Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
ECO 18 de Xuño de 2014 Ríos

Desigualdade e pobreza

A obra, de recente publicación, de Thomas Piketty, Le Capital aux XXI siècle –Paris, Seuil 2013, ofrece datos e reflexións de grande interese para abordar a problemática da explosiva desigualdade do planeta. En comparación con 50 anos atrás, as desigualdades internas dos países “aumentaron hoxe nun número alarmante de países, tanto ricos como pobres”, sentencia o economista Mukhisa Kituyi, secretario xeral da UNCTAD, entidade do sistema ONU que cumpre agora cincuenta anos. En termos xerais, é o resultado inevitable de prácticas económicas orientadas á acumulación excesiva de riqueza non só inxustas senón tamén fonte de crises e insostibilidade. En India, por exemplo, os billonarios se multiplicaron por dez na última década. Segundo Oxfam, en 2003 posuían o 1,8 por cento da riqueza nacional e en 2008 xa ascendía a un 26 por cento. En cambio, a superación da pobreza extrema nese país evoluciona a paso de tartaruga: en 1981 había 429 millóns de indixentes que en 2010 sumaban 400 millóns de persoas, segundo o Banco Mundial.

A pobreza extrema reduciuse drasticamente desde os anos 80 en todo o mundo, pero as fendas de riqueza e ingresos aumentan, incluso en lugares onde as clases medias estaban tradicionalmente ben asentadas, como Europa e Estados Unidos. A desigualdade reaparece con forza como unha nota distintiva do século XXI. O fenómeno está directamente relacionado con procesos coñecidos, todos eles consubstanciais á mundialización neoliberal, dende o incremento do traballo precario, a evasión fiscal e a debilidade impositiva ata a perda de peso do Estado e as políticas públicas, en prexuízo dos sectores mais pobres.

Unha das claves esenciais para abordar as desigualdades radica na reforma do sistema fiscal, tanto nacional como internacional, pero os debates neste sentido, suscitados dende hai tempo especialmente arredor das transaccións financeiras, avanzan moi lentamente. As políticas de liberalización promovidas e/ou impostas desde o FMI e outras instancias semellantes apuntan na dirección contraria, apuntalando os paraísos fiscais -cada vez mais principal orixe do investimento directo en moitos países- ou a propia dependencia global da saúde do dólar estadounidense, o que afecta negativamente á estabilidade do sistema financeiro internacional.

A fin de corrixir a desigual distribución do ingreso e da riqueza, Piketty suxire introducir impostos globais para evitar crises e conflitos pero tamén o estancamento. A mundialización, di Kituyi, permitiu reducir a extrema pobreza á metade durante os últimos 20 anos, pero actuou como un arma de dobre fío. Para superar as fendas de riqueza e ingresos resultan esenciais políticas de equilibrio capaces de xerar unha economía inclusiva. Pero, ¿quen convence diso ao 1% que controla ese universo financeiro a través dos bancos e da súa enorme influencia nos procesos políticos e normativos?

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais