparencia radical, un modelo ético de comportamento que implica a toda a sociedade, ao considerar que a reducción dos segredos é a mellor terapia para as democracias estables e a loita contra a corrupción. Máis cando nesas organizacións e institucións corrompidas traballan persoas con conciencia que poden e deben actuar denunciando.

Reivindican un mundo novo desde solucións cooperativas, antimilitaristas e globalistas. A proposta de Wikileaks é ao planeta enteiro, á cidadanía mundial. Calquer documento de autoridade, poder público, estatal ou militar, de corporacións ou bancos, que vulneren a legalidade, ou simplemente a desborden nun uso contra os dereitos humanos e a liberdade das persoas é considerado pola web -leaking ético. A chamada é global, a cidadanía é humana, non de ningún Estado.

O movemento xa comezou, aspiran a todo: “A nosa meta é acadar a maior influencia política posible, o cal quere dicir que a nosa interfaz sexa equiparable con Wikipedia(...)Wikileaks pode converterse no servizo de intelixencia máis poderoso do planeta. Un servizo de intelixencia da xente común”3
A guerra de Afganistán
Os novos documentos de Wikileaks.comson un percurso pola realidade oculta da guerra de Afganistán. Visibilizan comportamentos bárbaros dos soldados da coalición, visibilizan ocultacións sistemáticas de información por parte dos USA aos seus aliados e á súa cidadanía, e sinalan movementos e decisións inexplicables, senón para a perpetuidade da propria guerra; e as teorías que culpan directamente a industria militar americana da tonalidade belicista do seu século XXI.4

A noticia que saltou ás primeiras páxinas das portadas do luns 27 de xullo diluiuse, e pese a que pode chegar a recobrar forza pola magnitude das informacións desclasificadas, o parecido co sensacional caso dos papeis de Vietnam quedou só na primeira comparativa, e no reiterado da realidade normalizada que aceita as guerras como destino inevitable. O luns, 24 horas despois do -upload de Wikileaks, o Presidente de Afganistán, Hakim Karzai, facía público que foran mortos nun ataque con proxectís da OTAN 52 civís na provincia sureña de Helmand.5

Menos de 48 horas despois, e logo das ameazas iniciais a Wikileaks, Obama saíu afirmando que nada cambiara, que todo era coñecido, e que precisamente por iso a estratexia cara Afganistán mudara recentemente, lembrando as promesas coas que chegara á Casa Branca.6 O discurso político da campaña de Obama permitiuse moitos soños, que a realidade está a demostrar inalcanzables, xa sexa por acción ou omisión, mais que en calquera caso sorprenden polo duro da realidade dos feitos.

A mobilización militar en Haití, o golpe en Honduras e a axitación en Suramérica por medio de Colombia e as súas 7 bases militares, interfiren nun continente onde nunca antes houbera tanta participación política e tanta confianza na democracia7 .

Doutra banda, a resolución do conflito iraniano, que non permite nin Brasil nin Turquía como mediadores internacionais, afianza a nova administración estadounidense xunto aos máis acólitos defensores dos intereses do coñecido como lobby israelí, máis, claro, despois do ataque á “Flotilla da Liberdade”na que viaxaban persoas de máis de 100 nacionalidades diferentes.

Finalmente, a actitude de reincidente perpetuo en Afganistán delata a Obama agora máis ca nunca, ancorado na constante petición de máis diñeiro e tropas para gañar o que todos definiron como a súa guerra8 , que agora tamén se sabe xa, non gañará. Nove anos despois do comezo do conflito, o Estado en Afganistán non existe, o poder distribúese difusamente entre as topas da OTAN e a institucionalidade afgana promovida por eles, os señores da guerra, e os inexpugnables Talibán, mais alá das zonas neutras ou de ninguén. O narcotráfico incrementou os seus gaños e a corrupción é consigna entre os adictos ao novo réxime neocolonial.9 O Afganisthan Rights Monitor sinala o 2010 como o máis violento da contenda: 4.358 civís mortos.10
A iniciática crise das subprime americana, continua o seu camiño polo mundo enteiro, e mentres, o emprego e a economía seguen sendo as principais demandas dos estadounidenses, nunha crise que ameaza con voltarse infinita. Obama, que conseguira asociar a súa imaxe cun futuro de esperanza, honesto e transparente, desilusiona reiteradamente, e en todas partes do planeta. Obama, enrocado en Afganistán, é agora imaxe de todo o vello.
Islandia?

O 15 de febreiro deste 2010, The Guardian publicaba unha colaboración do australiano máis famoso do mundo, o rostro público de Wikileaks, Julian Assange, o texto titulábase:Porqué estou excitado polos novos plans para o xornalimo en Islandia? e nel dicía “ En Islandia estnase a conformar as bases dun mundo diferente despois da súa minirevolución de hai ano e medio... Os islandeses comprenderon que o fundamental para evitar os excesos financeiros é a prevención, e non só coa mellor regulación dos bancos, senón con mellor cobertura mediática, que aquela dos tratos suxos entre bancos e políticos... ”11

A pequena illa, coñecida como o Wall Street do Ártico polos atractivos servizos financeiros que ofrecía, ergueuse un 14 de outubro de 2008 coa declaración da bancarrota dos seus tres principais bancos. A burbulla financeira estendida a toda a sociedade deixaba ao país completamente endebedado, o sentimento de felicidade da illa, representado no seu popular desenvolvemento humano, converteuse rapidamente enkreppa, ira.12

E así sucedéronse os acontecementos da revolución que fala Julian Assange no seu artigo para o The Guardian. Tralas primeiras manifestacións e presións, o Primeiro Ministro (do centrodereita, eternos gobernantes da illa) viuse forzado a convocar un referendo para o pagamento da débeda a Holanda e Inglaterra, no que gañou o Non, por un 92%, co 64% de participación. As manifestación recollían o clásico “Que se vaian todos”, ao tempo que un parlamentarismo de rúa organizaba o país na procura dunha nova Constitución. Cómpre sinalar que a este clima de axitación contribuíu WikiLeaks coa descuberta dos papeis do Banco Kaupthing13 e o seu chamado a novos modos de relacionamento, que como veremos, enraizaron con forza na illa.

Diante da derrota na consulta sobre a débeda, o Primeiro Ministro dimitiu, convocando novas eleccións en maio do ano pasado, nas que gañou a socialdemocracia co apoio da esquerda verde, dando lugar á primeira, Primeira Ministra da historia islandesa, Johanna Sigurardotir. Ela, ademais de casarse aproveitando a nova lei para o matrimonio de persoas do mesmo sexo, agudizou a virulencia discursiva contra a corrupción entre banqueiros e políticos, impulsando unha Comisión de Investigación que procura identificar aos que delinquiron nesta burbulla perfecta islandesa, dos que algún xa foi arrestado. A Presidenta da República tamén apoia a Asamblea cidadá pola nova Constitución.14

A esquerda verde (Green Left), mentres tanto, eleva o discurso político e chama constantemente a fundar unha nova Islandia, e nesta dinámica nace aquelo que tanto excitaba a WikiLeaks, a Iniciativa Islandesa de Medios15 Modernos. A deputada da esquerda verde Birgitta Jonsdottir falaba así da IIMM para o diario español ABC “ Os islandeses familiarizámonos moito coa idea de pardiso fiscal despois do abuso que cometeron os oligarcas islandeses. Así que decidimos facer exactamente o mesmo que o paradiso fiscal estivera a facer -coller o mellor das lexislacións do mundo para crear segredo e clandestinidade- e darlle a volta: buscar as mellores lexislacións do mundo que demostraron ser útiles, e crear así, un paradiso de transpariencia informativa”16 . A IIMM foi aprobada finalmente o mes pasado por unanimidade no Parlamento islandés, Wikileaks, que participou no impulsio e asesoramento da nova lei, pode dicir que ten de socio a todo un Estado cunha lei inexpugnable para defender o dereito á información dos cidadáns do mundo enteiro. Di Birgitta Jonsdottir que a IIMM será fundamental na construción do espíritu humano da nova Islandia: “Agardo que nos permitamos ser un experimento para recuperar a humanidade, porque tal como están as cousas, a maioría das nacións compórtanse como se tiveramos dez planetas, e estamos a quedar sen el polo modo en que vivimos. Ogallá poidamos probar aquí novas formas de mudar a sociedade”.
Mais isto non é todo, a nova Islandia aliada de Wikileaks nesa esencia transparente, continúa a ser un fervedorio de kreppa, nunha efervescencia social que máis alá dos cambios xa acontecidos non se sabe onde rematará. O último fito desta revolución illada, pero cidadán no seu sentido máis amplo, deuse nas eleccions á capital de Islandia, Reijkiavik, do pasado 30 de maio.

Nas mesmas, presentouse un novo partido político, The Best Party, produto do inxenio dun humorista islandés, Jhon Gnaar, que se asociou aos seus vellos amigos de movida cultural que se recoñecen coa cultura alternativa da capital, de tendencias punk e anarquistas. The Best Party apareceu como unha burla á clase política profesional, presentándose nun videoclip musical coa música de Tina Turner “Simply the best”, onde prometían todo tipo de disparates, como novos osos para o Zoo ou toallas gratis nas piscinas públicas. Todo o seu programa electoral amosábase baixo o principio detranspariencia sustentable: saben que todo o que contamos é mentira, faremos transparente a nosa corrupción.

Mais a broma pasou a outro estadio, xa que The Best Party foi o partido máis votado co 34,7% dos apoios, saíndo John Gnarr Alcalde en coalición coa socialdemocracia e o apoio na investidura dos Verdes. Os resultados da capital do país son excepcionalmente relevantes, xa que Reijkiavik representa o 60% dos 333.000 islandeses con dereito a voto. Evidentemente, todos os analistas din que a vitoria de Gnarr é a vitoria do voto de castigo á clase política, quizais unha ruptura definitiva coa partidocracia clásica da illa que traslada ás próximas eleccións á presidencia do país todas as interrogantes.

No seu discurso de investidura o 15 de xuño, Gnarr sorprendeu a todos -Somos o mellor partido, así que non faremos as cousas que fan os malos partidos... O Alcalde continúa coa súa performance, facendo sempre gala das dúas dotes para o humor e a retranca, aínda que parece que isto lastima a prensa tradicional17 .Sen embargo, The Best Party está xa a dar pasos para mudar a existencia na cidade, anunciando todo tipo de fórmulas para experimentar coa democracia directa e o asamblearismo, por medio dunha revolución cultural guiada por un surrealismo socialista.

A primeira acción colectiva proposta por Gnarr é a conformación dun estaleiro popular para a construción dun barco-cadea onde meter presos a banqueiros e políticos. Anteriormente, nas negociacións para conformar o equipo de goberno dixo: “Non dialogarei con aqueles que non teñan visto completas as cinco tempadas de The Wire”
Aínda non se coñecen as declaracións do alcalde de Reijkiavik ante a descoberta dos War Logs de Afganistán; sen embargo, Ogmandur Jonasson, deputado no Parlamento pola Left Green anunciou o mesmo martes que acompañarán a Campaña contra as bases militares na súa demanda por un referendo sobre a participación de Islandia na OTAN, xa que a nova Islandia non acepta socios como os USA.18

NOTAS:

1
http://www.wikileaks.com/wiki/WikiLeaks:About

2
http://www.elmundo.es/elmundo/2010/07/27/comunicacion/1280225632.html
“Julian Assange, de Wikileaks: Me gusta aplastar bastardos”

3
http://www.wikileaks.com/wiki/WikiLeaks:Abou

4
http://www.altermundo.org/content/view/285/59/
“O complexo industrial militar dos EUA” Rodrigue Tremblay   

5
http://www.publico.es/internacional/329671/
otan/mato/civiles/afganos/bombardeo/tres/dias
“La OTAN mató a 52 civiles afganos en un bombardeo hace tres días: La mayoría de los fallecidos eran mujeres y niños”

6
http://edition.cnn.com/2010/POLITICS/07/27/
obama.wikileaks/index.html#fbid=z6UuDL091S1
“Obama dismisses Afghan report leak after Hill leader meeting”

7 http://www.latinobarometro.org/

8
http://blogs.aljazeera.net/americas/2010/07/28/white-house-wiki-woes
“White House, Wiki woes”, Camille Elhassani Blog

9 http://www.rebelion.org/noticia.php?id=108333
“Afganistán, la guerra perdida más longeva”, James Petras

10
http://arm.org.af/

11
http://www.guardian.co.uk/media/organgrinder/2010/feb/
15/wikileaks-editor-excited-iceland-journalism
“Why im excited about Iceland´s plans for journalism”, Julian Assange

12
http://www.elpais.com/articulo/primer/plano/Islandia/
queda/felicidad/elpepueconeg/20100117elpneglse_2/Tes
“Reportaje: Islandia se queda sin felicidad”, Claudi Pérez

13
http://www.elpais.com/articulo/sociedad/Islandia/Caiman/
periodismo/elpepusoc/20100702elpepusoc_3/Tes
“Islandia, las caimán del periodismo”, Óscar Gutiérrez

14
http://www.rebelion.org/noticia.php?id=109032
“La Revolución de Islandia”, Corneta.org

15
http://immi.is/?l=en&p=intro

16
http://www.abc.es/20100416/medios-redes-prensa/medios-modernos-20100416....
Birgitta Jónsdóttir: «Queremos convertir Islandia en el paraíso de la transparencia»

17
http://www.nytimes.com/2010/06/26/world/europe/26iceland.html?_r=1
“Iceland campaisn is a joke until he´s elected”, Sally MacGrane /http://www.elmundo.es/elmundo/2010/07/05/internacional/1278338860.html
“La broma macabra del Alcalde de Reijkiavik”, Amanda Figueras

18
http://icelandreview.com/icelandreview/daily_news/?cat_id=29314&ew_0_a_i...
Left Green MP wants referendum on NATO membership.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais