Desunión do mundo fronte á pandemia

O que hai unhas semanas xa non era un segredo, agora, en pleno azote do Covid-19, resulta unha clamorosa evidencia: a humanidade adoece de liderazgo. Fai augas a Unión Europea, proxecto mitificado e enchido de supostas virtudes, no que pretendemos albiscar a súa —sempre por chegar!— mellor versión, obviando flagrantes eivas e non asumindo que para algúns a cousa non vai máis aló que o de conformar un enorme mercado pegado ás súas fronteiras. Rusia, Estado de dimensións continentais que segue a vivir das rendas do pasado, que a duras penas consegue manter o status de potencia que os ben pensantes lle atribúen aínda; segue ao seu, figurando, inmiscíndose todo o que pode e máis, pero sen realmente estar e contar. China, que a piques estivo de conseguir erixirse en exemplo de orde e eficacia na xestión da pandemia, foi, finalmente, vítima da súa propia esencia, concluíndo o mundo a súa excesiva dependencia de Pequín e receando máis que nunca do xigante asiático.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Palabras chave ONU Galicia internacional
Idiomas Galego

O que hai unhas semanas xa non era un segredo, agora, en pleno azote do Covid-19, resulta unha clamorosa evidencia: a humanidade adoece de liderazgo. Fai augas a Unión Europea, proxecto mitificado e enchido de supostas virtudes, no que pretendemos albiscar a súa —sempre por chegar!— mellor versión, obviando flagrantes eivas e non asumindo que para algúns a cousa non vai máis aló que o de conformar un enorme mercado pegado ás súas fronteiras. Rusia, Estado de dimensións continentais que segue a vivir das rendas do pasado, que a duras penas consegue manter o status de potencia que os ben pensantes lle atribúen aínda; segue ao seu, figurando, inmiscíndose todo o que pode e máis, pero sen realmente estar e contar. China, que a piques estivo de conseguir erixirse en exemplo de orde e eficacia na xestión da pandemia, foi, finalmente, vítima da súa propia esencia, concluíndo o mundo a súa excesiva dependencia de Pequín e receando máis que nunca do xigante asiático.

E por se algúns aínda mantiñan a esperanza de que os Estados Unidos exercesen de referente, chegou o Trump e lanzoulle ao mundo que Washington non tiña amigos, tan só intereses, argumento que de paso valeulle para cesar o apoio á Organización Mundial da Saúde. Confundindo ao país co seu propio ego, 'América primeiro' segue aser a inequívoca divisa do presidente estadounidense, sempre disposto a enterrar o multilateralismo. Lonxe quedan os Obama e predecesores que, en maior ou menor medida, con máis ou menos sinceridade e utilitarismo egoísta, tentaban non mirar sempre para outro lado, aínda que tan só fora por aquelo do que dirán, por gardar as aparencias. O baleiro deixado polos Estados Unidos non foi aínda enchido, reforzando a hipótese do feudalismo planetario. O illamento, os receos e mesmo a xenofobia caracterizan o sistema internacional. Porén, existe consenso no risco que presenta a desunión para facer fronte ao coronavirus e que sen confianza nin solidariedade ningún futuro é posible.

A situación de Nacións Unidas é cando menos inquietante. En outono, o seu secretario xeral, Antonio Guterres, alertaba sobre a falta de recursos que obrigaba a implementar un plan de austeridade chamado a lastrar a capacidade política e operativa da Onu. Con epicentro en New York, cidade lastrada polas medidas restritivas fronte ao coronavirus, suspendéronse os plenos e as reunións fanse por videoconferencia, con persoal e diplomáticos a milleiros de quilómetros de distancia, sen intérpretes activos, co inglés como lingua franca e con traducións dispoñibles unicamente para documentos «esenciais». A voz de Guterres é a única audible, pero sen a autoridade que lle outorgaría ter ao seu carón o Consello de Seguridade, instancia que, aínda que sen competencias en materia de saúde, sobre o papel vela pola paz e seguridade internacionais, con capacidade para decidir sobre medidas, mesmo coercitivas, chamadas a garantir unha certa unidade e coordinación na loita contra o Covid-19.

Tras un marzo de parálise e tensión baixo presidencia chinesa, co relevo dominicano en abril non se produciu pulo algún e nada apunta que baixo mando de Estonia, en maio, se recobre certa normalidade. A parálise non provén unicamente de cuestións loxísticas e as diferencias entre os cinco membros con dereito a veto rara vez foi tan acentuada, imposibilitando consenso algún. Colmo do surrealismo, conviven hoxe amais dous proxectos de resolución sobre o Covid-19, a diferentes niveis, un impulsado por Francia e outro por Alemaña e Tunisia. Propostas cuspidas en esencia, avogando ámbalas dúas por un cese de hostilidades como antesala dunha resposta humanitaria coordinada, pero concorrentes, coa agravante de provir de dous aliados e socios no seo da UE. Que París e Berlín presenten cadansúa iniciativa deixa ben ás claras o estado de fragmentación e insolidariedade entre estados e, quizais, ter atravesado un punto de non retorno do multilateralismo.