Enigmas turcos

Nun momento de recomposición das alianzas xeopolíticas turcas (UE, OTAN, Rusia, Israel), toda vez intensifícanse os impulsos para os proxectos personalistas do seu presidente Recep Tayyip Erdogan, o atentado terrorista desta semana acaecido no aeroporto de Istambul (con saldo preliminar de 43 mortos e decenas de feridos) implica observar con maior prudencia sobre o que realmente está acontecendo en Turquía e na contorna rexional. Se ben as autoridades turcas e os medios occidentais concordan en atribuír este atentado ao Estado Islámico (Daesh) sen existir aínda reivindicación do mesmo por parte do grupo xihadista, neste confuso contexto aparecen diversas variables expresamente manifestadas pola presumible redefinición dun novo status quo rexional. A súbita parálise na dinámica do conflito sirio, coas incertezas sobre o futuro do réxime de Bashar al Asad e as expectativas que se abren sobre o futuro dos curdos, avanzan nunha conxuntura onde a administración Obama entra na súa recta final, polarizada entre a necesidade de consolidar un histórico legado (apertura con Irán) que choca irremediablemente coa crúa realpolitik rexional. No epicentro deste complexo conglomerado de intereses atópase Turquía, cuxas decisións están excesivamente determinadas por complicados escenarios de actuación.   

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

Nun momento de recomposición das alianzas xeopolíticas turcas (UE, OTAN, Rusia, Israel), toda vez intensifícanse os impulsos para os proxectos personalistas do seu presidente Recep Tayyip Erdogan, o atentado terrorista desta semana acaecido no aeroporto de Istambul (con saldo preliminar de 43 mortos e decenas de feridos) implica observar con maior prudencia sobre o que realmente está acontecendo en Turquía e na contorna rexional. Se ben as autoridades turcas e os medios occidentais concordan en atribuír este atentado ao Estado Islámico (Daesh) sen existir aínda reivindicación do mesmo por parte do grupo xihadista, neste confuso contexto aparecen diversas variables expresamente manifestadas pola presumible redefinición dun novo status quo rexional. A súbita parálise na dinámica do conflito sirio, coas incertezas sobre o futuro do réxime de Bashar al Asad e as expectativas que se abren sobre o futuro dos curdos, avanzan nunha conxuntura onde a administración Obama entra na súa recta final, polarizada entre a necesidade de consolidar un histórico legado (apertura con Irán) que choca irremediablemente coa crúa realpolitik rexional. No epicentro deste complexo conglomerado de intereses atópase Turquía, cuxas decisións están excesivamente determinadas por complicados escenarios de actuación.   

A confusión sobre a autoría do atentado en Istambul manifesta as complexas encrucilladas nas que se atopa actualmente Turquía. Aquí imponse con maior nitidez as contraditorias consecuencias emanadas da errática e ás veces confusa política turca co respecto á crise siria, polarizada pola actual dinámica de moderada parálise que se observa dentro deste conflito.

Este contexto deixa a Ankara nunha difícil situación xeopolítica, derivada da súa velada intención de apoiar os esforzos internacionais orientados a derrubar o réxime de Bashar al Asad, curiosamente un moderado aliado turco ata a aparición da Primavera árabe en 2011 e do espallamento da guerra civil siria; pola inicial benevolencia turca cara un Daesh que, a partir de mediados de 2015, convértese nunha ameaza para a seguridade turca, a través de atentados terroristas neste país; e principalmente polos complicados labirintos establecidos polas expectativas autonomistas curdas, que alteran os intereses xeopolíticos rexionais turcos.

Paralelamente, Turquía busca unha recomposición e redefinición dunha nova relación coa UE e a OTAN, escenario no que se igualmente se afirma a necesidade de recompoñer as súas relacións con Rusia, temporalmente suspendidas desde finais de 2015 trala crise suscitada polo abatemento de dous cazas rusos en territorio turco. Recompoñer a relación con Rusia toda vez o Kremlin ten acadado con eficacia os seus obxectivos militares en Siria supón agora un imperativo para Erdogan, aspecto que igualmente mantén unha expectante actitude para Washington, a OTAN e a UE.

Colateralmente, a tensión existente entre Ankara e a comunidade curda en Turquía, expresamente focalizada trala suspensión das negociacións de resolución deste conflito en agosto de 2015 orquestrada polo propio Erdogan. Sen ben ningún grupo atribuíse a reivindicación do atentado no aeroporto de Istambul, debe tomarse en conta que, trala ruptura de negociacións cos curdos en agosto de 2015, espalláronse case de inmediato unha riada de atentados en Istambul e noutras cidades turcas por parte do grupo terrorista Falcóns da Liberdade do Curdistán (TAK), unha escisión do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK). O mais recente destes atentados foi realizado a comezos de xuño no distrito de Fatih, na parte europea de Istambul, claramente deseñado para atacar a vital industria turística turca.

Apostando de novo pola solución militar, moi probablemente premido polo poderoso estamento militar turco, Erdogan entra nunha perigosa dinámica dentro do conflito curdo, toda vez os curdos de Siria consolidan as súas posicións na denominada rexión de Rojava ao norte sirio fronteirizo con Turquía, e ante as evidencias de apoio loxístico, principalmente por parte de EUA e Israel, ás milicias curdas en Siria que loitan contra o Daesh.

Estes presuntos apoios exteriores cara os curdos sirios vense tacitamente complementados pola implicación doutros actores, como Arabia Saudita, Catar e Irán, con diversos intereses dentro da crise siria, pero aparentemente convencidos da necesidade de reducir os ámbitos de expresións dos intereses xeopolíticos turcos, particularmente do faraónico proxecto de Erdogan de constituír a Turquía nun líder rexional en Oriente Medio, no espazo euroasiático e incluso de cara ao mundo islámico.

Dentro do contexto interno turco, a consolidación dun novo partido curdo, o Partido Democrático do Pobo (HDP), que comeza a aflorar como un movemento opositor a Erdogan e o seu partido islamita AKP, con notable representación parlamentaria tralas eleccións de xullo e novembro de 2015, altera considerablemente o mapa político turco.

O fortalecemento do HDP supón un notable declive político para un PKK aparentemente descabezado na súa dirección central, toda vez a aposta militar de Erdogan e do estamento castrense turco, mais proclive a apuntar a un inimigo común (TAK ou incluso Daesh), pode terminar resultando contraproducente para os seus intereses, claramente expresado no fortalecemento dos seus imperativos xeopolíticos e de seguridade.

Con isto, e ao carón da represión turca cara a comunidade curda, o HDP e outros movementos cívicos poden converterse nunha forte oposición in crescendo contra un Erdogan claramente apostado na deriva personalista e autoritaria, escenario que igualmente pode provocar rupturas dentro do propio AKP, tal e como se veu coa recente renuncia (maio de 2016) do ex primeiro ministro Ahmet Davutoğlu, outrora aliado político de Erdogan.

A tenor das informacións oficiais turcas e as especulacións dende diversos medios occidentais de eventualmente implicar ao Daesh co atentado de Istambul, a non reivindicación do mesmo por parte da organización xihadista alimenta  aínda mais a confusión.

Fontes oficiais turcas aseguraron que os terroristas suicidas que cometeron o atentado no aeroporto de Istambul son de orixe ruso (neste caso procedentes das repúblicas caucásicas rusas de Chechenia e Daguestán), uzbeco e kirguiz. Visto dende unha perspectiva global, estas evidencias sobre a orixe nacional dos presuntos autores determinaría un presumible escenario de expansión das redes de recrutamento e de afiliación do Daesh de cara as repúblicas caucásicas e centroasiáticas, enclavadas estas dentro das respectivas esferas xeopolíticas de influencia tanto rusa como turca.

Así, os recentes esforzos de Erdogan por diminuír a tensión e reconducir as relacións bilaterais con Rusia (ata agora con moderado eco por parte de Moscova) implica observar con maior nitidez escenarios non necesariamente limitados ao conflito sirio senón á posible confluencia de intereses entre Ankara e Moscova para buscas mecanismos de cooperación antiterrorista e en materia de seguridade dentro do espazo euroasiático, tomando en conta a presenza de comunidades rusas e de orixe túrquico en repúblicas do Cáucaso e de Asia Central.

Pero existen outras variables que colateralmente entrarían en xogo a carón deste atentado terrorista, sen obviamente explicar directamente tanto as razóns como a orixe deste atentado. Para Europa, a crise provocada polo Brexit e a necesidade de frear as riadas de refuxiados sirios obrigáronlle a reconstituír as súas alianzas estratéxicas, neste caso con Turquía vía UE, tal e como se observou co pacto establecido en maio pasado, que ampara determinadas vantaxes para a eventual admisión turca. Con todo, Bruxelas ten retardado a apertura do Acordo Schengen cara cidadáns turcos, toda vez Ankara ten acadado o seu compromiso de frear radicalmente as rutas dos refuxiados sirios cara Europa.

A recomposición das relacións estratéxicas entre a UE e Turquía, coa expectante mirada da OTAN, vese igualmente manifestada na inesperada reconciliación acaecida nas derradeiras semanas entre Turquía e Israel tras seis anos de rupturas e confrontacións, particularmente trala crise provocada polo represión israelí contra a flotilla turca de apoio aos palestinos de Gaza en 2010.

A recondución das relacións turco-israelís  revitaliza unha alianza estratéxica fortalecida a partir de 1996 a través de acordos militares e económicos. Un escenario levemente similar á igualmente inesperada e súbita conxuntura de desxeo entre Ankara e Moscova derivada do atentando en Istambul, motorizada por intereses de carácter turístico e comercial, tomando en conta que Turquía é un dos destinos favoritos para os turistas rusos. Para Erdogan, manter unha conexión chave con Tel Aviv e Moscova implicaría reconfigurar os seus intereses en Siria, particularmente de cara á entorpecer a eventual consolidación dun Estado curdo de feito na fronteira sirio-turca, aspecto que igualmente motiva a Ankara a axilizar as súas relacións coa Rexión Autónoma Curda (RAK) do Norte de Iraq.

A recente ofensiva na localidade iraquí de Faluya, realizada polo Exército iraquí con apoio de milicias peshmergas curdas e da coalición internacional encabezada por Washington nunha cidade ata agora baixo control do Daesh, da a entender algúns trazos deste novo status quo da posguerra siria que se está deseñando no “novo Oriente Medio”. Trazos que, a tenor da complexa situación estratéxica na que se atopa Turquía, intensifica igualmente todo tipo de complexidades e de incertezas.

E non esquezamos que a administración Obama está de retirada, concentrada na sucesión presidencial e na necesidade de afianzar o imperativo estratéxico “obamiano” en Oriente Próximo, que non é outro que acelerar a incerta apertura con Irán. Unha apertura que permita pechar círculos concéntricos de intereses na rexión e que lle asegura a Washington a necesidade de concentrar a atención no seu verdadeiro escenario de interese estratéxico: China e Asia-Pacífico. Será a sucesión presidencial na Casa Branca a partires de 2017 a que deberá acometer os retos establecidos pola “Doutrina Obama”.