Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 22 de Agosto de 2013 Mansilla Blanco

Desmontando o “triángulo árabe”

O desmonte do “triángulo árabe” (Exipto, Siria, Iraq) implica igualmente a contención de actores emerxentes (Irán, Turquía)

A xeopolítica como punta de lanza dos intereses estratéxicos de diversas potencias non semella constituír unha disciplina determinada polas casualidades senón, mais ben, polas “causalidades”. Primavera árabe aparte (e mediante), un exemplo evidente pódese constatar se realizamos unha observación sucinta sobre os derradeiros acontecementos no mundo árabe e Oriente Próximo, actualmente monopolizados pola crise exipcia e a guerra civil siria. A desintegración das forzas concéntricas de poder, especialmente político e militar, dentro do mundo árabe, é unha constatación evidente dende a guerra de Iraq de 2003.

Con camiños diversos e intereses moitas veces contrapostos, durante a “guerra fría”, Exipto, Iraq e Siria constituían unha especie de “trípode de poder” dentro do mundo árabe, con especial peso político, militar e económico así como a súa notable capacidade de incidencia na xeopolítica de Oriente Próximo. De forma tanxencial, a revolución iraniana de 1979 modificou diversos parámetros, especialmente pola presumible influencia rexional que Teherán puidera abordar como catalizador dunha rebelión popular (finalmente inexistente) contra as “autocracias árabes”.

Irán (como anteriormente Persia) constituíu un actor histórico de contrapesos en Oriente Próximo. O peso da revolución iraniana penetrou dentro do proceso de expansión rexional do islamismo político (curiosamente orixinario en Exipto en 1928 coa Irmandade Musulmá), manexando incidencias dentro da formación o libanés Hizbulá e do palestino Hamás, actores mais activistas, con notable incidencia “paramilitar” cuxas referencias igualmente se focalizan no islamismo político da Irmandade Musulmá exipcia. Por tomar un exemplo: Hizbulá e Hamas han logrado, dalgunha forma, “derrotar” militarmente ou ben conter ao Estado de Israel.  

Dentro da visión panarabista impulsada polo líder exipcio Gamal Abdel Nasser a partir da revolución que depuxo á monarquía en Exipto (1952), unha evidencia histórica desta eventual concepción “idealista” de formalizar a Exipto, Siria e Iraq como líderes desta especie de trípode de poder no mundo árabe post-colonial, foi materializada coa breve experiencia da República Árabe Unida (RAU, 1958-1961) entre o Exipto e Siria, cuxo goberno do Partido Ba´ath igualmente estaba no poder en Bagdad.

Non obstante, a escasa institucionalidade, ampliada coa separación territorial entre os membros da RAU (igualmente obstaculizada pola presenza de Israel) e as rivalidades intrínsecas na política do mundo árabe (Golpe militar en Siria en 1961, distanciamento entre as dirixencias do partido Ba´ath en Damasco e Bagdad), asestaron o fracaso desta experiencia.

Hexemonía a través da atomización

Non obstante, a particularidade xeopolítica que define a Oriente Próximo ten que ver coa súa atomización política e territorial, herdanza directa da desintegración do Imperio otomán (1918) e da descolonización europea trala II Guerra Mundial. Unha atomización que, pola súa banda, atopou sentido trala certificación da alianza estratéxica entre EUA e Israel a partir da Guerra dos Seis Días de 1967, particularmente no cometido de “conter”, “domesticar” ou incluso “desintegrar” esa especie de “triángulo árabe” conformado por Exipto, Iraq e Siria.

Dentro deste proceso, o Irán emerxente desde 1979 como polo autónomo de confrontación contra Occidente e Israel, consolidou o sentido desta “estratexia” xeopolítica de Washington e Tel Aviv.

A historia de Oriente Próximo das tres derradeiras décadas da a entender as facultades desta “estratexia”. O recoñecemento exipcio do Estado de Israel tralos Acordos de Camp David (1978) xustificou unha alianza militar, económica e xeopolítica que colocou ao Cairo na órbita de influencia estadounidense e israelí. Pola súa banda, a conxunción do modelo “baazista” en Siria e Iraq (sen menoscabar as rivalidades entre Damasco e Bagdad), precisou a configuración dunha tenaza de maior calado, fraguada polos intereses israelís para manter baixo observación constante a necesidade de salvagardar o seu “espazo vital” rexional.

Esta estratexia de desmonte do “triángulo árabe” asentouse coas guerras de Iraq (1991 e principalmente 2003), o illamento occidental da Siria do clan Al Asad desde 1970, certificado coa guerra civil existente neste país desde 2011 (a pesar das alianzas de Damasco con Rusia e Irán) e, finalmente, coa actual crise política en Exipto, tralo golpe contra a Irmandade Musulmá e o retorno dun sistema de pretorianismo militar con referencias rexionais no modelo “kemalista” turco vixente desde 1923, aínda que este modelo preséntase notoriamente restrinxido na propia Turquía trala asunción do islamita AKP ao poder en 2003.

A esencia da estratexia de Washington e Tel Aviv define unha visión xeopolítica clara: definir un cordón sanitario orientado á contención e o desprazamento de calquera poder autónomo en Oriente Próximo, sexa nacional e militar (Irán, Exipto, Siria, Iraq) ou incluso ideolóxico e relixioso (o islamismo político) Como válvula de transmisión desta estratexia pode servir como referencia o famoso Plan Oded Yinon(1), ideado en 1982 paralelo á invasión militar israelí ao Sur do Líbano, e que concibe un plan de seguridade para Israel baseado na disolución e fragmentación territorial de diversos países árabes, entre eles Iraq, Xordania, Líbano, Siria, Líbano e incluso Exipto, a fin de garantir espazos territoriais orientados para salvagardar a integridade estatal e os intereses de seguridade israelís.

Independentemente de calquera aproximación e perspectiva, este Plan ben puido constituírse como referencia doutras estratexias xeopolíticas deseñadas polo eixe EUA-Israel para Oriente Próximo, tales como o Gran Oriente Medio do ex presidente George W. Bush, influído pola elite “neoconservadora” instalada nas altas esferas de poder en Washington desde 1997; ou o plan do Gran Israel defendido polo ex primeiro ministro israelí Ehud Olmert (2006-2009), cuxa esencia basease na configuración das fronteiras “definitivas e históricas” de Israel fronte o mundo árabe”. De forma global, estes plans e ideas definen a vixencia da estratexia fraguada por EUA e Israel no Oriente Próximo contemporáneo, con especial epicentro das esferas de influencia do lobby israelí en Washington.

Eixes en conflito

A definición e confluencia desta estratexia enmarca, paralelamente, a (re) activación dos conflitos internos característico dentro do mundo árabe e islámico, esencialmente como modus operandi que permita debilitar calquera asunción de actores potencialmente rivais. Son estes a perpetuación da histórica confrontación entre sunnismo e xiísmo, o cal define potenciar a conformación de eixes: por unha banda sunnita e wahabbita orientados ás esferas de influencia occidental e tanxencialmente israelí (Arabia Saudita, Catar e Marrocos); contra, por outra banda, o eixe xiíta ou reaccionario, mais heteroxéneo e visiblemente conformado por Irán, Hizbulá, Hamás, a Irmandade Musulmá exipcia, movementos islamitas e incluso a pretensión de Turquía por “retornar” a súa atención cara a contorna rexional.

Nun nebuloso espazo periférico quedarían outros países con menos capacidade de influencia, como Tunisia, Xordania ou Alxeria, mentres outros (Iraq, Líbano, Siria) quedarían relegados a territorios de “conflitividade” onde os factores de confrontación poden espallarse cada certo tempo, xustificando a perpetuidade desta “estratexia”.

Outro conflito intrínseco a explotar ten que ver, igualmente, coa secular confrontación entre laicismo e islamismo, visiblemente distintivo trala asunción da Primavera árabe a partir de 2011. O laicismo occidentalizado significa dentro desta estratexia a (re) potenciación das elites árabes a través da inclusión dos novos actores e movementos cívicos amparados pola Primavera árabe pero sen capacidade real contestataria. A eventual popularización dos movementos islamitas presupón, por tanto, esa capacidade reaccionaria contra esta estratexia.

Para potenciar o desmonte deste “triángulo árabe” e de calquera polo de reacción contraria a estes intereses, esta estratexia global implica a “balcanización” dos países árabes, propiciando a súa paulatina desintegración ou “atomización” (Siria, Iraq, Líbano), incluso fomentando a eventual creación doutras entidades estatais como é o caso do Curdistán (principalmente entre Iraq, Turquía e Siria) amparándose nas históricas e lexítimas aspiracións curdas por constituírse nun Estado independente. Posición que ironicamente contrasta coa desestimación dese mesmo tratamento para Palestina, “domesticada” e matizada ante a necesidade de preservar o “hinterland” de seguridade israelí.

2013: Ano Cero

O golpe exipcio e a guerra civil siria, en fase de indefinición no equilibrio de forzas e actualmente determinada pola renovación das presións exteriores pola presunta utilización de armamento químico contra civís, son os acontecementos que definen porqué 2013 constitúe o “Ano Cero” de activación de esta “estratexia”.

Aproveitando a presenza en Damasco dunha misión da ONU para a verificación da utilización de armamento químico, os rebeldes sirios reactivaron as denuncias contra o réxime de Bashar al Asad pola presunta utilización de gas sarín e armas químicas contra a poboación civil nunha localidade ás aforas da capital siria. Segundo os rebeldes, o saldo superaría os 1.300 civís mortos.

Non deixa de ser casual que sexa precisamente Arabia Saudita a que premera para unha reunión urxente do Consello de Seguridade da ONU, realizada o 22 de agosto, así como para instar a Europa para tomar unha actitude mais decidida contra o réxime sirio. Os intereses sauditas en Siria son numerosos en apoio aos rebeldes, igualmente perceptibles nos casos de Catar e Turquía. En perspectiva está exercer unha presión no seo do Consello de Seguridade, especialmente por parte de EUA, Gran Bretaña e Francia, para premer a Rusia e China (aliados do réxime sirio) ante calquera eventualidade de intervención exterior no país árabe, similar ao caso de Libia en 2011.

Polo contrario, o tácito apoio occidental e israelí ao golpe exipcio e a represión militar contra os islamitas supón a necesidade de potenciar un réxime de pretorianismo militar dependente do exterior, que debilite a capacidade de actuación e influencia rexional por parte de Exipto. A decisión xudicial do 21 de agosto de outorgar liberdade ao ex presidente Hosni Mubarak (aínda que baixo arresto domiciliario), evidencia igualmente a conxunción de intereses entre Washington e os militares exipcios baixo o mando do xeneral golpista Abdel Fatah al Sissi.

Dentro desta “estratexia”, o “retorno á democracia” en Exipto só sería posible en mans de actores leais a Occidente, como o ex Premio Nobel e ex director da AIEA, Mohammed el Baradei, así como os movementos Fronte de Salvación Nacional e Tamaroud, abertos rivais da Irmandade Musulmá. A decisión da UE de restrinxir o envío de armas a Exipto exemplifica, igualmente, esta pretensión por debilitar e prostrar ao país árabe baixo a dependencia occidental, a cal se intensificará se os militares golpistas consolídanse no poder e véxanse na necesidade de empréstitos financeiros exteriores (vía programas de axuste do FMI), para acometer a grave crise socioeconómica.

Pero a realidade 2013 ilustra a esencia da “estratexia” de EUA e Israel fraguada nas derradeiras décadas, orientada a modificar o mapa xeopolítico en Oriente Próximo. Os seus alicerces se definen en desmontar ou debilitar o “triángulo árabe” (Exipto, Siria, Iraq); manter un cordón sanitario de contención cara Irán como polo potencial decidido a continuar co seu programa nuclear; marcar liñas estratéxicas de actuación contra o islamismo político; contemporizar o presumible ascenso de polos emerxentes (Turquía); e atomizar política e territorialmente a rexión (Siria, Líbano, Curdistán, Iraq)

           

 

 



(1) Unha versión deste Plan pódese consultar a través do enderezo web: http://cosmos.ucc.ie/cs1064/jabowen/IPSC/articles/article0005345.html.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais