Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
7 de Agosto de 2013 Mansilla Blanco

Dialogar con Irán?

A proposta de diálogo enviada polo presidente iraniano Hasan Rohani afronta incertas perspectivas para Washington.

Trala súa asunción presidencial o pasado 3 de agosto, o novo mandatario iraniano, o aiatolá Hasan Rohani, enviou unha sutil mensaxe a Washington considerando a necesidade de propiciar unha apertura de relacións a través dun diálogo baseado no respecto mutuo, en relación ao programa nuclear iraniano. Pero a proposta de Rohani, se ben foi inmediatamente percibida en Washington como un xesto orientado a propiciar un diálogo bilateral con Teherán, achégase nunha conxuntura imprevista para Irán e a rexión.

Se ben a política exterior de Rohani comeza amosando unha postura diametralmente distinta co respecto ao seu antecesor Mahmud Ahmadíneyad, a mesma asume que calquera iniciativa deberá ser basculada por unha serie de contrapesos internos, en especial pola “liña dura” dirixida polo Gran Aiatolá Alí Jamenei e a Garda Revolucionaria Islámica, cuxo control inclúe o programa nuclear.

Baixo esta premisa, Rohani acometerá outros retos que, con maior probabilidade, definirán unha influencia moito mais decisiva para o seu mandato. Son estes as demandas cidadás por reformas e cambios que amplíen a participación dentro do monolítico sistema político iraniano, así como medidas para aliviar unha crise económica derivada dos anacronismos do sistema (corrupción e deficiente xestión de recursos) e principalmente das sancións internacionais impulsadas dende Occidente, como válvula de presión sobre o programa nuclear iraniano.

Pero os ecos exteriores da oferta de diálogo de Rohani teñen, polo de agora, relativa repercusión en Washington. O goberno de Barack Obama está case absolutamente absorto no futuro de Exipto tralo golpe militar que depuxo ao goberno islamita de Mohammed Morsi, curiosamente un ex presidente que tentou propiciar unha apertura de relacións con Teherán. Paralelamente, o actual proceso de reapertura de negociacións entre palestinos e israelís impulsado pola administración Obama constitúe mais ben un apéndice dun contexto lastrado polos efectos do golpe exipcio e das incertezas da guerra civil en Siria. Conflito este, inevitablemente, ligado á perspectiva occidental de conter calquera capacidade xeopolítica rexional de Teherán.

Por tanto, a oferta de diálogo de Rohani non implica, polo de agora, unha prioridade indiscutible para Washington. A “domesticación” das forzas de cambio en Oriente Próximo intúese como o epicentro de atención para Obama, toda vez isto implique reforzar a seguridade de Israel e propiciar un “cordón sanitario” en torno a Teherán, coa anuencia de aliados rexionais como Arabia Saudita e Qatar. Unha estratexia herdeira da visión “neoconservadora” do seu antecesor George W. Bush, moderadamente vixente na Casa Branca.

A recente aprobación na Cámara de Representantes do Congreso de EUA de maiores sancións contra Irán, a falta de ser ratificadas no Senado, así como a decisión da Unión Europea de incluír ao movemento islamita libanés Hizbulá (un aliado xeopolítico de Siria e Irán) na lista de organizacións terroristas, son factores que clarifican cal é a esencia da estratexia de Obama: conceder mínimas concesións ao novo goberno iraniano sempre coa ameaza de impulsar estas sancións como ferramentas de “afogo” económico para o réxime iraniano.

Así, outros factores “inesperados” consideran beneficios indirectos para esta estratexia. As recentes advertencias de maiores atentados establecidas polo líder de Al Qaeda, Aywan al Zawahiri, contra obxectivos estadounidenses, implican igualmente unha “yihad” contra o xiísmo no mundo musulmán, escenario que determina inevitablemente unha especie de “guerra declarada” por parte de Al Qaeda contra Irán. Como se sabe, o país persa posúe xunto con Iraq a maior comunidade xiíta no mundo musulmán, ampliando as súas perspectivas dentro do contexto do Golfo Pérsico, en especial en países con notable presenza xiíta como Bahrein e Iemen.

A táctica de Washington adopta o clásico postulado anglosaxón de “Watchfull Waiting” ou “Espera vixiante”, concentrándose en observar cal será a real capacidade de manobra de Rohani dentro das estruturas de poder en Teherán. Trala desilusión reformista dos anos de Mohammed Jatamí (1997-2005) e a constante polarización da era Ahmadíneyad (2005-2013), en Washington cren observar posibles síntomas de esgotamento e de frustración dentro da poboación iraniana, razóns que poden estoupar nunha rebelión interna se as reformas políticas non teñen calado e as sancións internacionais aplican o seu ritmo. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais