Despois de Bin Laden

Hai quen pensa que o terrorismo de al-Qaeda, despois da morte de Ben Laden, será outro, menos forte, máis en extinción, máis descabezado. Pero, como ben escribiu Robert Fisk, “al Qaeda é unha maneira de pensar, non un exército.

Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

Hai quen pensa que o terrorismo de al-Qaeda, despois da morte de Ben Laden, será outro, menos forte, máis en extinción, máis descabezado. Pero, como ben escribiu Robert Fisk, “al Qaeda é unha maneira de pensar, non un exército. Aliméntase da dor, do temor e da crueldade –a nosa crueldade e a nosa opresión- e mentres sigamos dominando o mundo musulmán cos nosos helicópteros Apache e os nosos tanques e os nosos Hummvees, e os nosos “ditadores amigos”, al-Qaeda continuará” (The Independent, 1 xuño 2008).

Non pasa nada: a sucesión está asegurada, paréceme, no que sempre foi a súa man dereita, Ayman al-Zawahiri, de 60 anos. Claro que a morte de Bin Laden ten un carácter simbólico moi a ter en conta, pero al-Qaeda está vixente de distintas maneiras en moi diferentes países, como é sabido.

Tamén é certo que o seu fracaso parece evidente en relación coas recentes revoltas do Magreb e outros países: a vía escollida polos rebeldes non foi ningunha das que predicou Ben Laden –nin sequera a do odio aos occidentais. A vía do fanatismo tampouco rematou con el, que vai seguir, pode que como unha opción marxinal, pero sempre capaz de xerar moito dano. 

Debido á súa peculiar estrutura organizativa é case imposible saber o número aproximado dos seus militantes operativos. Primeiro, porque están espallados por moitos países e segundo, porque só se volven operativos cando a organización o decide, e pode non decidilo en moito tempo.

En calquera caso, cómpre ter sempre moi presentes as ideas de Robert Fisk:  non se trata dun exército senón dunha maneira de pensar. Xusto por iso, porque se trata dunha maneira de pensar, se non se modifican as causas determinantes dese pensamento, al-Qaeda seguirá sendo unha forza que vai contar por moito tempo. Infelizmente.