Esperanzas, incertezas e o peso da realidade: Dinámicas contraditorias para a Primavera árabe

A frase que abre esta análise non reflicte, necesariamente, unha radiografía global e certeira sobre a imprevisible dinámica de cambios que actualmente acontece no mundo árabe.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

A frase que abre esta análise non reflicte, necesariamente, unha radiografía global e certeira sobre a imprevisible dinámica de cambios que actualmente acontece no mundo árabe.

“Pecamos de optimistas. La victoria de islamistas en Túnez y Egipto demuestra la irresponsabilidad y el exceso de optimismo por el deseo de ver revoluciones laicas”

Gustavo de Arístegui, diplomático e ex deputado do Partido Popular


A frase que abre esta análise non reflicte, necesariamente, unha radiografía global e certeira sobre a imprevisible dinámica de cambios que actualmente acontece no mundo árabe. Obviamente, as “revolucións” que durante o 2011 aconteceron dende Tunisia ata Iemen marcan unha ruptura clara cunha cultura política imperante, alterando un mapa xeopolítico no que o escritor Juan Goytisolo non dubidou en cualificar como que, no mundo árabe, “ya nada será como antes”.

Non obstante, a perspectiva 2012 obriga a considerar o peso da realidade nas ata aparentemente anquilosadas sociedades árabes, así como nas súas relacións con Occidente e, incluso, sobre o momento que vive o propio Estado de Israel. Mentres o Magreb busca transformar, baixo diversas dinámicas, o seu sistema político a través dunha maior participación social (parcialmente “domesticada” nos casos de Marrocos e Alxeria), a mecánica bélica segue a alterar o panorama no Mashrek, en especial ante a perspectiva dunha operación militar entre Israel e Irán e o cruento conflito interno en Siria.

Dende o exterior, a Primavera árabe certificou o fracaso occidental á hora de identificar unha relación fluída cun mundo árabe que demanda a súa lexítima modernización política e cultural. A perpetuación do apoio occidental cara as autocracias de Ben Alí en Tunisia ou Mubarak en Exipto deu paso a unha revolución popular que está dando paso ao fortalecemento dos movementos islamitas, “satanizados” e perseguidos polos aliados occidentais dentro do mundo árabe pero que, ao mesmo tempo, eríxense agora como os únicos actores con capacidade de mobilización social e política para vertebrar uns cambios a todas luces inevitables.

Un escenario que, como ilustra a declaración anteriormente citada por De Arístegui, revela a cada vez mais evidente escasa capacidade de visión occidental no mundo árabe actual e a súa decepción por ver substituídos os seus antigos e autócratas aliados (Ben Alí, Mubarak) con novos actores politicamente incómodos pero cuxa lexitimidade se fortalece a través de procesos democráticos. Con isto, Occidente afianza dos seus contrastes amparando o inmobilismo con trazos de represión política en nas “petromonarquías” do Golfo Pérsico e Marrocos, tanto como dilúe calquera posibilidade de intervención en Siria a diferenza do sucedido en Libia. Así, EUA e Europa revelan esa miopía política amparada por un “dobre raseiro” que, a todas luces, ilustra o seu fracaso no mundo árabe.

Por tanto, a incomodidade occidental ante a Primavera árabe explícase pola súa falta de previsibilidade e de incapacidade para vertebrar unha política global de achegamento equitativo cara un mundo árabe cambiante. Esta nova realidade obrigará a Occidente a revisar o seu discurso e os seus postulados tradicionais, en especial no relativo á relación entre Islam e Democracia, factor clave para explicar o que actualmente está sucedendo dende o Magreb ata o Golfo Pérsico.

Democracia en medio de contrastes

Como explican Ignacio Gutiérrez de Terán e Ignacio Álvarez-Ossorio no seu balance das revoltas árabes(1), o “malestar árabe” ten múltiples facianas non só explicadas pola perpetuación de réximes autocráticos con escasa apertura política senón por un “agudo deterioro económico” rexistrado nas derradeiras décadas. Isto derivase ante a incapacidade estatal para responder ás demandas socioeconómicas emanadas do boomdemográfico (con especial atención en materia de inserción laboral)(2) nunhas sociedades identificadas pola elevada preponderancia dunha mocidade “modernizada” no aspecto cibernético pero “atomizada” en canto as súas perspectivas e demandas políticas, culturais e socioeconómicas.

Esta radiografía explica, a grandes resgos, o porqué do espallamento das revoltas árabes. Outros autores(3) exemplifican a actual revolución árabe con procesos históricos similares de rebelión popular como os acontecidos na Europa reaccionaria de 1848 ou trala caída dos “socialismos reais” de 1989. Contestando e desfasando a tradicional e preponderante visión occidental sobre o aparente inmobilismo da “rúa árabe”, a Primavera de 2011 activou unha histórica rebelión popular contra unha estrutura política anquilosada e inmóbil e un sistema económico imperante durante décadas, e que afondou as desigualdades sociais.  

Desde o punto de vista do poder, a Primavera árabe xa cobrou catro vítimas políticas, traducidas nas caídas presidenciais de Ben Alí en Tunisia, Hosni Mubarak en Exipto, Muammar al Gadafi en Libia (cobrando incluso a súa propia vida) e Abdullah Saleh en Iemen. A atención actualmente está enfocada en observar ata qué punto é posible que o presidente sirio Bashar al Asad sega o mesmo camiño. A cambio, as eleccións lexislativas de novembro pasado en Tunisia e o prolongado proceso electoral constituínte que actualmente se observa en Exipto, ilustra o ascenso electoral e político dun actor ata agora marxinalizado da escena política árabe, como son os casos dos movementos islamitas, nestes casos o tunisiano partido Ennahda (Renacemento), a influente Irmandade Musulmá exipcia, con conexións noutros países árabes, e o improvisado movemento exipcio Al-Nour, de tendencia mais radical e salafista.

Non obstante, acontecen importantes diferenzas e retos en cada caso. Tunisia, o berce da Primavera árabe de 2011, amplía un importante proceso de transición democrática post-Ben Alí co total concurso das elites e da institucionalidade estatal, se ben persisten incertezas e temores ante o programa político do movemento Ennahda, en especial en materia relixiosa e de xénero. En todo caso, a sociedade tunisiana está amosando un exemplar proceso de transición que debe servir de referencia para o resto do mundo árabe e para Occidente.

Pola súa banda, o prolongado proceso electoral exipcio, non exento de certos rebrotes de violencia sectaria política e confesional, caracteriza os temores sobre unha radicalización destas revoltas e transicións. Tradicional líder do mundo árabe e irrestrito aliado xeopolítico e militar de Occidente e Israel, o Exipto post-Mubarak da conta dun escenario onde o preponderante “pretorianismo” militar emanado da república “nasserista” laica e panarabista, contrasta co avance electoral e político dunha Irmandade Musulmá que tenta ascender socialmente como un partido moderno e progresista, similar ao Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP) actualmente gobernante en Turquía. Por tanto, un tenso pulso enfocado na configuración dun novo modelo político e constitucional no que igualmente intervén diversos actores laicos que xa tiveron un papel clave na caída de Mubarak en febreiro de 2011.

Precisamente, a referencia do AKP turco ilustra a tentativa de confeccionar  cambios na xeopolítica rexional a través dun improvisado e non menos incerto achegamento turco-exipcio, incluso con perspectivas económicas e militares, que ironicamente intensifica o illamento de Israel dentro do novo mundo árabe, radiografía tamén ampliada de cara a EUA e Europa. O exemplo do “islamismo democrático e laico” do AKP turco permite igualmente expandirse dentro dos movementos islamitas no Magreb e no Mashrek, perspectiva que identifica porqué Turquía semella ser un actor clave na nova xeopolítica rexional e un beneficiado indirecto da Primavera árabe.

A dinámica de cambios en Tunisia e Exipto contrasta co inmobilismo das elites de Marrocos e Alxeria, aínda que este último país celebrará eleccións lexislativas en abril próximo que poden consolidar aos movementos islamitas locais, acabando coa hexemonía da Fronte de Liberación Nacional. Pola súa banda, a cosmética reforma constitucional marroquí lexitimada a través dun referendo popular celebrado en xullo pasado atomiza calquera dinámica de cambios que supuxeran unha contestación popular contra a autoridade monárquica alauíta, a pesar de que o islamita Partido da Xustiza e do Desenvolvemento gañou en novembro pasado, por maioría simple, as eleccións lexislativas.

Deste modo, o cosmético e “gatopardiano” reformismo marroquí constitúese na referencia clave para outras monarquías árabes como Xordania, Arabia Saudita, Bahrein, Kuwait e Emiratos Árabes Unidos, temerosos do espallamento da rebelión popular en escenarios importantes para os intereses enerxéticos e comerciais occidentais. Este reformismo inmobilista con trazos de atroz represión oficial, como acontecera en Bahrein en febreiro de 2011 con apoio militar saudita e tacitamente occidental, serviría de efecto aleccionador ante calquera demanda de democratización nesas sociedades.

Pola súa banda, os movementos islamitas afrontarán un necesario debate público e plural sobre a relación entre Islam e Democracia, principalmente pola persistencia de actores laicos igualmente importantes a pesar de que as urnas reflictan a preferencia electoral polos movementos islamitas. Aquí é onde a referencia do AKP turco ampliado nos diversos contextos nacionais, será un elemento a tomar en conta. Pero como sucede ante calquera transición política, os cambios poden traer escenarios de incerteza e volatilidade, un aspecto preocupante en sociedades con escasa cultura política progresista, con fortes desigualdades socioeconómicas e de xénero. Por iso, o pulso entre o laicismo, Islam e democracia seguirá sendo a clave que identifique cara onde vai o novo mundo árabe.

Cambios cun trasfondo de conflitos e guerras

En marzo de 2011, trala aceptación por parte do Consello de Seguridade da ONU da apertura dun espazo aéreo en Libia a fin de prover de capacidade loxística aos rebeldes que loitaban contra as forzas de Gadafi, a comunmente denominada “comunidade internacional” adoptou por vez primeira o polémico concepto da Responsabilidade de Protexer. Un concepto que, ironicamente, non foi reproducido nese momento ante a represión das elites sunnitas en Bahrein contra a maioritaria comunidade xiíta, ou actualmente dentro do drama interno que vive Siria.

Libia constituíu, por tanto, a primeira “pedra de toque” de Occidente para tentar nivelar e equilibrar a Primavera árabe a favor dos seus intereses. Como sucedera co Iraq de Saddam Hussein entre 1991 e 2003, a caída de Gadafi constituíu unha importancia capital para Occidente que servira de referencia cara outros autócratas incómodos, como o sirio al Asad ou o réxime iraniano, pero que ao mesmo tempo amortecera o efecto das caídas de autócratas beneficiados por Occidente, como Mubarak e Ben Alí.

Pero a Libia post-Gadafi revela igualmente os temores sobre a desestabilización e posibles fracturas políticas e territoriais inseridas no complexo mundo árabe, un exemplo que pode reproducirse na Siria actual. A complexa amalgama de actores involucrados no actualmente gobernante Consello Libio de Transición podería dar curso a unha división nacional en dúas entidades (Cirenaica e Tripolitania) onde o factor enerxético libio está en xogo para os intereses europeos e estadounidenses.

Polo contrario, e aleccionados polo errático exemplo libio, Rusia e China afrontaron na actual crise siria unha frontal ruptura co eixe “atlantista” (EUA, Gran Bretaña e Francia) dentro do Consello de Seguridade da ONU, tentando non reproducir en Siria (aliado militar e comercial de Moscova e Pequín) un escenario similar ao libio. Con todo, o contexto sirio actual semella mais ben reproducir os efectos da guerra civil libanesa acontecida entre 1975 e 1990.

Restan por observar dous actores clave: Israel e Irán, ambos actualmente en estado de máxima alerta ante unha posible guerra en Oriente Próximo polo programa nuclear iraniano. Incapaz de predicir o alcance da Primavera árabe, Israel acelera o seu illamento rexional, incluso observando a sensible e aparente perda de aliados xeopolíticos como Turquía e Exipto, e certa sensación de distanciamento por parte dunha administración Obama moito mais pendente das eleccións presidenciais de novembro próximo. Aínda que potenciando o seu poderoso estamento militar, en especial de cara a Irán, Israel pode, por tanto, ser unha “vítima indirecta” dos cambios no mundo árabe.

Finalmente, a presión occidental e israelí cara Irán pode determinar a atomización das demandas de apertura política e democrática espalladas tralo polémico proceso electoral de xuño de 2009 que permitiu a reelección presidencial dun Mahmud Ahmadineyad actualmente caído en desgraza política. Este contexto fortalece o poder da Garda Revolucionaria Islamita e a posible configuración dun pretorianismo militar dentro da República teocrática. Este factor explicaría porqué aparentemente Irán aparece inmóbil ante a Primavera árabe.

A diversidade de cambios no complexo contexto das sociedades árabes seguirá sendo un factor imprescindible dentro dos cambios da política internacional para os próximos anos. Pero a realidade de 2012 supera o apresurado e errático “optimismo” prooccidental manifestado, por exemplo, por De Arístegui. Compre, por tanto, aceptar como máxima a reveladora sentencia de Goytisolo de que, no mundo árabe, “xa nada será como antes”.



(1) GUTIÉRREZ DE TERÁN, Ignacio e ÁLVAREZ-OSSORIO, Ignacio (ed), Informe sobre las revueltas árabes, Ediciones del Oriente y del Mediterráneo, Madrid, novembro de 2011.

(2) Ibid

(3) Ver o artigo de DAVIS, Mike, “La Primavera encara el invierno”, New Left Review en español, Nº 72, xaneiro/febreiro 2012.