Capa da biografía de Don Luis

Don Luis

Coñecín a Don Luis no ano 2009, el era guatemalteco e case nicaraguano, contaba daquelas sesenta e sete anos. Coñecino coma marido de Dona Gladys, Directora do Instituto de Promoción Humana-Somoto (Nicaragua), nunha visita a Galicia organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Durante unha semana Dona Gladys fascinounos coa vida dos proxectos de cooperación do INPRHU-Somoto que financiaban o municipalismo galego e a Xunta de Galicia. 
Apartados xeográficos Cooperación ao desenvolvemento
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

Coñecín a Don Luis no ano 2009, el era guatemalteco e case nicaraguano, contaba daquelas sesenta e sete anos. Coñecino coma marido de Dona Gladys, Directora do Instituto de Promoción Humana-Somoto (Nicaragua), nunha visita a Galicia organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Durante unha semana Dona Gladys fascinounos coa vida dos proxectos de cooperación do INPRHU-Somoto que financiaban o municipalismo galego e a Xunta de Galicia. 

Entre conferencia e actividade, entre Concello e Concello, nas viaxes en tren, autobús ou coche, Dona Gladys e Don Luis contábanme as súas historias biográficas así como as de Nicaragua e Centroamérica, así como a do propio INPRHU-Somoto, como ongd de referencia no sistema de cooperación de Nicaragua, tan importante para España. Seducido pola viaxe vital centroamericana de Don Luis, entre os anos 60 e os 80 do S.XX, de Guatemala a Nicaragua, así como polas memorias directísimas de Dona Gladys arredor da auxe e caída da revolución sandinista, pasoume a semana voando. O día que nos despedimos Don Luís contoume que polas noites lera “A curva dos 9” (un texto do Instituto de Estudos Miñoráns sobre a represión franquista en Baiona) e que se ía a Nicaragua poderíame ensinar lugares semellantes. Despedinme coa incerteza de saber se os voltaría ver, animándolles a deixar constancia das súas vidas nunha biografía, escoitalos fora como ver unha película.

Rápido voltei. Dous anos mais tarde viaxei a Nicaragua e xa instalado na casa de Dona Gladys, Don Luis facilitoume un documento de word coas primeiras trescentas páxinas da súa biografía, que decidira comezar case douscentos anos atrás, para contar a súa constelación familiar desde os seus bisavós, cando a Coroa española aínda ostentaba o poder. Lino con entusiasmo durante tres días, chegando á segunda parte da biografía, xa coa súa infancia na Guatemala da United Fruit Company.

Durante a miña estadía o texto estancouse e non sería ata o 2019 que recibín un correo da súa filla Dona Marta, avisándome da próxima publicación do libro na plataforma de Amazon, autoeditado: “Regreso al infierno pasando por la gloria: Un libro basado en hechos reales”. O libro é totalmente conmovedor e único, emocionante, pedagóxico, diferente. E sinxelo de ler a pesar das súas mais de cincocentas páxinas e a ausencia dun índice máis estruturado. 

O libro de Don Luis conta unha vida de mil oficios: carpinteiro, escultor, profesor, publicista, debuxante, guionista… Unha vida de revolución en Centroamérica, en Guatemala, El Salvador e Nicaragua, no contexto da Guerra Fría e a bomba atómica. Unha vida de ong local, con todo o que implica na traxectoria de Nicaragua nos últimos trinta e dous anos. En fin, unha vida na cultura e na acción colectiva, cun pai pintor, fillo de indíxenas e obreiros, educado desde a enerxía marxista e as influencias cristiáns, mais que remata no desencanto, a sensación de fracaso xeracional e o ocaso persoal co falecemento de Dona Gladys.

Desde a proposta autobiográfica que nace cos retratos dos seus antergos, o libro de Don Luis ten dentro de si varios libros extraordinarios: En primeiro lugar un libro de aventuras da súa árbore xenealóxica, que serve para poñer en contexto as aventuras e desventuras do propio Don Luis, un personaxe orixinal cunha biografía incesante de momentos trascendentes e episodios hilarantes. En segundo lugar, o libro disecciona e debuxa as transformacións as influencias do poder mundial sobre a rexión centroamericana, desde o colonialismo e as loitas pola independencia ás dependencias económicas actuais, tanto endóxenas coma esóxena, das herdadas e das adquiridas. Por último, destaca de maneira especial no libro todos os encantos e desencantos de Don Luis coa acción colectiva e as relacións humanas, nun péndulo entre a ilusión da transformación e o cambio e a frustración dos erros repetidos, así coma das propias miserias, as nosas propias imperfeccións. O péndulo do encanto e a decepción. Todo coa presenza elegante do realismo máxico latinoamericano e un universo persoal complexo, coma todo os que se observan de preto e no que calquera lector penetrará ao longo das súas páxinas.

A sensación ao final do libro é que a vida de Don Luis é unha vida de película e que un editor con destreza sería capaz de facer de “Regreso al infierno pasando por la gloria: Un libro basado en hechos reales” un libro especialísimo, quizais un superventas, moi local e moi universal, entre o libro de aventuras, a biografía e o libro histórico.