Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
REVISTA ECO 31 de Maio de 2022 González Palau

Desorde pandémica, interdependencias e guerra

En xuño sae o IGADI Annual Report 2021-2022
Capa do IAR 21-22

Se no 2021 titulamos o Igadi Annual Report 2020-2021 (IAR) «Nova normalidade e sociedade de risco global» un ano despois o IAR 2021-2022 ten que apuntar de maneira central ao novo teatro de operacións mundiais que a guerra entre Rusia e Ucraína protagoniza, coa moi tensa participación indirecta da OTAN e demais convidados, de Finlandia e Suecia a China ou a India, por citar algúns. 

Ademais, coma na edición do IAR 2019-2020, cando titulamos en maio do 2020 «Da Guerra Comercial á Covid-19» acompañando a emerxencia da pandemia, vímonos na obriga de agardar a que o mapa europeo evoluise e amosara parte do novo escenario que emerxe e nace agora mesmo. Finalmente no mes de xuño sairá a 15ª edición  do IAR, «Desorde pandémica, interdependencias e guerra».

Desde a perspectiva do trinta aniversario do IGADI e o décimo quinto aniversario do noso informe anual Igadi Annual Report, sumados aos acontecementos actuais, o repaso dos seus títulos desde a primeira edición, IAR 2007-2008 «Cara unha estabilidade multipolar», até a última edición que pecha Xulio Ríos ao fronte, 2018-2019, coma o seu editor principal «En rumbo de colisión», amosa  un IAR fiable e certeiro. Quince anos que identificaron as dinámicas de longo e de curto prazo, así coma as axendas que foron gañando espazo nas relacións internacionais de hoxe e do futuro. 

Desta maneira, a edición deste ano ábrese a perfilar o nacemento dese mundo novo, onde as vellas estruturas e normas, coma as alianzas militares, o patrón dólar ou o libre comercio, están baixo presión e expansión, agora coa ameaza nuclear intoxicando a atmosfera. En calquera caso e evolúa coma evoluír a Guerra na Ucraína, a fragmentación e o cambio de regras arredor da xestión do poder na sociedade internacional, está a derramar décadas de cambio e estancamento na sociedade global edificada co final da Guerra Fría, retratados nas catorce pasadas edicións do IAR e na propia historia do IGADI que arranca precisamente no 1991.

Xa ben avanzado o ano 2022, o IAR 21-22 presenta de maneira panorámica as variables e as ideas fortes que construíron o 2021, así coma os acontecementos e as tendencias a observar de maneira particular durante os próximos meses e anos, onde a pandemia e a guerra conflúen coas interdependencias do mundo globalizado, así coma cun desorde fraguado décadas atrás e que explotou coa pandemia.

O IGADI Annual Report, ademais dun contexto xeral sobre as chaves e as perspectivas en curso, conta coa participación de investigadores asociados, membros do Consello Científico da Revista Tempo Exterior e do Consello Reitor do IGADI, contando con figuras destacadas como Bichara Khader, Rafael García ou Antía Caramés, Miriam Fernández e Raquel Isamara de la Rosa, achegándose a temas como a guerra de Ucraína e os desafíos a orde liberal, as relacións europalestinas, as tensións de Rusia no espazo exsoviético, o dereito ao refuxio no novo contexto en Europa ou a China do 2022. 

O IAR tamén ten tempo para deterse en Afganistán, da man desde o terreo de Alberto Trillo Barca, a crise climática e a cimeira de Glasgow con Xosé Vieiras, o despunte mediático do bitcoin e o metaverso, da man de Isaac González, os Xogos Olímpicos de Tokio 2021 e Beijing 2022, cos investigadores chineses Pan Zhen e Lan Bo, ou a crise loxística do comercio mundial, da man do recoñecido especialista Alejandro Molíns. O anuario pecha a súa 15ª edición radiografando supercicialmente as personaxes do ano, destacando as figuras de Simone Biles, Olaf Scholz, Ngozi Okonjo-Iweala, Xiomara Castro, e Volodímir Zelenski. 

A fin de contas as urxencias que nos presenta o IAR 21-22 en relación á paz mundial e outras turbulencias globais, sitúanos diante dunha rúa sen saída, onde a ameaza dun grande colapso e fractura profunda na sociedade internacional, ten que ser tratada desde solucións diplomáticas e de negociación, tendo en conta as interdependencias e a pluralidade do planeta, acompañando e dando continuidade ao mellor da historia da humanidade en nome da paz e a prosperidade.

Convidadas están a coñecer o IAR dispoñible na web do IGADI, serán benvidas

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais