Dreamland ou o fin do soño americano

O futuro dos programas de integración e regularización de inmigrantes, principalmente mexicanos e centroamericanos, parece pender dun pequeno fío ante as iniciativas desenvolvidas pola administración Trump. As repercusións da cancelación de programas como Acción Diferida para os Chegados na Infancia (DACA, polas súas siglas en inglés) ou do Estatus de Protección Temporal (TPS, polas súas siglas e inglés), que suporían a finalización das autorizacións de permanencia no país dos denominados dreamers, poden desenvolver treboadas de grande magnitude dentro e fora dos EUA.  

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Estados Unidos
Palabras chave EUA Inmigración Dreamers
Idiomas Galego

O futuro dos programas de integración e regularización de inmigrantes, principalmente mexicanos e centroamericanos, parece pender dun pequeno fío ante as iniciativas desenvolvidas pola administración Trump. As repercusións da cancelación de programas como Acción Diferida para os Chegados na Infancia (DACA, polas súas siglas en inglés) ou do Estatus de Protección Temporal (TPS, polas súas siglas e inglés), que suporían a finalización das autorizacións de permanencia no país dos denominados dreamers, poden desenvolver treboadas de grande magnitude dentro e fora dos EUA.  

No aspecto político, a utilización destas medidas coma ferramenta de presión está a supoñer un crise de gran calado nas institucións norteamericanas. A vinculación establecida entre o futuro dos dreamers e os programas que os sustentan, coa aprobación de partidas específicas para a construción do muro na fronteira con México, está elevando as tensións tanto na cámara alta coma no propio seo do sistema partidista. Coma resultado directo máis visible atopamos o primeiro peche temporal do goberno federal(1) da era Trump, ante a falta de acordo para a aprobación dos presupostos federais, pese a que os republicanos acadan a maioría en ámbalas cámaras.

A nivel social, a aplicación práctica da suspensión dos programas citados (polo momento pausada) abriría a porta á posible deportación de 800.000 persoas, forzando á clandestinidade ou á volta a países de orixe sen capacidade de asunción e dos que en moitos casos apenas manteñen vínculos, o que consecuentemente aumentaría notoriamente a presión migratoria dende o sur.

Fin do programa DACA e TPS: unha bomba de tempo

Nun prazo de apenas catro meses (entre setembro de 2017 e xaneiro de 2018) a actual presidencia da Casa Branca quixo poñer fin a dous dos plans de regularización de inmigrantes con maior peso nos EUA. Se ben os prazos varían, entre outras cousas pola paralización temporal por vía xudicial, ao longo deste 2018 e do próximo 2019 poderían verse revocadas as autorizacións de estancia, deixando nun futuro incerto aos beneficiarios destes programas e implicando unhas repercusións nefastas para o tecido socioeconómico dos países de orixe.

Cunha longa vixencia, de máis de 20 anos, o TPS outorgou permiso de residencia e traballo a preto de 300.000 salvadoreños, nicaraguanos e hondureños, entre outros. Firmado en 1990, baixo a premisa de outorgar protección a vítimas de catástrofes naturais ou conflitos bélicos (e recordemos o rol activo dos EUA nos conflitos centroamericanos), permitiu a consolidación e desenvolvemento de novos grupos familiares no país.

Debido á súa longa historia, moitos dos beneficiarios atópanse ante esta nova situación contra a espada e a parede. Cun asentamento dende os anos 1990, cunha vida e familia construída no entorno norteamericano, o repatriación voluntaria non parece contemplarse, forzando á clandestinidade e ao traballo mergullado, coas repercusión que iso ten para o propio tecido socioeconómico.

No caso de deportación, suporía a fragmentación de núcleos familiares establecidos e integrados. Do mesmo xeito, a falta de arraigo e vinculación co país de procedencia chega a ser total, sendo un escenario totalmente descoñecido e diferente ao deixado atrás.

Numerosos analistas teñen advertido sobre os perigos inherentes ao posible retorno masivo destes migrantes, tanto para os EUA coma para os países de orixe, con especial preocupación no caso salvadoreño, instando a recordar as nefastas experiencias pasadas (a expansión das maras estivo directamente ligado á repatriación masiva dos anos 90). Coma grupo maioritario (preto de 200.000) e debido á falta de vínculos co país(2), os retornados salvadoreños serían pronta vítima dun crime organizado estendido por tódalas capas da sociedade.

Do mesmo xeito, a incapacidade institucional de dito Estado, as altas taxas de paro e un mercado laboral deprimido, así como a falta de oportunidades para un volume tan alto de retornados, suporía un reto inasumible para as mermadas capacidades estatais. Todo isto sumado ao funesto impacto económico directo, pois non debemos esquecer a dependencia existente da diáspora que, mediante o envío de remesas, chega a supoñer ata o 17% do PIB do Salvador.

No relativo ao programa DACA, aprobado pola administración Obama en 2012, outorga protección apreto de 750.000 mozos, na súa maioría de orixe mexicana e que chegaron ao país sendo menores (moitas veces non acompañados). A súa posible cancelación (polo de agora pausada) non só repercutiría negativamente nos aspectos antes mencionados, pois son persoas que medraron e educáronse para desenvolverse no entorno actual, senón que tamén suporía un forte impacto en rexións coma California, onde forman parte activa e fundamental do tecido socioeconómico.

Neste sentido, non foron poucos os líderes empresariais, especialmente dentro do sector tecnolóxico (Apple, Microsoft, Amazon, Facebook, etc.), os que lanzaron advertencias sobre as repercusións negativas para a economía empresarial da zona. Segundo a misiva firmada por estes 400 executivos e líderes económicos, estímase a posible perda entorno a US$ 24.600 millóns só en contribucións ao sistema de seguridade social. Pola súa parte, no informe emitido polo Center of American Progress (CAP) sinálase unha perda a dez anos de entorno a US$ 460.300 millóns no PIB.

Un xogo político perigoso

Aínda que dende a administración norteamericana aléganse supostos motivos xurídicos, apreciase claramente unha raíz política e a súa imprudente utilización coma ferramenta. Cun país con preto de 11 millóns de indocumentados e cun cinto industrial empobrecido, o discurso nacionalista do “America First” no que se enmarcan estas iniciativas supón un recurso habitual e frutífero de cara a unha base electoral fundamental. Do mesmo xeito, reforza a imaxe de político que cumpre as súas promesas, sobre todo como contrapeso aos fracasos existentes na derrogación do sistema sanitario ou no veto migratorio.

Sen embargo, consciente da controversia que suscitan ditas medidas e buscando eludir o golpe, a presidencia decidiu outorgar sendas prórrogas e trasladar o debate e “destino” ao Senado. Do mesmo xeito, vinculou o futuro de ditos programas a un acordo cos Demócratas para a aprobación dos presupostos federais, esixindo o establecemento dunha partida destinada á construción do muro con México. Trátase dunha xogada calculada ante a importancia do electorado latino no Partido Demócrata, situándoo nunha encrucillada de intereses.

Parecía buscarse o “choque de trens”, pois a cuantía solicitada para a iniciativa do muro (US$ 18.000 millóns) estableceuse coma unha liña vermella, sen admitir discusións ou debate, alén de incrementarse substancialmente respecto a outras estimacións iniciais. Pese a maioría republicana en ambas cámaras, necesitábase dun acordo para chegar a unha maioría cualificada e dar luz verde aos presupostos (60 votos sobre 100), baixo a ameaza dun cerre da Administración Federal (shutdown).

O pasado 20 de xaneiro produciríase dito peche institucional, deixando a 800.000 empregados públicos suspendidos temporalmente de emprego, coa clausura efectiva de tódalas administración públicas salvo as de servizos mínimos (transporte, seguridade, sanidade, etc.). Dito peche duraría ata o día 22, cando se alcanzaría un acordo de mínimos para outorgar unha prórroga á aprobación de ditos presupostos, que vencerá a próxima semana.

Esta aposta pode resultar perigosa incluso para as aspiracións do executivo norteamericano, pois diversas frontes ábrense e aumenta o descontento  en sectores do Partido Republicano. Do mesmo xeito, as friccións existentes no seo do partido,  o malestar xerado polo shutdown (que resulta probable que volva a producirse) e a complexidade inherente ao tema dos dreamers, que segundo as últimas enquisas ata unha maioría de votantes republicanos apoia a súa estancia nos EUA, poden supoñer un hándicap para as próximas eleccións lexislativas de novembro.

O terremoto provocado, co epicentro nos programas de migratorios DACA e TPS,  augura uns efectos de carácter transversal a curto medio prazo dos que só se poden estimar os posibles danos. A recorrente estratexia da presidencia de levantar po e, posteriormente, pescar en río revolto, nesta ocasión pode non acadar os resultados esperados e xoga perigosamente cunhas repercusións que acadarían dimensións transnacionais, intersociais e, especialmente preocupantes para o discurso da Casa Branca, económicas.

 

Citas bibliográficas:

(1) O peche fíxose efectivo o día 20 de xaneiro, cun parón efectivo de 60 horas tras chegar a un acordo de mínimos que outorga unha prórroga de 3 semanas para á aprobación dos presupostos.

(2) Nin sociais nin culturais, inclusive ata o nivel de descoñecer o idioma, ao ter nacido ou ser criado nos EUA dende idades moi novas. Do mesmo xeito, para os migrantes de “primeira xeración” a situación actual do país dista enormemente da que deixaron atrás no seu momento, con novos fenómenos estendidos como os maras e o crime organizado.