Dunha crise, nace unha oportunidade (ou varias)

Que a saúde é o primeiro non o dubidaba ninguén (ata o de agora). É unha máxima atemporal indiscutible e ubicua no imaxinario da sociedade internacional, sen saúde a morte é o único desenlace. A pesares de tan clara sentencia, diversos liderados políticos arredor do mundo antepoñen o beneficio económico curtopracista á prevención, investimento en ciencia e resposta rápida para frear as consecuencias, efectos e resultados da actual pandemia da Covid-19.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Que a saúde é o primeiro non o dubidaba ninguén (ata o de agora). É unha máxima atemporal indiscutible e ubicua no imaxinario da sociedade internacional, sen saúde a morte é o único desenlace. A pesares de tan clara sentencia, diversos liderados políticos arredor do mundo antepoñen o beneficio económico curtopracista á prevención, investimento en ciencia e resposta rápida para frear as consecuencias, efectos e resultados da actual pandemia da Covid-19.

Os exemplos de éxito na xestión permiten ver que a dilixencia na resposta, a previsión e a transparencia son os conceptos chave que deben dirixir a forma de control da actual crise sanitaria (e en realidade calquera crise). Claros son os casos de Alemaña, Finlandia, Noruega, Islandia, Dinamarca, Nova Zelandia e Taiwán. Todos eles teñen como mínimo común denominador a decidida capacidade de toma de decisións, a claridade expositiva dos discursos dirixidos a poboación dos seus respectivos países e a creatividade na procura de   solucións. Os países mencionados están gobernados por mulleres. Non é esta última cuestión un aspecto ligado ó éxito asegurado pero son estes bos exemplos que amosan a necesidade imperante de que a igualdade de xénero debérase alcanzar en todos os eidos e de que de ser así a sociedade global sairía beneficiada. O século XXI non sebe de ser outro máis na cronoloxía histórica pero o século das melloras sociais. Para tod@s, contando con tod@s.

Na actualidade, a existencia xeralizada dun maior número e mellor calidade na formación de mulleres estudantes non é aspecto sinequanon para que se eleve o número de candidatas en postos de máxima responsabilidade tanto política como no eido empresarial pero si é certo que favorece a súa inclusión.

A responsabilidade debe recaer na obrigada necesidade de mellorar un sistema educativo inclusivo cun plan a longo prazo, capacidade flexible de adaptación ós cambios que se poidan producir e reflexión continuada sobre a consecución dos obxectivos, melloras dos procedementos e formación continua do profesorado entre outros. Prevención, organización e seguimento son as chaves para o éxito da incorporación destas melloras.

Sen embargo, o ámbito educativo no que se debera centrar a atención é nas idades de infantil e primaria. A visualización da equidade e diversidade como algo natural permite obter unha mentalidade máis flexible e inclusiva en idades posteriores onde os esquemas mentais básicos xa están formados. Por outra banda, a corresponsabilidade, a eliminación de estereotipos propios dunha sociedade patriarcal e a existencia de referentes femininos que sirvan de guía e no que verse reflexadas son as ferramentas necesarias para mudar a longo prazo a fotografía de desequilibrios actual.

Esta perspectiva de equidade no local pódese obter dende unha perspectiva internacional, por exemplo, asimilando a denominada Axenda 2030. O 25 de setembro de 2015, 193 países comprometéronse cos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible de Nacións Unidas e o seu cumprimento de cumprilos para o ano 2030. Para o seu cumprimento é necesario vontade política, organización e financiación. Exemplos existen. A finais do 2020 China sacou ós últimos 5 millóns de persoas que estaban por debaixo do umbral da pobreza. Poboación situada en provincias do centro e oeste do país, lugares afastados e comparativamente moi lonxe da notoriedade alcanzada polas zonas costeiras do este do país. Dita poboación viu as súas condicións de vida melloradas debido o desenvolvemento de novas industrias, mellora das infraestruturas e, a aplicación de tecnoloxías para mellorar os cultivos entre outras medidas. Obxectivo conseguido unha década antes do previsto.

Esta pandemia é un reto para os e as líderes políticos de todo o mundo así coma unha oportunidade para as sociedades contemporáneas. O 2020 non foi un ano redondo pero si que debe exercer como punto de referencia para unha análise que proporcione solucións a problemas estruturais que veñen de lonxe afectando a moitos seres humanos no planeta. A vacinación debe ser xeralizada, de non ser así voltará de novo, Africa non debe quedar á marxe nesta etapa de control da pandemia pois todos, todos navegamos na mesma pateira. Países coma o Reino Unido, Estados Unidos ou Brasil, cun liderado controvertido, e unha negación inicial da situación e tardanza na toma de decisións nun primeiro estadio permite aseverar que o resultado de eleccións democráticas per se non posicionan ó mellor candidato a fronte da xestión dun país. A profesionalización da carreira política debera ser unha necesidade unánime, pois a pertenza a un partido político, o apoio interno ó candidato/a e a existencia dun apoio económico a este confirman unha visualización do mesmo cara o electorado e listo, nada máis. En postos de dirección sempre é necesario o apoio dun equipo asesor pero inaudito é que na actualidade, no século XXI, exista un presidente que non poida comunicarse en inglés cos seus homólogos, careza dunha oratoria propia do seu posto ou propicie un discurso bélico entre os seus concidadáns. Inaudito e inadmisible.       

A un nivel máis social cabe afirmar que o confinamento propiciou ambigüidades, incoherencias e tamén certas reflexións positivas. Así, o teletraballo permitiu estar máis na casa, cos nosos pero visualizouse a dificultade no equilibrio entre os eidos laboral e familiar. O modelo arquitectónico derivado da época do boom do ladrillo en España puxo de manifesto que cando se trata de pasar moitas horas en pisos de pequeno tamaño, pouca luz natural e lonxe de espazos verdes as horas pasan moooi lentas. A arquitectura debería mellorar a calidade de vida dos seus ocupantes, pois un edificio enfermo non é un bo continente para un cidadán física e mentalmente san.

Do noso confinamento o mundo animal saíu contento. O ser humano non é propietario da natureza, somos todos veciños non opoñentes. Así vivimos ata hai unhas décadas, en harmonía, nunha roda interdependente e non excluínte. Comprobadas están as consecuencias do cambio climático, a desaparición de vexetais e extinción de especies animais, a existencia de migrantes climáticos e a destrución continuada do planeta, facendo que a brecha da pobreza sexa máis ampla.

Ante esto, os retos. A actual pandemia da covid-19 deu en acelerar procesos xa en marcha. O marco da axenda 2030 pode ser impulsada para acadar os obxectivos, se cadra, algúns antes dunha década, pois a desaceleración económica está presente, ó mesmo tempo que o están as oportunidades. Dunha crise poden rexurdir varias oportunidades. Fagámolas posibles!