Distribuir

Distribuir contido
IGADI 2 de Novembro de 2012 Ríos

Diáspora e Paradiplomacia

(Intervención no II Seminario Internacional “Emigración e exilio nos EE.UU.: Experiencias de Galicia e Açores”)

A diáspora, como a lingua ou a nosa condición atlántica, entre outros, é un dos sinais de identidade de Galicia como comunidade e un valor diferencial a ter en conta para o desenvolvemento de calquera estratexia de proxección exterior baseada no irrenunciable principio de universalización. Sen dúbida, esa bagaxe diaspórica que nos define como país co seu ronsel de memoria e reflexión constitúe, a primeira vista, un valor que Galicia ten a obriga de compartir coa sociedade internacional contemporánea, dentro e fóra das estruturas que lle dan forma.


Na actualidade, habitualmente, cando nos referimos á diáspora, trasladamos unhas percepcións que reflicten un certo nivel de interiorización negativa que está a primar na consideración de boa parte da sociedade galega a propósito desa realidade diaspórica. De entrada, cabe sinalar a falta aínda dunha conciencia clara e estendida no país a propósito do papel, tantas veces xeneroso e construtivo, da diáspora no noso acontecer colectivo. Cumprirían grandes esforzos para divulgar ese aporte poñendo en valor non só os feitos que o caracterizaron, hoxe en boa medida dispersos o que dificulta a apreciación acabada do seu calibre, senón tamén as persoas, que contribuíron de forma decidida nese empeño sen que as xeracións actuais valoren ese espírito de compromiso. 

Así, tradicionalmente falamos tamén de traxedia cando nos referimos ao feito migratorio, unha asociación que o relaciona naturalmente cos dramas máis fondos do país, co escaso desenvolvemento e a miseria que caracterizaron unha determinada etapa histórica, ilustrando as motivacións últimas que impulsaron a diversas xeracións a tomar o sendeiro da emigración á procura dunha vida mellor. Mesmo cabe referirse á súa connotación como expresión da renuncia a esa revolución que debería pular internamente pola mudanza, a ese desentendemento co compromiso dos que quedaban para defenestrar aos responsables do empobrecemento, e que abriu fendas non de todo salvadas entre as conciencias da Terra e do exterior. Derivada desta cultura é esa idea do retorno como esperanza maior e como fundamento dunha preferencia nas políticas públicas orientadas á xestión da relación coa nosa diáspora. Pero tamén unha atribución de culpas e débedas que dificulta a construción dunha relación madura baseada no estímulo dunha cooperación en pé de igualdade, sen reproches, e no marco dun proxecto definido de forma igualitaria. Hai nesa reflexión tan común na nosa sociedade un espírito que eu teño para min insán e que deberamos desterrar para avanzar noutra dirección, arbitrando conceptos e mecanismos que nos aboquen a unha relación máis positiva e equilibrada.

En segundo lugar, máis recentemente, a colectividade da emigración, entendida agora como unha carga, condicionou a actitude de moitos galegos e galegas que ollaban con reservas a multiplicación das políticas asistencialistas e dos beneficios sociais recentemente logrados cara os galegos e os seus descendentes no exterior. As dificultades económicas vividas en Arxentina na pasada década e o seu impacto nunha das comunidades emigrantes máis numerosas, coas institucións do colectivo en crise e a reiteración de dramas humanos que se deran por superado, provocou ondas de solidariedade que deben apreciarse en toda a súa dimensión, pero igualmente deixou entrever a alteración e inversión daquelas tornas tradicionais que orientaban os fluxos maiormente na dirección contraria. Foi esa unha oportunidade magnífica para reverdecer os vínculos bilaterais cunha pedagoxía que nunha Galicia en plena bonanza acabou por dar os seus froitos vencendo as resistencias que transferían a totalidade da responsabilidade polo benestar destes colectivos ás institucións do país de asentamento. Agora que os ventos sopran na dirección inversa, cuns ritmos de crecemento económico á alza en moitos destes países mentres aquí a crise semella non ter fondo, aprendidas as leccións dese pasado recente, teriamos a oportunidade de idear propostas que permitiran incentivar os fluxos de cooperación entre ambas partes.

Por último, a instrumentalización do voto emigrante e a secuela subseguinte de irregularidades que progresivamente contribuíron á súa deslexitimación, provocaron un forte debate entre as comunidades de dentro e fóra do país a propósito dos dereitos políticos da diáspora, derivando en restricións e ruptura de consensos que será certamente difícil de recompoñer. Resulta verdadeiramente lamentable que así sexa, que Galicia dea pasos atrás neste sentido mentres constatamos como comunidades de moitos países americanos -e doutras latitudes- instaladas na península son quen de organizar a súa implicación política desde a distancia con garantías plenas, sen que unha diáspora tan numerosa como a nosa sexa quen de votar e elixir dignamente. Insisto nesas dúas dimensións: votar e elixir. Porque non se trata só de votar, senón de elixir tamén os seus representantes directos, contando con demarcacións específicas e representantes propios que sirvan de ponte para facilitar esa implicación nesa dimensión clave que é a político-lexislativa. É este un debate non pechado, sobre o que penden novas reformas da lexislación electoral pero anunciándose disensos que nesta materia deberamos facer por evitar. A tal efecto, con aqueles máis reticentes en virtude do que consideran unha adulteración democrática correspondería á propia diáspora o desenvolvemento de misións cívicas que puxeran sobre a mesa un diálogo enriquecedor sobre as súas reivindicacións. Un diálogo franco podería axudar a superar posicións probablemente mais relacionadas coas claves locais (a súa distorsionadora instrumentalización electoral) que cun coñecemento profundo da realidade que se trata de regulamentar de forma restritiva.

Repensar a diáspora

Tal estado de cousas non é satisfactorio. Urxe por tanto repensar a diáspora de xeito que poidan equilibrarse estes xuízos ata ponderar adecuadamente esta realidade, un empeño que eu cualificaría de vital no tempo presente e do que deben participar, asumindo deberes, as dúas beiras da cuestión. En tal sentido, como premisa elemental, debe sinalarse en primeiro lugar, que nun mundo globalizado, a diáspora é un activo clave. Eu diría que un auténtico tesouro que sería dramático manter inerme ou descualificar primando as súas acepcións negativas, que as pode ter. Esa apreciación, tan realista como complexa, debe completarse coa posta en valor desa Galicia relevante que segue afastada dos centros galegos pero que exerce unha poderosa influencia nas sociedades de acollida e con proxección mesmo rexional ou global. Ese capital relacional representado por galegos de todas as profesións é un activo de gran valor que ben orientado pode xerar un caudal de vínculos e relacións perfectamente traducibles en oportunidades de desenvolvemento a todos os niveis. En América Latina, poñamos por caso, contamos con ministros, deputados, alcaldes, autoridades eclesiásticas, deportistas, comunicadores, profesores, reitores, científicos de alto nivel, e un senfín de relevancias máis que ben organizadas configuran unha masa crítica da que poucos países poden presumir. Ata empresarios, mesmo de renome. Pero non só empresarios.

Mesmamente agora, coa crise económica afectando ao emprego de forma dramática, moitos mozos e mozas galegas, excelentemente preparados, vense abocados a unha nova emigración, engadindo aos descendentes daquelas primeiras vagas, expresións novas que debidamente interrelacionadas botando man das novas tecnoloxías, poden abrir oportunidades que debemos identificar e aproveitar. Esa enerxía que se nos vai, innovando e reiterando destinos que obedecen a claves múltiples, pode retornar nun vis-à-vis permanente se somos quen de darlle xeito a un proxecto compartido que xere oportunidades para ambas as partes que poderían atopar azos engadidos para un novo relacionamento.

Pero ademais, a diáspora é un activo clave niso que chamamos internacionalización, facilitando a presenza de Galicia no mundo e a súa universalización de facto sen necesidade de levar a cabo inxentes campañas publicitarias, como outros teñen que facer. A marca Galicia ten a partires de aquí unha expresión singular que nos fai visibles ante moitas sociedades. Renunciar a ela é un absurdo que carece de sentido e que só pode explicarse por imposicións políticas tan cegas como interesadas que non responden a imperativos naturais nin lóxicos. Galicia representa un capital de prestixio en moitos países onde a nosa colectividade conta cunha presenza e unha traxectoria de recoñecemento claro. Apoiémonos niso para actualizar esa imaxe reforzándoa coas nosas mais valías adquiridas.

Por outra banda, debemos fuxir dunha internacionalización limitada ao empresarial, que ata agora ten primado nas políticas a este nivel. Obviamente esta dimensión compre tela en conta, é fundamental, pero con independencia da necesidade de fiar máis fino buscando a eficiencia e non o espectáculo, prestando mais atención ao nivel micro que ao macro, requírense outros aditivos que a reforcen, dende a cultura, a comunicación, o deporte, a ciencia, etcétera. Sendo todo isto obxectivamente certo, compre engadir que non é doado establecer esa alianza para a internacionalización, especialmente cando se tenta construír en exclusiva dende ese ámbito empresarial. Da teoría á práctica, son moitas as reservas a vencer. A confianza non se constrúe nun día, pero a favor temos que todo no mundo semella apuntar a un impulso da cooperación como clave para avanzar a todos os niveis. Para moitos, o descoñecemento e a falta de pontes é un problema. Nós, con operadores locais plenamente instalados, sen trabas lingüísticas nin culturais, temos esas pontes perfiladas. Eliminemos as peaxes.

As premisas dun enfoque novo para a diáspora

Esta posta a punto conceptual e de visión de alcance sobre o significado contemporáneo da diáspora e as oportunidades mutuas que nos brinda, debe enmarcarse nunha articulación establecida sobre varias premisas mínimas. A primeira é o establecemento dunha serie de principios-guía para a súa abordaxe. Neste sentido, son esenciais a definición dunha estratexia, o consenso e a perseveranza. Cómpre inculcar no liderado político e social de ambas as dúas beiras, pero moi especialmente en Galicia, a importancia de arbitrar unha política sostible no tempo e conducida e xestionada alén dos protagonismos ao uso. Este debe ser un proxecto de país e como tal debe contar cunha estratexia definida en colaboración cos actores implicados na súa condución cotiá, asumindo estes a responsabilidade central do seu dinamismo. O liderado público debe complementarse cunha apertura á sociedade civil que dende a preservación da independencia –tan precisada sempre de respecto e aprecio polo poder calquera que sexa o seu signo- milite a favor dun amplo consenso, dotándoo complementariamente da perseveranza imprescindible. Este último aspecto é vital, non soamente porque o desenvolvemento de políticas públicas de alcance, como esta, requiren dun horizonte temporal que transcenda a brevidade dunha lexislatura para dar froitos apreciables, senón para dar tempo tamén a consolidar unha relación de confianza que é básica para o éxito e que, non obstante, ten experimentado no pasado altibaixos en exceso. Cada paso atrás neste sentido obriga a un novo comezo, cada vez máis difícil.

En segundo lugar, esa estratexia debe basearse na configuración dun terceiro espazo de encontro entendido este como unha plataforma de conexión que permita a realización de achegas por ambas partes en pé de igualdade e asumindo a bilateralidade e a reciprocidade como normas de entendemento. A construción desta especie de “nube” paréceme crucial para configurar relacións de parcería maduras e viradas para a identificación e deseño de oportunidades prácticas que alarguen as oportunidades sectoriais. O marco identitario configúrase así como unha ocasión propicia para impulsar o desenvolvemento de relacións bilaterais mutuamente vantaxosas, maximizando as sinerxías e achegando unha visión global a todos os actores involucrados. Esa suma de achegas unida a unha perspectiva do conxunto eleva a outro nivel a cooperación e pode permitirnos gañar en ambición.

En terceiro lugar, cómpre prestar especial atención á renovación da estrutura asociativa aglutinada arredor dos numerosos centros galegos que existen en moitos países do mundo. Isto afecta á actualización, formación e dinamización dos seus corpos dirixentes, a reestruturación e racionalización dos propios centros para facilitar a súa converxencia, pero tamén ao seu enfoque, necesariamente máis aberto ás sociedades de acollida. Nisto precisamos recoñecer certa obsolescencia xeral –e como toda xeneralidade pletórica de matices a bo seguro- sen por iso descualificar nin estragar o capital acumulado que historicamente veñen achegando á conformación desa rica realidade diaspórica. Pero precisamos certa valentía para acomodar as nosas prácticas ás novas realidades pensando no beneficio común que esa actualización pode deparar dando continuidade reforzada no novo contexto a estruturas pouco operativas e escasamente atractivas, en risco de fenecer cos inevitables cambios xeracionais. Obviamente, este é un proceso que require debate e voluntariedade. Non se trata de abrir crises á lixeira senón de infundir un ánimo acorde cos novos tempos, o que pode permitir igualmente superar as fendas de distanciamento que afastaron dos centros a galegos e galegas que puideron ver neles a realización dunha Galicia construída arredor mais da memoria ca do futuro. Unha cousa e outra deben integrarse, non anularse mutuamente.

Por outra banda, nun momento en que no Estado español sopran ventos recentralizadores e ata secesionistas que poñen en tensión novamente o problema territorial, alimentando as reticencias de certos sectores sobre a pertinencia da presenza directa no exterior das Comunidades Autónomas, o que podería traducirse a corto prazo en limitacións legais explícitas, esta realidade dos centros galegos ofrece a Galicia, en condicións inmellorables, unha plataforma enraizada sobre a que construír unha acción exterior claramente relacionada cos seus intereses estratéxicos en áreas xeopolíticas clave.
En cuarto lugar, importa desterrar a idea do retorno físico como obxectivo último das políticas diaspóricas. A recuperación da “sangría migratoria” para o país pode materializarse por múltiples vías a través da formulación e xestión de proxectos conxuntos. E, naturalmente, non semella estar aí a solución dos nosos dramas demográficos. Por fortuna, a mellora tecnolóxica e os avances nas comunicacións a todos os niveis permítennos un contacto moito máis fluído e eficaz. Obviamente, nas circunstancias actuais de crise, esta política, tan tradicional por outra banda, perde atractivo por si mesma, mais con independencia da conxuntura e sen menoscabo das opcións persoais de cada quen, cabe recoñecer a existencia dun cambio de mentalidade que leva a vivir as distancias coa orixe de mil formas diferentes, o cal non representa trauma ningún senón unha realidade que cómpre vivir e proxectar de xeito que nos enriqueza como país, como cidadáns e como cultura.

Por último, deberamos fuxir de enfoques centrados única e exclusivamente na economía ou na empresa, tendencia reiterada nos despachos oficiais, ignorando outros sumatorios socioculturais que aportarían valor engadido ás estratexias de internacionalización. Por iso, fronte á tentación da segmentación, xerarquización e subalternización, compre reivindicar a cooperación e a transversalidade como neuronas esenciais desta intelixencia diaspórica. A situación de crise que vivimos pode agravar esa tendencia a privilexiar case en exclusiva a dimensión económica-empresarial, prescindindo doutras variables que non só expresan simpatías e afectos senón que son activos esenciais do noso poder brando, perfectamente traducibles en marxes de riqueza, tamén económica. Política, economía, sociedade, cultura… deben ir da man neste proceso.

A diáspora é un valor a integrar en calquera estratexia de acción exterior

Aínda que as modas derivadas da crise semellan querernos impor outra cousa, que unha entidade subestatal como é Galicia pode (e debe) desenvolver unha acción exterior específica. Está fóra de dúbida. Pronunciamentos constitucionais aparte, favorables, e unha dinámica repleta de contidos como traxectoria, cos seus méritos e deméritos –que de todo hai- ilustran a súa idoneidade, reforzada por unha realidade internacional que revolucionou o papel dos Estados de forma que a atribución en exclusiva das relacións exteriores representa unha clara limitación empobrecedora da acción diplomática. A paradiplomacia que protagonizan as entidades subestatais forma parte da realidade internacional e en determinados ámbitos avanza a pasos máis rápidos que a decimonónica diplomacia central (sobre todo, a do Estado español, verdadeiramente aqueixada de anacronismos largamente denunciados).

A diplomacia debe repensarse tamén.Mais que teimar na súa constrición, os poderes centrais deberan reflexionar sobre a oportunidade que representan e a definición de marcos de complementariedade e lealdade que favorezan as sinerxías. En paralelo, a acción exterior subestatal debe fuxir das duplicidades e recoñecer, nas coordenadas actuais, onde pode enriquecer o común e desenvolver o propio e centrar aí os seus esforzos, sen descoidar o establecemento dun vinculo normalizado co Estado que leve a este a asumir a conveniencia de instrumentar políticas privilexiadas a través da súa asunción preferente por parte dalgunhas entidades subestatais e a dignificar a recoñecer o seu estatus. É evidente por exemplo que unha política de España para a lusofonía tería en Galicia o seu actor máis idóneo. Outro tanto acontece coa diáspora, pois o problema esencial dende a óptica estatal é a inmigración. Por tanto, o protagonismo esencial de España en materia de diáspora residénciase en gran medida en Galicia, sen menoscabo doutras realidades. E Galicia debe facer valer a súa autoritas neste sentido. Por outra banda, é absurdo que os responsables de relacións exteriores das Comunidades Autónomas non integren dalgunha forma o servizo diplomático do Estado do que forman parte ou o que este os ignore nos seus plans de formación. Poderían contribuír activamente a unha moi necesaria osixenación.

Rematando

En suma, non é só que a diáspora sexa parte do país, alá onde estea, senón que grazas a ela Galicia é, en verdade e dende hai tempo, un país no mundo. Non é Inditex, a pesar do que tanto significa, quen nos pon no mundo, senón os homes e mulleres que senten o país alá onde van e reiteran a cotío a súa disposición a tender pontes.

Que estea realidade sexa un valor amorfo e inerte ou, pola contra, unha expresión dinámica e virada para o relacionamento mutuo nun contexto global determinado pola multiplicación dos fluxos, depende de nós, de todos nós, dos de dentro e dos de fóra, da nosa capacidade para construírmos ese terceiro espazo que nos ince a ambos.

Debemos implicar a diáspora nas políticas do país sobre a base da igualdade de dereitos e tamén de deberes. Prescindir dela é un fracaso colectivo. A situación actual non é nin moito menos satisfactoria. E o tempo pasa. Aprema u  cambio de rumbo.

Bibliografía

ALDECOA, F. e KEATING, M. (eds.): Paradiplomacia. Las relaciones internacionales de las regiones, Madrid, Marcial Pons, 2000.
BELTRÁN GARCÍA, S.: Los acuerdos exteriores de las Comunidades Autónomas españolas. Marco jurídico y perspectivas de futuro, Barcelona, IEA/UAB, Bellaterra, 2001.
BERTRAND, Badie e SMOUTS, Marie-Claude: Los operadores del cambio en la política mundial, México, Publicaciones Cruz OSA/Fundación Nacional de Ciencias Políticas de Francia & Dalloz, 2000.
COLINO, C.: La acción internacional de las CCAA y su participación en la política exterior española, Madrid, Documento de Trabajo nº 10, Fundación Alternativas, 2007.
CONDE MARTÍNEZ, C.: La acción exterior de las Comunidades Autónomas, Madrid, Tecnos, 2000.
FERNANDEZ DE CASAVANTE ROMANÍ, F.: La acción exterior de las Comunidades Autónomas. Balance de una práctica consolidada, Madrid, Editorial Dilex, 2001.
FRERES, C., RÍOS, X., SANZ, A. e VIQUEIRA, Mª Xosé: A acción exterior das Comunidades Autónomas españolas en América Latina: o caso de Galicia, Vigo, Texturas Internacionais, IGADI, 2002.
HOCKING, Brian.: Localizing Foreing Policy, Non-Central Governments and Multilayered Diplomacy, Londres, Macmillan, 1993.
MANSBACH, Richard W., FERGUSON, Yale H. e LAMPERT, Donald E.: The Web of World Politics. Nonstate Actors in the Global System, Londres, Englewood Cliffs, Prentice-Hall, 1976
MENENDEZ, Luís: Toda a terra é dos homes, Galegos no Mundo, Vigo, Editorial Galaxia, 1994.
MICHELMANN, Hans J. e SOLDATOS, Panayotis (eds.): Federalism and International Relations. The Role of Subnational Units, Oxford, Clarendon Press, 1990.
PAQUIN, Stéphane: Paradiplomatie et relations internationales. Théorie des stratégies internationales des régions face à la mondialisation, Bruxelas, Presses Interuniversitaires Européennes, 2004.
RÍOS, Xulio (coord.): Libro Branco da Acción Exterior de Galicia, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2005.
RIOS, Xulio: As varias vidas de Galicia, en ARIAS, Valentín e alt., Á beira de Beiras, Vigo, Editorial Galaxia, 2011.
RIOS, Xulio: Nós no Mundo, unha política exterior para Galicia, Vigo, Editorial Galaxia, 2010.
SIXIREI PAREDES, Carlos: Asociacionismo Galego no exterior”, Tomos I e II, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2000.
TEMPO EXTERIOR nº 5, Xuño-Decembro 2005. Revista de análise e estudos internacionais do IGADI que inclúe reflexións sobre as diásporas galega, portuguesa, letona, morava, chinesa e irlandesa.
UGALDE ZUBIRI, A.: La acción exterior de los Actores Gubernamentales No Centrales: un fenómeno creciente y de alcance mundial, en Politika, revista de Ciencias Sociales nº 2, 2006.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais