Ekuxei, día da lingua materna

O 21 de febreiro de 1952 a lingua bangladesí converteuse en estandarte da liberdade e en catapulta da independencia da terra do bengalí, Bangladesh. Nesa altura, a multiplicidade de linguas do subcontinente indio estaba repartida en dous estados: India e Paquistán. Este último, dividido en dous territorios separados, apenas tiña na relixión un punto de enlace. Mais esta non era suficiente para unir o estado e aproximar ambas as beiras no resto de referentes culturais.

Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

O 21 de febreiro de 1952 a lingua bangladesí converteuse en estandarte da liberdade e en catapulta da independencia da terra do bengalí, Bangladesh. Nesa altura, a multiplicidade de linguas do subcontinente indio estaba repartida en dous estados: India e Paquistán. Este último, dividido en dous territorios separados, apenas tiña na relixión un punto de enlace. Mais esta non era suficiente para unir o estado e aproximar ambas as beiras no resto de referentes culturais.

Por unha banda, Paquistán Occidental mantivo os lazos culturais co mundo árabe e xuntou os diferentes dialectos falados no lugar nun combinado que se converteu en oficial e que mesturaba hindi e farsi cunha base árabe e turca. Por outra banda, Paquistán Oriental seguiu a empregar o bangla, como os veciños da Bengala india, e nunca perdeu a súa identidade lingüística malia os anos de ocupación británica.

En 1948, o goberno do acabado de crear estado de Paquistán instaurou o urdu como lingua oficial. Porén, o estudantado da Universidade de Daca enseguida se mobilizou contra a medida. Así naceu o Movemento pola Lingua, que demandaba o bengalí como lingua oficial de Paquistán Oriental, feito que conseguiu. E dese xeito, na primavera de 1952, que en Bangladesh adoita ser o 13 ou 14 de febreiro, os líderes estudantís decidiron celebrar o Día da Lingua.

Para ese primeiro día da lingua programáranse desfiles e manifestacións en toda Paquistán Oriental, e a Universidade de Daca volveu ser o centro de reunións. E aínda que o goberno prohibira as xuntanzas multitudinarias, a mañá dese ekuxei de febreiro (21), as rúas axiña se encheron de estudantes que celebraban ter unha lingua de seu. Mais fronte a eses berros pacíficos pronto se aliñaron policías e os gritos mudaron. As balas provocaron centos de persoas feridas e os primeiros mártires pola lingua: Barkat, Jabbar, Rafif, Salam e Shafiur.

A revolta lingüística de 1952 foi o alicerce que empuxou a independencia desa terra do bangla, alcanzada en 1971. Amais desa vitoria, Bangladesh gañou para sempre o recoñecemento mundial como baluarte de paz e loita polos dereitos da lingua. Dende o ano 2000 esta data conmemórase en todo o mundo e en Daca esténdese a todo o mes, no que os festexos congregan libros e xente arredor da idea de protexer a lingua materna.

O mes de febreiro é o mes do libro en Bangladesh, adiado este ano por mor da covid-19. Un dos eventos máis recoñecidos é o Boi Mela, talvez a feira do libro máis grande do mundo. Milleiros de libros amoréanse en casetas engalanadas para a ocasión e distribúen o lectorado que adoita encher o labirinto de librarías do barrio de Nilket. Porque esta veciñanza de libros traballa todo o ano e fai que, con Boi Mela, a Universidade de Daca permaneza engaiolada entre barrotes literarios parapetados polo tráfico incesante da cidade e polos monumentos que lembran a súa historia.

En Ekuxei todos os paseos levan á praza dos mártires, Xahid Minar, a un costado a Universidade de Daca. A cor laranxa das ofrendas florais cobre a estrutura de mármore en lembranza dos estudantes mortos en 1952. E entre o bulicio das camiñadas e do follear de libros, escóitanse recitados e cancións. Nun escenario ao aire libre e mais no do centro cultural Shilpakala, voces ataviadas coas cores negra e branca que simbolizan a tristura e a alegría da data, silencian a algarabía.

Dende ese 21 de febreiro de 1952, a terra do bangla rememora a defensa da lingua materna e a necesidade de pensar que «renunciar ao idioma é ser mudo e morrer», como berrou Manuel María. Por iso é preciso criticar o desprezo das elites que odian os versos das nosas linguas maternas e que, malia naceren no chan desa terra, non son quen de apreciar de onde veñen, como gritaba, en bengalí, Abdul Hakim. Festexemos pois as primaveras das máis de 7000 linguas espalladas polo mundo, xanelas (palabra común en bangla e en galego) abertas ao respecto pola diversidade cultural e lingüística.